terça-feira, 28 de dezembro de 2010

O Apalpador, o sol, o inverno...

Desde hai uns anos o Apalpador conseguiu asentarse como unha marca de identidade do Nadal galego, mesmo en sectores en principio bastante afastados (no ideolóxico, mais non só) daqueles dos que partiu o proceso de revitalización e reivindicación desta figura da mitoloxía popular courelá. Claro que sempre hai persoas remisas, pailáns de patacón que viven ancorados nos seus pseudo-discursos directamente importados da meseta e que ven ameazas e inventos do nacionalismo radical por toda a parte, agás (faltaría máis!) nos grandes tótems da cultura oficial e españolísima. Porque seica o Apalpador é unha invención, ou un plaxio do Olentzero batasuno (digooo, basco), ou como pouco unha distorsión do que non era máis ca un cocón para espantar os cativos. Ora, os símbolos culturais españois xurdiron puros e inmutábeis cando don Pelayo aínda arrastraba o cordón umbilical. Lóxico que estes palleiráns boten a lingua a pacer precisamente agora. Non deixa de ser un sinal de que algo como o Apalpador (símbolo non só do Nadal galego, senón tamén dun xeito radicalmente distinto de entender o Nadal!) está a conseguir un grao alto de aceptación social sen necesidade de pedir certificados oficiais nin de pagar portaxes en Madrid ou Hollywood. E iso non o poden aturar, xa ora!

Mais eu non quería falar de caspa nin de papanatas, senón do Apalpador e do sol e das grandes toradas estalando nas lareiras mentres cae a xeada no mundo. Porque o Apalpador vén de moi atrás, e como tantos outros temas da nosa tradición non deixa de ser transformación de mitos moito máis arcaicos. O entrañábel carboeiro que fuma en cachimbo e arrastra as súas chinelas polas devesas adiante preséntasenos como decantación de vellas simboloxías solares, e así o viu José André Lôpez Gonçález no seu estudo sobre o Apalpador, verdadeiro fito inaugural na recuperación deste personaxe e que estes días estiven a reler con delectación. Déixovos aquí un pequeno extracto no que o Apalpador aparece relacionado cun rito fermosísimo ao meu ver, como é a torada de Nadal.


O Apalpador e a torada de Natal_____________________

[...] Um rito pan-indoeuropeu mergulhado na noite dos tempos ligado a nosso personagem, como a seguir observaremos, é o da torada de Natal, da que tem escrevido inesquecíveis páginas Sir James George Frazer. O senhor Benigno da casa de Cela de Romeor do Caurel assinalou-me que quando ele era moço ainda traziam desde A Devesa para as casas uma torada bastante grossa para alimentar o lume de Natal, acrescentando: "Ninguém, durante este tempo, não devia jurar, nem zangar-se, nem bater nas crianças, nem nos animais. Depois de se cantar Os Reis -cá vinha-che gente desde Santim, de Zanfoga e mesmo de Busmaior-, punham-se às portas das cortes as cinzas do tarulo para que o gado passasse por cima. Assim espantavam-se-lhes as doenças". O senhor havia ter em torno dos oitenta anos quando recolhi o rito em 1988. Ele, camponês, nunca saíra do Caurel fora do serviço militar.

Aqui se mostram os caracteres apotropáicos, isto é, o vigor protector, directamente sobre os animais e de modo indirecto sobre a gente, do ritual. Que este rito tem sido operante também em Bezerreã e em Cervantes, assegura-o D. Jesus Rodríguez López em Supersticiones de Galicia, livro publicado em 1910. Em Portugal há o costume de prender dos ramos das árvores figuras a anunciar o Natal que depois são queimadas diante da Igreja. No Douro há a tradição de queimar uma árvore inteira na lareira. Nas Beiras, tanto a Alta quanto a Baixa, a árvore conhecida como o Madeiro do Menino-Jesus, é queimada na praça aos doze toques da meia noite, salta-se depois sobre o braseiro à par que se cantam as Janeiras. Antigamente o povo todo da aldeia comia, bebia e dançava à volta do fogo, a seguir à missa do galo, entrando a diversão pela noite dentro.

D. Julio Caro Baroja e D. José Miguel de Barandiarán, com muita sabedoria e atenção, têm atestado e estudado o tema da árvore do Natal e dos assuntos ligados a ele no País Basco. Mesmamente o antropólogo Caro Baroja informa da sua vitalidade em Aragão, Andaluzia, Castela, Catalunha, na França -onde muito tem batalhado Jean Batiste Thiers, cura de Vibraie e açoite de superstições- e igual na Itália. Na Toscana é mesmo nomeado Ceppo (toro da árvore cortada) o dia 25 de Dezembro. Ficam de acordo todos os etnólogos em que a queima do toro de Natal tem uma ligação ineludível com as representações solares (o Sol, produtor da luz e da vida em correspondência com a vegetação firma-se nos solstícios como se torna evidente nas festas de São João no solstício do verão), ritos mergulhados na profundidade da noite dos tempos. Mesmo a árvore de luzes, tão usual hoje em todos os fogares cidadãos, que veu a nós desde a Germânia, não vem ser mais, em rigor, que a velha queima da torada de Natal milenária, fortemente deformada desta volta por uma comercialização abusiva e a papa-moscas mimetização da pseudo-cultura holiwoodiana.

O Apalpador, com as funções atribuídas de carvoeiro, isto é, trançador de árvores, subministrador do lume (floresta-luz-calor) e doador de castanhas, possui as mesmas virtudes apotropáicas postas na queima dos madeiros, isto é, anunciador da fartura, da protecção, da aliança com a boa fortuna. [...]





sábado, 18 de dezembro de 2010

James McPherson ou o violín esnaquizado

Foi unha desas historias de que tanto gostan os escoceses. Chamábase James McPherson e naceu aló por 1675, fillo dunha xitana e dun terratenente das Terras Altas, o soberbio McPherson de Invereshie. James, home forzudo e de espada rápida, chegou a ser violinista de renome, mais esas inquedanzas musicais non lle impediron converterse tamén no líder dunha banda de xitanos que fixo delitos e falcatruadas varias por todo o norleste escocés, desde Moray a Aberdeenshire. Cómpre aclarar canto antes que estes delincuentes entraban na tan celebrada categoría dos "bos ladróns", pois todo canto sobraba dos seus roubos e saqueos (que foron moitos e frecuentes, a xulgar polas fontes) era relixiosamente repartido entre os menos agrazados pola fortuna. Mais sendo violinista e ladrón, era cuestión de tempo que os fados se volvesen na súa contra e lle despexasen moi solícitos o camiño da forca.
E así foi. Certo día fixérono preso na localidade de Keith, despois dunha persecución polas rúas digna dun telexornal ianque e que só concluíu cando unha muller lle guindou por riba unha saba ao coitado do James, facilitando a súa captura e selando a súa perdición. Foi xulgado en Banff, declarado culpábel e condenado polos maxistrados a morrer na devandita forca, que de seguro agardaba impaciente e nerviosa polo pescozo de tan insigne persoeiro (xa o dixo Hamlet con acento mariñao: Fan agora tan ásperos espartos!). Chegado o día da execución, os maxistrados souberon por ocultas canles que estaba a piques de chegar desde Aberdeen un emisario co indulto para James McPherson (non hai historia de execucións na que non medie un indulto, ben o sabemos os que algún día pasamos pola Ponte do Pasatempo). Como non podían permitir baixo ningún concepto que un ladrón violinista (e xitano por vía materna!) se salvase dos ásperos espartos de Escocia, os maxistrados mandaron adiantar o reloxo da vila vinte minutos, para que James McPherson fose executado antes tempo. Xa no cadafalso, diante da multitude, McPherson sacou o seu violín e tocou o lamento que compuxera na véspera na escuridade da súa masmorra. O famoso Lamento de McPherson. Concluída a peza, ergueu o instrumento e ofreceullo a alguén do seu clan que fose quen de tocalo coma el. Ante o silencio xeral, berrou: Pois ninguén ha tocar nunca máis o violín de McPherson!, e dito isto partiu o violín en dous con grande violencia. Neste punto diverxen as crónicas, pois hai quen di que escachou o instrumento contra o seu propio xeonllo, e hai quen opina que utilizou para tal mester a cabeza do propio verdugo. Sexa como for, aquel día foi pendurado James McPherson, a quen imaxinamos orgulloso e escuro pendurado no medio da praza de Banff, coa viruxe dos páramos escoceses facendo rinchar as cordas rotas do violín.

