sábado, 13 de fevereiro de 2010

O Mississipi pasa por Dublín

As conexións e xenealoxías musicais compartidas polas dúas beiras do Atlántico foron exploradas desde hai anos por algúns dos popes da música irlandesa. Non hai máis que lembrar ese Atlantic Bridge no que Davy Spillane, gaiteiro de Moving Hearts, mesturaba o repertorio tradicional gaélico con ecos de blues e o country. Tamén The Chieftains, habituais pioneiros en todo tipo de fusións inverosímiles, fixeron as súas incursións neses territorios de fronteira e diáspora. A conexión presenta aquí dous ramais: por unha banda, a ninguén se lle escapa que o country presenta un innegábel pouso irlandés; pola outra, non deixa de haber certas concomitancias entre os ritmos afroamericanos e os das fisterras atlánticas, reflexos estraños que se cadra teñen a ver con esa célebre aseveración de que os irlandeses son os negros de Europa. Por iso non nos soaba mal aquela "Negro Song" que interpretaba Alan Stivell, con esa voz nasal inconfundibelmente bretoa mais que algo tiña de marisma do Mississipi. e enerxía de gospel. E por iso nos encantan os matices de big band e hip hop cos que construíu o seu discurso musical o mellor frautista irlandés das últimas fornadas, que tal é Michael McGoldrick.
Na Galiza comezamos a indagar nesas metamorfoses hai uns anos. E conste que o noso herdo musical na América non arraizou soamente nas terras de hispánico avoengo, pois aí está Domingo Ferreiro, O Gaiteiro de Texas, para corroboralo. Emprenderon a prospección os Luar Na Lubre co seu disco Saudade, seguiulles Carlos Núñez coa recentísima Alborada do Brasil e polo medio quedou esa interesante Descarga ao vivo que desbrozaba as corredoiras musicais comúns a galegos e cubanos. Aínda lembro aquel programa de Alalá no que se incidía na especial química existente entre escravos afro-cubanos e inmigrantes galegos na illa, pois ambos os dous representaban o máis marxinal, o máis afastado dos brillantes salóns da burguesía habanera: o barullo, a confusión, o tribal incluso. Estaría ben que o recordásemos de cando en vez.
En fin, non demoro máis en filosofías barateiras e doulle paso á música, que en casos coma este fala por si soa e explícase a si mesma. Déixovos un vídeo das Transatlantic Sessions no que o cantante Dan Tyminski comparte a súa febre cunha auténtica big band de músicos irlandeses e escoceses. Que gostedes!

quinta-feira, 4 de fevereiro de 2010

Foliada / Seisiùn

Ás veces bota un de falta non poder asistir con máis frecuencia na música galega a momentos tan esplendorosos e suxerentes coma este, que atopei como adoitan atoparse as pequenas grandes xoiais: do xeito máis puramente casual.
Talmente parece coma se a foliada do país e a seisiùn irlandesa se fundisen nunha aperta que soa sólida, consistente, posíbel. Coma se o estudio de gravación Casa de Tolos se convertese por un día na delegación galaica das impresionantes Transatlantic Sessions. Boto de falta experiencias coma esta na música galega, nos traballos dos músicos galegos. Frauta de madeira, concertina e violín, unha combinación que non é menos nosa nin menos representativa do noso que outras moitas máis ou menos vixentes no noso folque.
Que gostedes pois desta "Muiñeira de Vai e Vén" a cargo de Pancho Álvarez e dos xemelgos Castro (membros fundadores de Felpeyu). Case nada...