segunda-feira, 24 de janeiro de 2011

Mundo celta, capital Glasgow

Botou a andar o Celtic Connections, ese evento que, xunto co Festival de Lorient, serve para lles tomar a temperatura aos proxectos musicais que se están a cocer ao redor do Arco Atlántico, e mesmo noutras latitudes teoricamente moito máis afastadas (unha boa proba disto é a atención que este ano está a recibir no festival a música gospel). Un séntese convencido de que, simplemente polo pracer de ver a Galiza involucrada en acontecementos desta envergadura e repercusión, xa paga a pena contarse entre as filas dos celtistas (ou celtófilos ou atlantófilos ou calquera outro neoloxismo co que me quixeren alcumar as súas señorías).
E é que Galiza está en Glasgow, madia leva a estar! A sonoridade e a sensibilidade dalgunhas das nosas mellores bandas póñenlle o ramiño de pirixel ao balbordo que estes días se deixa sentir polas rúas e polos cenarios da capital obreira da Escocia. Por aló anda Anxo Lorenzo (que compartirá concerto cos seus amigos de Dáimh), e por aló andan tamén Son de Seu, A Banda das Crechas e mais os Fía Na Roca, que aproveitaron a ocasión para se despedir do seu público (a alguén se lle ocorre algo mellor que dar un concerto de despedida no marco do Celtic Connections?).
E os que non podemos andar estes días por Glasgow sempre podemos procurar consolo no Youtube e agardar a tempos mellores e a ocasións máis propicias para nos deixar caer por aló...







sexta-feira, 21 de janeiro de 2011

Viaxe ás raíces da turba con Seamus Heaney

Decateime de que, desde que hai case dous anos rocei estas ciber-leiras que deixara a monte, aínda non se deixou caer por elas un dos meus poetas de cabeceira, asiduo seareiro doutra tenza que tiven e criado (como non!) en irlandesas brañas. Refírome a Seamus Heaney. Vai tamén para dous anos que asistín a un recital seu no Círculo de las Artes de Madrid, aproveitando a histórica e excepcional alineación planetaria que fixo coincidir a súa presenza na capital do Imperio Pequeno coa nosa asistencia a un congreso de Lingüística.
Unha persoa entrañábel, o vello Seamus. Coma un avó que axeita o seu corpo miúdo e pálido no escano da lareira e fai tronar a súa voz con versos poderosísimos, manchados de patacas, de fariña, de turba, de pistolas, de sementes, de teitos de palla, de linguas e pántanos, de épicas anguías e de brutais ostras...
Coma un avó, talmente. Un avó que, finalizada a exhibición da palabra, tirou de pena para me asinar o meu exemplar en galego de Field Work, e estirou a man para recibir un exemplar das miñas Crónicas Chairegas. Aínda non sei de onde tirei o valor para tal ousadía, para tan irlandesa temeridade, mais o certo é que é hoxe o día que respiro con dificuldade cando penso que nalgún sombrío recanto dos andeis de Seamus Heaney habita un fragmento dos meus delirios literarios doutrora. Malia a certeza de que nin sequera chegou a ler media páxina e de que nunca saberá o que significa o título. Malia iso, o subidón non mo quita ninguén!
Moito teño falado do que me di e do que me significa a poesía (ou, cando menos, certa poesía) do vello Seamus, así que non me vou demorar máis no tema. Hoxe simplemente quería compartir convosco un dos meus poemas predilectos, máis rico, máis cargado de potencia mítica. Intitúlase "Digging" (A cavar), e foi precisamente co que arrincou aquel mítico recital madrileño. Non se me ocorre xeito mellor de lle dar a benvida á fin de semana!

A cavar (Digging)

Entre o índice e o polgar
repousa a miña pluma, cómoda coma unha pistola.

Baixo a miña xanela, o son áspero e limpo
da pa a se afundir no pedregullo:
meu pai cava. Miro para el

até que o seu lombo tenso se anasa
entre os eidos, e renace vinte anos lonxe
a se debruzar ritmicamente nos sucos das patacas
onde cavaba.

Afirmábase torpe a bota no canto da pa, facía palanca
o cabo seguro contra o interior do xeonllo.
El arrincaba as más herbas, enterraba fondo o gume brillante
para espallar as patacas novas que nós recolliamos,
amando aquela dureza fresca nas nosas mans.

Aquel petrucio sabía traballar coa pa.
Coma o seu vello.

Meu avó cortaba máis turba nun día
que calquera outro home nas gándaras de Toner.
Nunha ocasión leveille leite nunha botella,
tapada de xeito chafalleiro con papel. Púxose dereito
para o beber, e axiña volveu anicarse,
a rañar e cortar con aquel xeito, erguendo as felpas
por riba do ombro, indo cara abaixo
pola turba boa. Cavando.

O cheiro frío do balor da pataca, a labazada
na turba enchoupada ao se esmagar, os cortes secos dun gume
através das vívidas raiceiras despertas na miña memoria.

Mais eu non teño pa para seguir a homes coma aqueles.

Entre o índice e o polgar
repousa compacta a miña pluma.
Cavarei con ela.

domingo, 16 de janeiro de 2011

E seguimos a soar

Comecemos pois o ano e fagámolo coa sonoridade de grupos e propostas novas que van arrequentando o mosaico da nosa música. Assembly Point, Riobó e Tonecho Castelos & Pablo Esqueira. Propostas de directo, de locais pequenos e sonoridades potentes e compactas, desas que se deixan acompañar moito ben polo celme dunha cervexa do país.