Ten epílogo este conto, ou máis ben epílogos. O violín roto (que símbolo!) aínda se conserva hoxe no museo do clan McPherson, e, aínda que non nos consta tal extremo, cremos que ben debería ser obxecto de veneración e aínda se me apurades de devota romaría. Coma aquelas harpas rotas que apodrecían hai tempo debaixo das camas dos derradeiros harpistas galeses. E en Banff hai un coñecido café chamado The Broken Fiddle, que aínda así non deixa de ser cativa homenaxe a tan poderosa cousa como alí aconteceu. O outro epílogo fálanos de xustiza poética e dunha certa orde no mundo: os maxistrados que xulgaron a James McPherson foron castigados pola súa maldade, de xeito que o reloxo da vila de Banff permaneceu cos seus vinte minutos de atraso durante varios anos, do cal se supón que os seus veciños vivirían todo ese tempo inmersos nun caos de retrasos e anacronías varias, algo sempre moi malo de levar para un británico. Aínda hoxe se cre que o reloxo da localidade veciña de Macduff ten tapada a súa cara noroccidental para que as xentes de Banff non poidan saber por el cal é a hora correcta en que viven.

E o Lamento de McPherson? Pois o lamento dese medio xitano é unha desas pezas clásicas da música escocesa, e o mesmísimo Robert Burns, vate nacional da Escocia, chegou a facer unha versión del. Martyn Bennett, no seu testamento musical Grit, resgatou este lamento na voz doutro músico popular escocés, Jimmy McBeath, e rodeouno do que Hamish Henderson chamou new brave music. O resultado é este "Rant", tan desconcertante como sublime.


O adeus do gaiteiro

En memoria do señor Paco de Escornabois, grande gaiteiro, que onte nos deixou á idade de 86 anos e que destas horas xa estará a facer romaría na parroquia dos defuntos.

quinta-feira, 9 de dezembro de 2010

De raíces atlánticas e saiva nova: "Celtic Roots"

Que para que serve o "celtismo", a "música celta" e demais?
Pois, entre outras cousas do comer, para pór en marcha proxectos tan xeitosos coma este.

segunda-feira, 6 de dezembro de 2010

Cabalga o inverno por riba dos valados

Ninguén mellor que Uxío Novoneyra, seareiro habitual destas leiras de arxila, para falarnos destes días de invernía e do que os homes fan e soñan entre o frío da neve e a ensoñación morna das lareiras.
Eí vein os cordeiros fiar os cordallos!
Acabáronse os traballos.
Viñeron as neves. Veo a chuvia i o vento
pre quen non pode estar drento.

Eu no meu
cada un no seu
teña pan teña leña
teña erba pros bois
e despois
veña o que veña:
É o prego
do labrego.

Cebalos cochos matalos
salalos i afumalos.
Ir derretendo na grasa...
Ir achegando na brasa...
Sempre hai que facer na casa.

Cunqueiro, Irlanda e o lume outonizo

Hai un par de meses redescubrín pola casa unha pequena colectánea de artigos publicados por Álvaro Cunqueiro no xornal El Progreso (xa sabedes, o de "Lugo y su provincia"). O exemplar é de presenza bastante modesta e, se me perdoades a maldade, mesmo de feitura un algo cutralleira. Tanto a maquetación como o tipo de letra deixan abondo que desexar, e a cor entre marela e alaranxada da capa atrae a atención a poder de mancar na vista. De todos os xeitos, tratándose de don Álvaro, pouco importa a presenza e moito a esencia: o que realmente embebeda deste cativo exemplar é o que nel hai escrito, ese universo feraz e incontrolábel que vai desaugar, un pouco quizais como o Masma ou calquera outro poderoso río de lealdades cantábricas, no pote onde Merlín compón feitizos e esconxura mundos. Nesas escasas cen páxinas (nin a elas chega) ilústranos Cunqueiro sobre menciñeiros e normandos, sobre trobadores e reis traizoados, e conclúe que o home, ese animal feble e solitario que apetece a liberdade, que dixo Rousseau, tende á luz por arriba, mais por abaixo bota raíces innumerábeis. Estaría ben lembrar esta verdade con máis frecuencia do que o facemos.
Mais se hai algo do que Cunqueiro sempre soubo falar, desde a ensoñación e o agarimo, é do outono, e nada menos podía agardarse del, insigne catador de polbo e seareiro insubornábel das súas San Lucas, que a el lle deben moito do que foron e son hoxe en día. Resgato pois desta colectánea un texto no que don Álvaro mitoloxiza e explica o outono tomando emprestados os sempre radicais sotaques irlandeses, eses dos que tanto gostamos por estas leiras de arxila. E acompañamos as palabras con músicas que, cando menos na miña lembranza, traen enguedellada a memoria da lareira tranquila nas noites de temporal.


Historias do outono e as súas chuvias______________

[...] E naceu o outono. Pelexaron unha vez en Irlanda vintesete reis contra trinta e tres, e pasados cinco días de batalla só ficaban vivos, aínda que feridos, oito. Decidiron dirixirse a Tara para curarse, declarando treguas. Unha vez en Tara, despois de escoitar un harpista que cantou fazañas dos fenianos campións e como Conan puxo paz na illa obrigando ás espadas a araren a terra primeiro e a ceifaren a cebada e mais o centeo despois, acordaron asinar a paz e repartir Irlanda. Mais non se puñan de acordo no reparto das terras, e moito menos das copas de óso e ouro dos reis mortos, e dos libros encadernados en prata que os acompañaran á batalla. Como non se puñan de acordo no reparto de Irlanda, dixéronse: Por que non nos repartimos o mundo todo? Caedmin, fillo de Donasta, fixo a pergunta.
E comezaron por repartir as estacións. Mais estas eran soamente catro, e os reis eran oito. Estabeleceron que o máis novo e o máis ancián escollesen unha estación en común os primeiros. Apartáronse o mozo e mais o ancián a deliberar. A primavera é a guerra e a morte, dixo o ancián, aínda que sexa igualmente o prado florido e a canción da rula. O verán é o mar e a batalla lonxe do lar, aínda que sexa tamén o día da sega e a noite do rouxinol. A min ponme medo o inverno polos meus moitos anos de frío e á fame. Pidamos o outono. O home volve ao fogar desde o mar, e atopa muller e fillos á porta da súa casa.
O máis ancián e o máis novo pediron o outono, e entón os outros dixéronlles que conviña que co outono levasen as chuvias, os lobatos e a metade das longas noites. Aceptaron o ancián e mais o mozo e retiráronse cara ao Oeste, a tomar posesión da súa parte, deixando os outros que repartisen a primavera, o verán e o inverno. O rei ancián morreu antes de chegar á primeira chuvia de setembro, mais o rei mozo, que era hábil xenete, logrou dominar o cabalo que traía polo aire, arrastrando as escuras nubes, e embridou para sempre as chuvias. Cando chovía en Irlanda adoitaba dicirse: Bachy, o Mozo, anda entre nós. Bachy, Manto Vermello, casou cunha filla do vento do Oeste, o vento da oda de Shelley, o selvaxe vento, e tivo dela tres fillos: Folla Seca, Noite Longa e Doce Lume. É dicir, dúas mulleres e un home. Cando esteades na casa, nestes días de outono, sentados ao redor do lume, mentres fóra chove e o vento arrastra as follas secas contra a porta, dicide: Escolleu ben o seu reino, a súa muller e mais os seus fillos Bachy Manto Vermello. E aseguran que Bachy, que está montado no cabalo da chuvia, escoita esta louvanza e mándalle ao seu fillo varón que arda ledo e quente naquel fogar. De Bachy dise esta canción:

