terça-feira, 18 de agosto de 2009

Carlos Núñez triunfa (de novo) en Irlanda

É un artista controvertido desde que o seu nome comezou a resoar no complicado mundo da música folque galega. Sobre todo desde que rachou inesperadamente moitos tabús tacitamente asumidos a comezou a explorar os camiños da mestura. Primeiro foi o flamenco, naquel célebre e polémico Os amores libres no que lendas vivas da música celta como Paddy Keenan o The Chieftains tocaban por alboreá e fandango, e redescubriamos un pouso moreno e sureño nas tradicións en absoluto monolíticas desta nosa beira atlántica. Seguiulle algo despois a música pop en Mayo Longo, as tradicións musicais das fisterras galega e bretoa en Almas de Fisterra / Un galicien a Bretagne e, xa máis recentemente, no desconcertante Alborada do Brasil, atreveuse a extraer a medula galaica que palpitaba desde hai máis de quiñentos anos nos ritmos brasileiros.
Discutido, a miúdo criticado por cuestións peregrinas, cando non absurdas. Achácaselle endeusamento, por exemplo. Calquera que acudise a algún dos seus concertos e se achegase a el para pedirlle a sinatura dun disco comprobará que nada hai máis lonxe da realidade. E cal é a realidade? A realidade quizais podería resumirse así: un músico que ama os seus instrumentos e sabe extraer o mellor deles; unha enciclopedia das músicas tradicionais e as súas infinitas interconexións, alén dos mares e das terras, de Galiza á India, de Irlanda ao Brasil, de Andalucía a Cuba; unha capacidade estremecedora para transmitir eses coñecementos a través dos seus traballos; e, sobre todo, unha vontade de innovación que non vacila cando toca distorsionar e retorcer os canons coñecidos, e que deste xeito lles foi franqueando portas a moitos outros artistas desta nosa leiriña do Noroeste. A máis dos que poida parecer, moi seguramente.
Fará falta dicir que falo de Carlos Núñez?

Seguramente se notou bastante que o gaiteiro vigués sempre foi un dos meus tres ou catro músicos máis admirados. Mais é que hoxe cómpre felicitalo moi especialmente, tendo en conta a noticia da que se fan eco os principais medios galegos: Carlos recibiu o Ireland's Music Awards na categoría de mellor artista europeo. A cousa ten mérito non só porque o noso gaiteiro conseguiu imporse a artistazos da talla e calibre de Michael McGoldrick, Capercaillie, Salsa Celtica ou Flook (ou sexa, coma quen din, uns pobriños de pedir polas portas...), senón porque Carlos converteuse por agora no primeiro músico non británico que recibe este galardón.
Así que, para conmemorar tanto dato xunto, que mellor que gozar dun vídeo que sirva cando menos como pequeniña homenaxe ao noso artista. O que vos deixo aquí pertence a aquel mítico concerto no Parque de Castrelos (Vigo), vai xa para cinco anos, e é un set de pezas irlandesas (a primeira delas, "Banish Misfortune", unha das miñas predilectas) tocadas na compaña dos seus mestres The Chieftains, dos irmáns Pilatzke e da bailarina Cara Butler. Con solo de percusión a cargo de Xurxo Núñez incluído. Espectáculo, nervio e enerxía son as palabras que se veñen á cabeza cando un ve estas imaxes e se enchoupa destes ritmos. A quen non lle gustaría estar aí, no escenario, fabricando cada melodía canda a todos eles?
Non digo máis, que gostedes!



2 comentários:

  1. Home, un pouquiño ególatra, ou mellor dito, narcisista si que é. Recordo ben o concerto que fumos xuntos e as posturiñas que se gastaba. Eso sí, o irmán parecía superalo neste punto

    ResponderEliminar
  2. Ben sabes, don Drawall, que moi poucos artistas se resisten ao vicio das poses (aínda que isto non ten por que ser síntoma de egolatría). O caso é que hai artistas que se reducen a ser soamente iso, unha pose, e outros que acompañan a pose con outras moitas virtudes. Eu penso que o Carlos está neste segundo grupo.
    Saudiños!

    ResponderEliminar