O castro de Zoñán sempre foi para min un dos referentes míticos do territorio galego, grazas aos contos e noticias de Cunqueiro, para quen ese enclave sempre tivo algo de atraente e entrañábel. O castro de Zoñán, o Coto da Recadeira (ou Recadieira), as Covas do Rei Cintolo... sérvennos para ir trazando o mapa máxico desa Galiza Britoniense ou Terceira Bretaña que, en moitos sentidos (e lonxe de min calquera intención despectiva, senón máis ben ao contrario), segue a conservar un certo ritmo arcaico nas súas cousas e nas súas xentes.
Non pode resistirme a deixar aquí a noticia que dá Antonio Reigosa dalgunhas criaturas estrañas que se deixaban e se deixan ver de cando en vez polas inmediacións de Zoñán. Aínda que de xeito moi condensado, nestas letras adivíñase o rastro deses moitos seres , quer salvaxes quer domésticos, que proliferan na nosa exuberante imaxinación popular: trasgos, diaños, demachiños (quen non lembra a sonada caixa dos demachiños, protagonista dun dos nosos contos tradicionais máis coñecidos e fermosos?), demos burleiros (tan semellantes aos phooka da tradición irlandesa), xente cativa (moi lembrada precisamente nestas comarcas norteñas), tardos, encantos... e toda unha interminábel recua de nomes, rostros e historias. Habería que lles preguntar aos que traballan por aquel xacemento castrexo se nalgunha ocasión se encontraron con algún destes habitantes do trasmundo...
Mais neste texto emerxen nomes especialmente queridos para min, como o de Lence Santar, vello cronista da cidade de Mondoñedo e a quen lle debemos notas antropolóxicas verdadeiramente alucinantes. Que desfrutedes pois!
Mais neste texto emerxen nomes especialmente queridos para min, como o de Lence Santar, vello cronista da cidade de Mondoñedo e a quen lle debemos notas antropolóxicas verdadeiramente alucinantes. Que desfrutedes pois!
______________________________________________________________________CRIATURAS AVISTADAS NA PENA GRANDE DE ZOÑÁN
El Progreso, 16 / 08 / 2009
A escasos metros da croa do castro de Zoñán, na parroquia dos Remedios, en Mondoñedo, na beira do vello camiño que sobe desde os Cucos e de Pelourín cara a Estelo, hai unha pena (en realidade son tres moi xuntas) coñecida como a Pena Grande. Aquel é un lugar de medos; ou sexa, unha paraxe propicia para as aparicións e visións de criaturas sobrenaturais, sexan estas demos, encantos ou ánimas.
Hai noticia de que nesta pena fan vida uns encantos que tocan a gaita, cantan, bailan e aturuxan, maiormente na noite da véspera do día de San Xoán. Cóntao Lence Santar, e pon por testemuñas de telo visto, e sentido, entre outros, ao Angulo e ao Grilo de Pelourín, a Monterroso de San Cristovo e ao Picos de Tronceda. Angulo de Pelourín viu alí mesmo ao trasgo unha noite de San Xoán cando regresaba desde Zoñán á casa. O trasgo seica aganchaba por un castiñeiro ao tempo que fungaba, que ensinaba os dentes e que esgazaba as canas da arboreda de arredor.
Farruco Otero Doural, Farruco da Costa, xa leva fóra deste mundo desde o 2 de xaneiro do ano 1933, e foi, por certo, o derradeiro home da comarca que gastou monteira (tiña unha de saial para o diario e outra de pano para os días santos). Farruco da Costa tamén viu o demo na Pena Grande. Viuno por tres veces; claro que Farruco, aínda que non sabía ler nin escribir, dominaba a ciencia de ver nacer as herbas e sabía botar as contas dos pelos que podía chegar a ter un xanto.
Todos estes seres do noso imaxinario son diferentes aínda que a xente xa case non sabe distinguilos. Todos son grandes transformistas (año, vaca, cabalo...) e moi rebuldeiros, o mesmo os podemos ver en figura de animal ca de persoa, enredando dentro e fóra das casas. Os encantos emparentan cos mouros e coas mouras, mentres que os trasnos, trasgos e diaños son da familia do Demo; das pólas bastardas, xa hora.
e pois comentaremos logo polo tanto se cadra este blog e mais aínda porén incluso fareime admirador do mesmo. Se voÇé tiver interese en máis historiadores de bestas e seres máxicos, ou simplemente de difícil avistamento (para todos aqueles que non posúan un globos oculares 3.0, ou no seu defecto os iVEXOTODO de Mac), debería preguntar vostede polo famoso ruralista gastroanimista topologador, e autodefinido como "poeta popular", Elicoideo Armende, natural de Vilardeseo (ou preto dalí, que eu non calculo ben as distancias), pois faloume o bon home dunha estrana criatura vérmica neo-zoiberguiana vista nas terras fronteirizas do norte. A devandita "creatura", como lle chamou Elicoideo, foi literalmente voada polos aires (non polos Bos, senón máis ben polos malos, aires, quiero disir). No meu parecer o caso ten máis que ver con Iker Jiménez que con Cunqueiro, pero disto eu mellor estou calado pois non son "esperto" na materia nen tampouco no gaseoso. Cordiais e enrevesados, ateigados de comas e aclaracións,saúdos babilónicos.
ResponderEliminar