Vento casou con chuvia,
o corvo agóchase no bosque.

Non tema o home, que o fillo

de Bachy é xeneroso en aloumiños.

O neno e a cervexa dormen ao seu carón.

E o lume gosta de oír falar o home.



quinta-feira, 18 de novembro de 2010

Música de Defuntos (III)

Non dorme McCrimmon. Estraños metais asáltano na noite. Cabalos antigos coma a dor bradan desde cada recanto de Dunvegan. Sabe que non ha voltar. Sente a presión de cincuenta lanzas a esgazarlle cada fibra do seu peito, e sabe que todo retorno será imposíbel. Sente o río do sangue desbordándose coma as lagoas que noutrora admirara nos invernos do páramo, cando o corvo irrompe desde o xeo e as árbores son eléctricas, e sabe que non ha voltar.
Os ouvidos énchenseche co estalar dos teus propios ósos, McCrimmon. Ti, o brazo dereito, o ben amado, a alegría das noites e o estrondo dos seráns, o que endexamais ha voltar.



(Versión feita por Alyth McCormack do célebre "Cumha Mhic Criommain" e contido no seu disco "An Iomall / The Edge" do ano 2001. A min aínda hoxe se me pon o pelo de punta ao escoitalo.)

terça-feira, 2 de novembro de 2010

Música de Defuntos (II)

Pasou a noite (ou aínda está por pasar?), mais non o tempo das luces intuídas na entrada do túmulo. Ese tempo de ánimas e defuntos aínda se ha prolongar cando menos até o Santo André, que lle pon o ramo ao bendito mes.
E así como a memoria dos ausentes e dos poboadores do Sidh vaga nestes días polas comarcas dos vivos, tamén nosoutros imos deixarnos levar até terras fistérricas da Armórica, onde non é difícil escoitar o estrondo do Ankou por camiños ben similares aos que Cunqueiro ensoñou desde o seu retiro de Mondoñedo. Ou onde os mortos emerxen como xigantes ensanguentados entre o o toxo montesío para falar en cousas antigas e sabias con Amaury Home Santo, naquela Bretaña Esmeraldina de Ferrín.
E habemos de viaxar até a Bretaña nesa barca de pedra que é a voz de Denez Prigent, ritual e obsesiva neste tema chamado "Daouzek huñvre" ("Doce soños", en romance galaico). Nel, sete ánimas extraviadas camiñan en liña ao longo dun erv, ou sexa, dun deses camiños que conectan unha insua coa terra firme e que só se poden transitar con maré baixa. Non é de estrañar que a imaxinación enfermiza do celta quixese ver neses camiños (ao igual que no ulmo ou no pántano), vencellos entre a terra e a auga, entre os vivos e os mortos, entre os países do Alén e do Aquén. Sabémolo ben neste Noroeste zarrapicado de illas que son, ou foron (e han volver ser?) morada de deuses e de estadeas.
Kenavo!




quinta-feira, 28 de outubro de 2010

Músicas de Defuntos (I)

Final que é comezo. Morte a enlazar coa vida. Como facer o amor en leitos de granito, como encher a boca coa épica dos trasavós.
Defuntos, ou Santos, ou Samhain, ou Samonios, a fin do verán e da luz e das lavercas. A invernía precipítase sobre o mundo: terra lenta, enchoupada, fulgores decadentes, espellos rotos zarrapican a paisaxe. Tamén dentro das casas, dos fogares, das lareiras de outrora, hai algo que cambia. Afrouxan os gonzos e as castañas estalican dolorosamente entre a música barroca do lume vello de sempre. Cada castaña que comas, meu ben, mo thobar, é unha alma que arrincas do inferno. Cada castaña que estoupa, unha alma que se perde para sempre. Así de doado agroma o trasmundo tan preto dos pratos fumegantes de caldo, do touciño recendente, das raíces do pan, das caras inchadas e coloradas coma cabazas. Pois o Alén latexa nas lacenas, nas maos dos mortos, nos ollos do gato, no silencio da artesa e da mazaroca e da pataca.
Agora, nesta noite que comeza, cando os sidhe saen estragar as amoras derradeiras e do corazón do túmulo emerxen as voces e os cánticos e o ferro. Cando as xentes de meu, aló en terra de Soneira, tallaban grandes cabazas que puñan enriba dos chantos da Casqueira, para espanto dos camiñantes e gargallada dos trasnos. Cando outras xentes que tamén son de meu, aló en terra de Montes, soben a Portalén e parolan do divino e do humano con algunha bisavoa riseira de branquísimos cabelos e negra touca. Cando os pícaros de Mondoñedo saían pedir porta por porta o migallo, e o padre Vázquez de Orjas procuraba con desespero e cobiza aquel ouro sagrado dos gentiles galigrecos.
Non esquezas, meu ben, pois esta noite que se achega a memoria e a lembranza é necesaria e todo desemboca nela. E lembra así dispoñer un prato máis á mesa, e deixar a porta entreaberta por se unha almiña dos teus quixese vir quentarse ao teu lume, e non te tente o demo de varrer a cociña! E ogallá recuperes aquel músculo do desenfreo e do trance, dos rostos deformados e ruborizados pola augardente, das palabras esvarando coma poldros selvaxes en Morgadáns ou na Capelada. Da orxía que libera e comunica.
Porque é esta noite axeitada para Ver e Contar.



("A Noite Pecha", do álbume Almas de Fisterra de Carlos Núñez. O tema conta coa colaboración de Alan Stivell, na súa única incursión cantando en lingua galega)

sexta-feira, 22 de outubro de 2010

Cantiga de berce de Grainné por Diarmaid

E a poderosa Grainné aferrollou coas súas palabras o belo Diarmaid Ó Duibhné, guerreiro predilecto de Finn Mac Cumal, e arrastouno canda a ela polos camiños adiante, fuxindo da amargura e da espiña e do frío leito de El-Rei, que mal haxa.
Nas chairas do oeste habita o inverno. Hai xeo no peteiro dos corvos. A neve cobre como unha mai calada os esqueletes das casas derradeiras. Saben os amantes que Finn levará o dedo polgar á boca e, trabando nel até a medula, coñecerá o seu paradoiro exacto e lanzarase furioso á súa persecución. Mais, contodo, Grainné fai descender a Diarmaid do seu cabalo e acólleo no colo mentres a noite e a tempestade van entrando nos seus corpos. Ela, entón, deposita nos ouvidos do seu amado xabaril dos combates esta cantiga de berce. Unha respiración antiga, de vara de xesta e turba adormecida, parece acompañar cada palabra de Grainné, a fermosa e desgrazada, que canta e canta e canta...

Durme un pouco, só un pouco,
e nada temas,
home a quen lle entreguei o meu amor,
Diarmaid, fillo de Ó Duibhné.
Durme aquí profunda, profundamente,
fillo de Ó Duibhné, nobre Diarmaid,
eu velarei o teu repouso,
encantador fillo de Ó Duibhné...

Permanecerei vixiándote,
muralla de combate do oeste,
o meu corazón escachará coa dor
se algunha vez me faltares.

Separarnos sería separar
o neno da súa mai,
desterrar a alma do corpo,
guerreiro do fermoso lago Garman...

O cervo, ao leste, non dorme,
non deixa de bradar
entre os matos dos paxaros negros.
Non quere durmir.
A cerva sen cornos non dorme,
xeme polo seu cativiño,
corre por entre os toxos,
non dorme no seu tobo.

O vivaz pardal non dorme
no curuto das árbores de belas ramas.

O tempo é ruidoso aquí...

Esta noite non dorme a pita do monte
nas landas varridas polo vento.
Na cuíña o seu berro é doce e claro.
Xunto aos regatos non dorme...

(Hughes de Courson púxolle música a este poema do ciclo fenniano irlandés no seu O'Stravaganza, traballo estraño e visionario que hibrida melodías irlandesas e do barroco veneciano. E dese xeito, Diarmaid e Grainné pisaron os esplendorosos salóns daquela Europa do setecento).




quarta-feira, 20 de outubro de 2010

Trip to Asturies

Hoxe apetece simplemente sentar á raxeira deste outubro que foxe e render os ouvidos á sinxeleza e á potencia destas sonoridades vindas de alén Eo...
(A todo isto, todos os afeccionados ao folque coñeceredes os músicos, mais por se acaso: Alberto Ablanedo ao bouzouki, Borja Baragaño á frauta, Dolfu R. Fernández no violín e Alberto Abad ao bodhran).





sexta-feira, 24 de setembro de 2010

Outono

E fíxose o outono, a seronda, a primavera do inverno, co seu estroupelear de ourizos e o seu renacer de lareiras, que xa as noites ameazan xeada e lobo. O ollo do lume a reabrirse desde as profundidades neolíticas, desde Kildare até o Morrazo, desde Moraime até Dumferline. Recendo a millo e cabazas. Texturas que se transforman.
En breve, nunhas semanas tan só, habemos de ir ao San Froilán catar o viño novo subido desde Chantada, mentres o polbo nos incendia as bocas cunha cadencia medieval e desexada coma un sol branco. A folla seca, pletórica nas luces do verán, alfombraranos eses moitos camiños que aínda restan por andar.
E, mentres e non, a música...



quinta-feira, 2 de setembro de 2010

Monte Torán ou apalpando as pisadas da Vella

Ascendes a modo polo camiño que conduce cara á ermida de Monte Torán (onde os tolos van), en Bamiro, en terra vella de Soneira. O sol asexa por veces tras as nubes, esas que nos deixaron por sorpresa o primeiro zarzallo de agosto, mentres os océanos de millo e campanarios graníticos van desaparecendo tras o eucalipto e o piñeiro. Resisten as amoras, as primeiras do ano, que introduces na boca aínda sabendo do seu corazón agre, aínda difuso e por definir. O son da vara marca un ritmo de rito renovado, millentas veces repetido nese mesmo lugar, e entendes ou cando menos intúes certas orixes.
E entón chegas, digamos que case por sorpresa, ao lugar máxico, centro do mundo, cumio de granito, e admiras e veneras por vez primeira esas pedras que unha moura trouxo na súa cabeza para depositalas alí. A moura que hoxe é a Virxe mais que moito antes foi a Vella, a Orcavella, a Cailleach Bhearra, dona do inverno e da roca e da morada derradeira. Levan alí aquelas pedras desde moito antes de que a vara de bidueiro comezase a tripar no camiño que ascende até elas. Desde o comezo, desde o tempo en que todo comezaba e se recoñecía e as cousas tiñan o pálpito agre das amoras aínda sen madurar. En redutos así, o mundo é extraordinariamente novo e antigo a un tempo, tal e como o lembran as xentes que aprenderon a explicalo ao pé dunha lareira.
Así que venéralas (as pedras) desde o abraio e o respecto. Rodeas a ermida, reparas na Piedade mutilada, lembras a Castelao e aínda sentas un anaco ao pé do cruceiro. No peto do teu pantalón soa Denez Prigent. Esqueciches os auriculares, de xeito que o delirio bretón, esa esperanza demacrada manchada de sidra e saliva, vai enchoupando aos poucos o silencio.
Entón sentes o ruído do motor e emerxe desde a curva un coche ateigado de turistas madrileños, quizais un detalle non menos ritual cá vara e as pedras e o cruceiro e o silencio reverencial que atinxe o mundo nese lugar.
Así que tiras as derradeiras fotos e inicias o descenso, agradecido polo momento. Aínda quedaban cousas que ver esa tarde...


quinta-feira, 5 de agosto de 2010

Papeis de faiado (I): romance de Arturo Ulloa

Seica Seamus Heaney conceptualizou a figura do bog ou pántano irlandés como unha especie de prodixiosa memoria da paisaxe. Se isto é así, ninguén obxectará que o faiado (iso que na miña terra chamamos o arrimado) poida entenderse como unha especie de memoria da Casa. Cando menos, eu así entendo o da miña, pois nel teño atopado desde moedas da Segunda República co lema Gobierno de Euzkadi (como diaño chegaría semellante obxecto ao rocho dunha vella casa de campo chairega?) até un enorme dente de porco que alguén gardou, sabe Deus por que estraño e revirado motivo (tería que ver nisto algún resorte máxico ou supersticioso?), na naveta dunha grande mesa de nogueira.
A miña última descuberta neste sentido tivo lugar hai uns escasos días: trátase dun par de pregos de papel dos que circulaban polas feiras doutrora, portadores de versos que nalgún momento estiveron en boca dese cego de sempre, poeta e actor, sacerdote da relixión dos camiños, tanxedor de zanfoña e violín. Folga dicer que sempre me atraeu a figura do cego e as súas millentas ramificacións. Por iso aqueles papeis tremeron cunha estraña inercia cando os tiven por vez primeira nas mans.
O primeiro prego (o que vos oferezo hoxe aquí) contén o típico romance que narra un crime violento e antolóxico, neste caso obra dun tal Arturo Ulloa. Sabemos algo disto na Chaira, onde aínda nos estremecemos cada vez que alguén lembra os horríbeis sucesos da Légoa Dreita. Non me deu tempo a investigar o máis mínimo sobre o tal Arturo Ulloa, co cal descoñezo quen foi tal personaxe, así como a época na que cometeu as súas atrocidades. Mais a autenticidade deste romance tosco, brutal, cheo de imperfeccións na medida dos versos e de repeticións case rituais de certas palabras, chega e sobra para gozalo como o que é: unha mostra palpitante dunha antropoloxía e duns xeitos de comunicación que primaron até hai dous días.
Vai logo o romance:


HORRIBLE CRIMEN cometido en un pueblo de Alicante por el joven Arturo Ulloa , que mató a una hermosa muchacha despues de violarla dando muerte tambien á la madre de aquella y a un hermanito cuyo hecho tuvo lugar en el mes de marzo del corriente año.

primera parte

El crimen más espantoso

que se conoce en la historia

es el que ha cometido

el jóven Arturo Ulloa.

quarta-feira, 4 de agosto de 2010

Agosto en Guísamo

Haberá que censar os nosos amigos de Lúnasa nalgún concello galego (ou asturiano), porque nos últimos tempos déixanse ver bastante por estas leiras do Noroeste, para gozo e ventura de cantos veneramos a súa forza e calidade. E é que, despois de axitaren a parroquia folkie de Padrón e arredores e de deixarse caer por ese Avilés fendido en dous festivais (hoxe por hoxe) irreconciliábeis, a mítica banda visitará Guísamo dentro dunhas semanas, flanqueados polos autóctones Birimbao e polos asturianos Tejedor. E, como suxire o amigo Chesús, nada mellor cá música de Kevin, Sean, Paul, Trevor e Cillian para celebrar este Lugnasad recén encetado, así que imos facerlle caso ao consello dese bo druída aragonés.


segunda-feira, 2 de agosto de 2010

Lugnasad, San Fins e don Saturnino

Poucos territorios hai nos que a pegada do antigo Lugnasad poida detectarse tan a rentes do chan como en Galiza. Diga o que diga o sempre precario e subxectivo rexistro arqueolóxico, o brillo do deus Lug Samildanach, condutor de hostes e mestre en nove oficios, impregnou estas paisaxes noroccidentais desde ben antigo. Aínda o bo e redondo deus dispuña o caldeiro no centro da chaira, instalábase torpe e brillante o salmón na curvatura do torques (perdoen vostedes a soberbia desta autocita), e xa o Lug escuro e solar coma o millo abría a súa man desde o corazón da Casota do Páramo, aló nas barbanzonas serras.

Lug "da man grande" na mámoa da Casota do Páramo (monte Iroite, Boiro)


Mais non morre aquí o conto. Como explicar o estourido festivo que sacode Galiza entre a derradeira quincena de xullo e a primeira de agosto? Como entender os curros cabalares, que poboan o noso verán de salvaxes rinchos desde Candaosa a Campedulla e desde Sabucedo á Capelada, sen poñelos en relación cos ritos da realeza e a soberanía que definían o vello Lugnasad e que teñen precisamente no cabalo-Rhiannon un sobranceiro protagonista? A feira, a asemblea, o oenach e mesmo a semántica profunda e granítica da Estadea poden conectarse en última instancia con Lug e co tránsito dos vellos exércitos avanzando cara á chaira onde agardan o túmulo e o corvo. Todo isto sen contar con revivals célticos máis recentes como o Lugnasad de Bretoña ou o Oenach de Sedes, que, a dicer verdade, non sabemos se seguen a celebrarse ou se esmoreceron como tantos outros.

En Galiza, Lug renaceu como San Fins ou San Fiz ou mesmo San Pedro Fiz, advocacións coñecidas e veneradas nos catro recantos do país. Cádrame a min ben preto o de Robra, en Outeiro de Rei, do que xa escrebera hai máis de cen anos Rodríguez López estremecidas palabras: "En San Félix de Robra, casi en las puertas de Lugo, en el Ayuntamiento de Otero de Rey, también se pretende curar a los mordidos por perros rabiosos por medio de la llave candente de la iglesia, aplicada en nombre del santo". Mais se hai un San Fins que transparenta aínda a lembranza do Lugnasad, ese é o San Fins do Castro, cuxa romaría se erixe en protagonista central do primeiro día de agosto aló onde Bergantiños se confunde con Soneira. Neste sentido, nada mellor que resgatar un artigo de José de Cora (co cal, por outra banda, calquera coincidencia ideolóxica non deixa de ser mera casualidade), incluído no seu Calendario de Galicia e que lembra as orixes, decadencia e rexurdir deste Lugnasad remasterizado, adornado hoxe con deliciosas extravagancias como o berro seco ou o santo da pólvora.

E que mellor ramo para estas letras que unha peza de Milladoiro directamente relacionada co tema e as xeografías que nos ocupan? Trátase da polca precisamente intitulada "O santo da pólvora". Que gostedes e bo Lugnasad!


San Fins do Castro_________________


Saturnino Cuíñas Lois entendeu desde a súa chegada a Cesullas como párroco que o seu labor apostólico debía ir parello ao mantemento e recuperación do folclore, e lonxe de loitar contra el, como adoito facían os sacerdotes que propugnaban a modernidade, afanábase en lle procurar o meirande auxe posíbel.


Don Saturnino na romaría (xa hai anos...)


O ponto culminante é a romaría do San Fins do Castro, abatida e amortuxada en abril de 1931. O proceso completo iníciase o 25 de xullo, cando soben desde a igrexa de Santo Estevo de Cesullas até a ermida as imaxes do santo, da Virxe dos Remedios e da Virxe do Carme, onde permanecen até o 1 de agosto. Ese día, xa desde pola mañá cedo, comezan a chegar romeiros para iniciaren os rituais hídricos na fonte. Gaiteiros e pólvora encárganse de que a xornada sexa soada xa desde primeira hora.

Á unha é a misa maior e o Hino a San Fins, cuxa letra escrebe don Saturnino: Meu santo san Fins do Castro / avogoso das verrugas; / lávanse na túa fonte / e quédanse sen ningunha. Obsérvese que o sacerdote subliña o aspecto apotropaico do santo e comprácese nel.

A continuación tócalle a vez ao berro seco. Os romeiros, postos de xeonllos e collidos das mans, érguense e abáixanse até tres veces, ao tempo que berran un "ooouuuu...", que é a fórmula dos canteiros de Cotobade, concello natal do crego, á hora de se axudaren cunha voz para ergueren grandes moles de pedra. Outros prefiren ver un entronque con ritos celtas e castrexos do Lugnasad. E non falta quen o simplifica nunha simple estrataxema do cura para verlles as pernas ás mulleres.

Nunha entrevista a un xornal, Cuíñas mantén este curioso criterio: "Xa sei que a miña opinión non é compartida por moitos, pero a min o aturuxo non me parece un grito varonil, como debera ser un grito celta... O viril, o que vale de verdade, é o que eu chamo berro seco".

_______________________________________





terça-feira, 27 de julho de 2010

Das trabes silenciadas

De súpeto, as cousas non din o que antes dicían, nin falan coa estremecida claridade doutrora. Renxe a cancela, estoupa o lume na cociña Bilbao e o vento arrinca sílabas estrañas das trabes que terman da casa. E, secomasí, a voz da vella xa case nin se abre paso no teu cérebro devastado por longas horas de rutina. Como no poema de Xabier Cordal, semella que alguén atravesou un tarabelo na túa lingua.
Un día érgueste, coa néboa aínda nas ventás, e sentes como che esvaran entre os dedos os sedimentos dun tempo non moi afastado, mais que xa non sabes como recompoñer. Nin sequera co brillo libertador de agosto e os seus cabalos.
E sobrevén un incómodo desconcerto, similar, moi similar a ese que Pondal capturou nun poema de retorno que hai uns días (sabe Deus por que estraña conspiración do destino), caeu nas mans deste que fala...
Volvendo de lonxes terras,
con suidás no corazón,
vin despois de longos anos
onde a miña crianza foi.
Abrín da Bouza a cancela
que chiou cun triste son:
fun polo camiño do Couto,
que vai por riba do arró;
seguín por unha congostra
que o carro e o tempo escavou;
e ao pe daquel cruceiro
que ergueron nosos avós,
contemprei meu val nativo
con triganza e con tembror;
e afogado polas bágoas
excramei con triste voz:
-Val garrido, val garrido,
o da miña criazón;
Oh! val, xa non me conoces,
tan mudado, ou val!, estou?
Certo, ti eres o mesmo,
mais eu o mesmo non son.
Aquel é o Agro de Dego,
aquel outro o de Murazós,
máis adiante Mularido,
Canaveas máis aló;
aqueloutras son as Senras
dos trigos ledos e bos;
e agra de Mares, as Somas
e da Bouza máis acó...

sábado, 24 de julho de 2010

25 de Xullo: aínda que só sexa por un día

Estás en Padrón, á noitiña, na terraza dun bar, tomando algo ao carón da mesa na que departen Sean Smyth, Cillian Vallely e Kevin Crawford. Como quen din, o núcleo duro dos Lúnasa. Logo vas ao concerto, escoitas ao Caruncho e ao Bieito e a súa regueifa limpa e sincera. Ris co galego ensaiado de Kevin Crawford (Boas noites, Grasinias, Podedes mercar o noso disco na mesa dez i un), árdenche os pés e os nervios con esa música para ti preñada de boas lembranzas. Marcha os all-star irlandeses e soben ao cenario Milladoiro, e escóitalos como quen escoita falar a un familiar querido. Nando Casal lembra a cea padronesa na que Faíscas do Xiabre mutou en Milladoiro. E Harry C, galego de Madrid e violinista excepcional, canta Quen puidera namorala mellor do que poderían cantala moitos nados a este lado do Padornelo. No alto do mundo, a lúa chea, redonda e clara coma unha palloza. Sorrís.
Entón volves á casa, déixaste caer polas ciber-leiras e a realidade agreste destes tempos golpéate en todo o rostro. Quizais Lúnasa, Milladoiro e os regueifeiros foron un espellismo, unha paréntese no progresivo e imparábel desmantelamento de canto poderiamos ser.
Lembro que un amigo meu, hai anos, escribira na entrada da súa axenda correspondente ao 6 de decembro unha frase: Hoje nom há nada que celebrar!!! En letras grandes e desafiantes. E quizais tampouco haxa moito que celebrar neste 25 de xullo que se nos bota enriba.
Día Nacional de Galiza. Galiza, ese país historicamente especializado en decepcionar a quen procura erguela da lameira na que vive arrastrada desde hai décadas. En decepcionalos e tamén en vilipendialos, en marxinalizalos. Especialista asemade en comungar con rodas de muíño, en candidatarse unha e outra vez a república bananeira, en non respeitarse. Creo que non son o único que, desde hai algo máis dun ano a esta parte, vive inmerso nun certo proceso de desidentificación con este país. Por moi politicamente incorrecto que soe, eis a realidade.
E aínda así, servidor, como tantos outros, sairá mañá ás rúas de Santiago de Compostela porque cre -cremos- no poder dos ritos e dos símbolos. Porque a grei, mutilada e retorta, tamén precisa xuntarse, facerse visíbel, conquistar AÍNDA QUE SÓ SEXA POR UN DÍA a capital das súas arelas e degoiros. A grei vese, recoñécese e defínese, e, AÍNDA QUE SÓ SEXA POR UN DÍA, vólvese de novo capaz de crer. Quizais non de soñar, porque a inocencia marchou río abaixo e endexamais seremos os mesmos, mais si de crer. Que non é pouco cando a realidade apreta do xeito en que o fai.
Por iso mesmo, para os que viredes a Santiago de Compostela en corpo presente e para os que faredes en espírito, Feliz Día da Patria. Saúde e Terra!

quinta-feira, 22 de julho de 2010

Noticia de pedras parlantes por Álvaro Cunqueiro

Hai certos motivos e imaxes cuxo simbolismo os converte en verdadeiros leit-motivs, en canalizadores dese pálpito común que chamamos "atlantismo". Un deles ben poderían ser as pedras abaladoiras, vehículo das complexísimas relacións entre o homo gallaecus e ese Outro Mundo que impregna até os recantos máis próximos e cotiáns (sábeno ben os que soben cada ano a Portalén, mais esa é outra historia...). Vénsenos á cabeza, como non podía ser doutro xeito, a Pedra de Abalar de Muxía, mais esta laxe conta con curmás célebres coma esta pedra parlante de Croclaugh (parente á súa vez doutras pedras faladoiras existentes por Galiza adiante) da que nos dá parte don Álvaro Cunqueiro nun texto contido en El descanso del camellero, e que vos ofrezo aquí traducido ao romance de noso.
Como adoita acontecer con don Álvaro, a leitura vaise ramificando a medida que nos adentramos nela, e ao final son ducias e ducias de conexións as que van activándose no maxín de quen sempre se sentiu atraído por este tipo de temáticas. E para quen careza de estímulo tal, argumentaremos que nunca está de máis evocar irlandesas paisaxes, sobre todo nestas tardes de calmurcio nas que unha viruxe desas terras dá a vida...


A pedra que fala________________________________


Estes días andaba eu a escribir da pedra abaladoira do santuario da Nosa Señora da Barca, en Muxía, e manexaba dous testemuños de que o ruído da pedra ao bailar é unha fala, e hai memoria de que algún a entendeu, especialmente na Idade Media, cando foi empregada en probas xudiciais. A pedra dicía si e non, como Cristo nos ensina, e estivo sempre do lado dos inocentes, bailando baixo os pés destes, e deixando ouvir a súa rouca voz. Mais de todas as pedras abaladoiras de Occidente, a que mellor falaba, talmente coma unha persoa, e gaélico literario, era a pedra de Croclaugh, no Donegal de Irlanda. Estaba tamén veciña do mar, e mollábaa a miúdo a onda atlántica. Tiña forma de cabalo, mais non se deixaba cabalgar máis ca por perfeitos e ousados campións. Foron os seus máis soados xinetes Finn MacCumhail, Conan, Mannanan fillo do mar, Ossian e o grande construtor e ferreiro Goban Saor, quen lle puxo á pedra rédeas de ferro. Cuchulain non a puido cabalgar, que a pedra encabritóuselle. Unha vez que viñeron polo mar homes xigantescos de cor vermella, a pedra deu a alarma, e veu Daofe MacMorna e montou na pedra armado da súa lanza. A pedra púxose a cantar e os invasores achegáronse. A pedra moveuse e desde ela Daofe alanceounos durante tres días coas súas noites. A pedra, durante a batalla, devorou un dos xigantes. Pasou tempo e chegou ao Donegal un neto do rei de Connaught. Riu da pedra, que ía para cen anos que non se movía nin falaba.

-Morta está!-dixo.

E subiuse nela cos seus dezaseis guerreiros e acendeulle no lombo lume para asar os años que roubara aquela mañá. A pedra, que non estaba morta senón durmida, espertou ao sentir o lume e remexeuse airada, dando un pinchacarneiros completo no aire. O príncipe bandoleiro de Connaught cos seus dezaseis guerreiros ficaron debaixo dela. Aínda está alí a banda. Ás veces óeselles laiarse, e a xente, para que calen, bótalles ovos de gaivota e algún coello. No ano 1903 atoparon preto da pedra o dedo de ouro do neto do rei de Connaught.

A pedra partiu en dous ao redor de 1500, e é unha historia romántica esta. Naufragou unha nao fronte a Dontir, e salvouse unha rapaza de grande beleza do naufraxio. Foi a única supervivente. Quedou o seu marido debaixo das augas. A rapaza apoiouse na pedra, que estaba daquela medio cuberta de area pola banda do mar, e comezou a queixarse e a chorar. A pedra espertou, sacudiuse a area e as gaivotas e preguntoulle á rapaza que lle ocorría.-Ha muerto mi Chlim de la gorra verde. Triste y sola estoy, viuda a los dieciocho años. ¡Ay, a qué vino el amor!

-Morreu o meu Chlim da pucha verde. Triste e soa estou, viúva aos dezaoito anos. Ai, a que veu o amor!

-Chora sobre o meu peito, que eu te consolarei. Has ter riquezas, que che hei dicir onde é que están os tesouros antigos, e has casar de novo, co fillo dun príncipe ou cabaleiro cortés.

-Non, non quero casar de novo. Quérolle entregar a alma a Deus.

E lanzou un grande xemido e abrazouse á pedra. Entón, coa dor, esta partiu en dous. A rapaza morreu. Mais aínda se ve pasar a súa dor, unha poalla rosada, polos camiños de Dontir. Bótaste un lado e saúdala, e escoitas o seu suave lamento.

-Ai, Chlim, Chlim!

Chlim coa súa pucha verde está no fondo do mar. A pedra de Croclaugh calou para sempre. Xa non abala. Os gaélicos cren que volverá unirse e oscilar e falar sesenta semanas antes da fin do mundo. Os respectuosos xa non ousan subir nela e quitan o chapeu se pasan preto. Aínda ten restos das bridas de Goban Saor. A pedra viuna José María Castroviejo na súa viaxe a Irlanda e deulle as botas tardes, tras aloumiñarlle a grave cabeza. Cumprindo rito antigo, derramou por ela un xerro de cervexa.


quarta-feira, 21 de julho de 2010

Músicas de verán

Entrou o verán, coa súa vaga de calores e días interminábeis. Os ollos teñen que familiarizarse coa forza destes ceos rabiosamente azuis, mentres a lingua chama pola frescura amarga dunha boa cervexa e dunha boa conversa (filosofía de terraza). Mais o verán, en territorios como este Noroeste noso, é tempo zarrapicado de músicas e festivais, eses que agardamos con paciencia durante a invernía escura e silenciosa.
E o certo é que desta vez podemos darnos por afortunados, porque entre xullo e agosto imos gozar da compaña de músicos de primeiro nivel, dos que nos gustan, dos que nos fan sentir, pensar e lembrar. Este venres que vén, sen ir máis lonxe, os sempre inconmensurábeis irlandeses de Lúnasa tomarán por asalto a moi serea vila de Padrón, que o Santiaguiño non merece homenaxe menor a esa. A vindeira semana, o Morrazo, nación de gaiteiros temerarios, tremerá co paso de todo un Anxo Lorenzo e de todo un John McSherry (confirmada a ausencia de Solas), ambos os dous con novos discos baixo o brazo. E a cousa non desmellora na Carballeira de Zas, a onde acudirán entre outros os Gwendal, en calidade de verdadeiros "avós" das músicas atlánticas.
E canda a eles, Ophiusa, Kepa Junkera, Milladoiro, Quempallou... Mágoa que, coma sempre, toda esta oferta se concentre en dous ou tres meses intensos, pero fugaces. Do tan cacarexado noutro tempo "circuíto musical de inverno" aínda se agardan noticias...
De todos os xeitos, cómpre aproveitar e gozar o que nos ofrece este estío no que nos atopamos mergullados. E para ir abrindo boca e salivando un pouquiño, déixovos unha pequena mostra do que estes artistazos poden dar de si enriba dun cenario.








quinta-feira, 17 de junho de 2010

De pervivencias

É curioso como chegamos moitas veces ás cousas. Ou como chegamos moitasveces ás mesmas cousas.
Hai uns anos tomei contacto coa chamada TCP ou Teoría da Continuidade Paleolítica, unha idea nova e renovadora formulada por Mario Alinei. Lembro ben aquela conferencia de Francesco Benozzo no Consello da Cultura Galega, rodeado de popes da arqueoloxía e a indoeuropeística cuxos rostros denotaban desde desconcerto até franco cepticismo. Inevitábel.
Fálanos este paradigma de continuidade poboacional, de pervivencias longas e demoradas coma a destilación do bagazo, de cousas e palabras moi antigas que (re)emerxen nos nosos rituais cotiáns.
As repercusións desta perspectiva na investigación científica son moitas e fascinantes . Comezando porque pon patas arriba todo canto se ten dito e pontificado sobre o celtismo. Ora ben, non o son menos as que ten na creación poética, no xeito de ver o mundo e os obxectos e historias que o compoñen.
O curioso foi que acabei por decatarme que esas ideas xa chegaran a min tempo antes de saber de Alinei e compañía. E fixérano pola vías da intuición, das imaxes fragmentadas e rimadas. Textos como Bretaña, Esmeraldina ou sobre todo Estirpe. E textos coma estoutro que hoxe recupero e do que gostei (e gosto) especialmente, polo moito que concentra, polo poder das imaxes e dos nomes e pola rudimentaria mitoloxía que parece espreguizarse dentro deles.
O pálpito é ben coñecido: o salmón, o petróglifo, a memoria da inundación, o atlántico cabalo. Ao fondo de todo, a Vella que Sabe coma unha inscultura escusada entre o toxo, á espera.
Abonda isto: un anaco de lousa torpe á entrada do túmulo e unha man enrugada que traza curvas. Os seus dedos-páxaro asinan a pedra e estenden sobre o camiño hipnótico o pigmento de cobre, arxila e ruda. Escribe astros ela, a vella, levanta a fronte e arrepón o manto sobre os ombreiros, que lle vai frío. Pintamos, logo unha praia, facemos a marea respirar forte e debruzarse, borrar todo co seu ruxido, a branca escuma. Na realidade foi a nosa pupila quen se moveu dentro das pálpebras, que máis ten. Falaría escuro o intérprete de soños e códigos antigos; estaría obrigado, en calquera caso, a imaxinar a mesma historia. O imperio ordena puír o rastro, disolver os signos últimos de resistencia. Pero a espiral abrira o seu ollo moito antes, desde o profundo. Como un salmón soubo remontar o bronce atlántico e foi varar á cabeceira humilde das casas labregas. Co século novo tomou a gubia e fendeu outra vez no granito, gravouse no lenzo, porque non aspira a ser eterna, senón contemporánea. Igual cá música, non pode nin debe traducirse. Ela é o seu propio sentido.
A todo isto, o autor é Xabier Cordal, que escribiu estas liñas para o libreto do álbume Espiral dos Luar Na Lubre. E acompaño as letras coa música destrutiva dun dos meus ídolos, Martyn Bennett, que de certo intuíu e soubo e aínda arrincou metais acedos de onde só medraba o lirio e a xorima.


sábado, 22 de maio de 2010

Estar dentro

Se dalgo serviron as Letras Galegas deste ano (á parte de para exhibir por enésima vez a forza e contundencia dos que non nos avergoñamos de sentir a venerábel arxila na boca cada vez que falamos) foi para reencontrarme co meu poeta, con Uxío. Todos sabedes o que significaron Os Eidos no meu xeito de ver a poesía e o mundo, así que non vou incidir no tema, que un corre o risco de acrecentar unha certa fama de pedante que descubriu en tempos recentes (un saúdo a Babilonia!).
Vén isto a conto porque, por vez primeira en moito tempo, tiven a ocasión de dedicarlle unha tarde enteira (pouco e pouco, pouco e pouco...) a unha leitura que nada tiña que ver nin con topónimos, nin con lingüística histórica nin cos desquiciantes rituais de presentación e defensa de teses doutorais. Refírome a un artigo publicado por J. Luís Forneiro no volume de homenaxe a Novoneyra que recentemente editou o Departamento de Filoloxía Galega da USC. Nese texto fálasenos (con impresionantes evocacións dos personaxes involucrados) dunha xornada de recolleita de membros do Seminario Menéndez Pidal por terras do Courel, xornada que os conduciu de xeito pouco menos que casual á casa de Novoneyra, en Parada de Moreda, e que concluíu con momentos cercanos á maxia e ao estremecemento que moitos dos que temos feito recolleitas deste tipo tivemos a sorte de gozar nalgunha ocasión. Leitura recomendábel, moito máis para estes días de calmurcio que piden ledas viruxes do Courel.
E desa leitura rescato unhas palabras do propio Novoneyra, recollidas por Emilio Araúxo hai xa máis de 10 anos, nas que di moitas cousas e moitas verdades que eu puiden sentir e vivir como propias durante ben tempo, e aínda a día de hoxe. Haberá quen diga que estas palabras están inzadas dun popularismo bucólico e lindante co inxenuo, mais eu sosteño que nestas liñas latexa a raíz da mellor e máis orixinal poesía de Novoneyra. Unha poesía que se asenta niso: en estar dentro, en pertencer, en facer parte, en sentir a totalidade da palabra e da colectividade. Unha poesía, penso eu, propia dalguén que pensaba caligramas mentres lousaba a casa dos antergos...

[...] eu realmente noto unha cousa, que, o maior herdo, o herdo que me vén da literatura galega, son os medievais, Pondal e Rosalía. E ante todos foi a cultura popular a que realmente me entregou a Galicia. Eu moitas veces nin necesito saber nada do pasado escrito do meu pobo, o que me centra en Galicia é estar dentro da cultura popular. Nunha palabra: o estar dentro da Lingua. Non usar a Lingua senón estar dentro dela. Eso mesmo fai innecesario o coñecemento dos avatares escritos. Estar dentro dela. Quizais serei dos galegos que menos saben da historiografía de Galicia. O que procurei foi permanecer, e é porque estaba intensamente dentro. Nunca me saín do horizonte interior da Lingua [...] Pero a miña procedencia vén do pobo. A gran obra centradora é a Lingua-Fala [...] Aínda nunca falei máis a gusto e con maior plenitude con ninguén, nunca falei con maior plenitude como cun labrego da miña aldea. Nunca, nunca a palabra entre home e home se deu tan reveladora. Co-iles semella que a palabra é total, a palabra xuntamente co xesto, coa entoación, a palabra como algo natural, non só cultural.

domingo, 16 de maio de 2010

De Glasgow a Compostela (pasando por Brest)

Sempre é interesante ver como se achegan artistas doutras culturas aos ritmos e emocións xeradas desde nós e por nós. Foi ese interese o que me conduciu cara a este tema do mítico grupo escocés Old Blind Dogs, intitulado "The Breton & Galician Set" e no que os afeccionados ao folque galaico poderán recoñecer sen dificultade a famosa "Carballesa do Incio". Sirva pois esta carambola atlántica a tres bandas como pórtico para un Día das Letras que hoxe máis ca nunca vai pedirnos moita rúa, moita gorxa e moita pancarta.

quarta-feira, 12 de maio de 2010

E defender os prados gañados á bouza

Avanzamos cara ao 17 de Maio, e malia o meu coñecido escepticismo cara á festividade das Letras Galegas (ou, mellor dito, cara á sobredimensionada e esclerotizada vertente institucional que acabou desenvolvendo esa festividade), a presenza de Uxío debe ser celebrada e tamén así as raíces brillantes e calcarias que lle medraron na terra morna da boca e que aínda hoxe, dez anos despois, continúan a medrar, a pulr, a fendernos as pedras e os sedimentos que en nós habitan.
Falou Uxío coma un chamán sabedor de que unha palabra pode ser néboa, raposo, cavorco e palloza a un tempo. Mais tamén falou Uxío con outras voces destemidas, incendiarias, contedoras de rebeldía. Pois o lume que nos inspira o verso e nos quenta a saliva da memoria foi o mesmo que arrasou, feito fachuzo e alarido labrego, as goridas da vella inxustiza que sempre volve.

ONDE só queda alguén pra aguantar dos nomes
poño eu a ampla fronda
a redroma dun castiñeiro
e sentada á súa sombra xunta a longa estirpe do último labrego.
Non coma as estirpes dos reis
ciscadas en múltiples pazos e alcázares
e países diversos
senón as estirpes campesiñas
xeraciós e xeraciós
xuntas á porta das casas pechadas
na escaleira de pedra
ou nas raigañas fóra dunha árbore coma esta.
Estirpes da gleba
amosados mortos que nin oxa o sol de Xullo
cando se erguían pra gadañar co orvallo!
Gadañarei outro ano
gadañarei en homenaxe
non por que a herba volva tenra e igual
e defender os prados gañados á bouza.
Gadañarei coma nas grandes rogadas do Vrao
tralos gadañeiros sucesivos
lambendo con brío os calcaños de diante.
Ir e vir da gadaña canta a ritmo binario
sobre un fondo de roxe ou río contino.

quarta-feira, 5 de maio de 2010

Bobby Sands, ou a rabia infectada de esperanza

Hai hoxe 29 anos morría Bobby Sands na prisión de Maze, no fragor daquela greve de fame que levou por diante a vida de varios voluntarios do IRA e do INLA e que marcou un antes e un despois no conflito da Irlanda do Norte. Aínda me estremezo cando lembro aquel vídeo que un paisano de Falls Road nos ensinara no seu móbil, á porta dunha de tantas tabernas de Falls Road. Naquel vídeo sucedíanse imaxes en branco e negro que representaban o multitudinario enterro de Bobby Sands, imaxes da súa irmá co puño en alto, da sinxela e terríbel beleza da bandeira irlandesa pousada sobre o cadaleito, de voluntarios do IRA disparando ao aire...

Isto que conto aconteceu hai algo máis dun ano, nesa inesquecíbel e tanto tempo desexada viaxe a Belfast. Mais non foi até hai uns meses que puiden ver por fin o filme Hunger, e poñerlles rostros (aínda que sexan ficticios ou soñados) a aquelas persoas e a aqueles sufrimentos, transformados polo director Steve McQueen nun exercicio de poesía brutal e terribelmente física. Paga a pena vela, desde logo. Paga a pena vela e despois lembrar o que ocorreu, hai hoxe 29 anos, naquela tristísima prisión de Maze na que a rabia chegou a rimar coa esperanza...

segunda-feira, 3 de maio de 2010

Lumes de Beltaine

Malia os desaxustes do noso calendario actual con respecto ao empregado nos primeiros séculos do cristianismo, podemos dicer que o pasado 1 de maio fomos moitos os que celebramos ou demos por celebrada a vella festa do Beltaine, abridora do antigo mes céltico de Salle. Unha conmemoración vinculada, sen dúbida, coa selvaxe irrupción do sol e a primavera onde antes imperaban o lobo e a xeada.


Beltaine é precisamente iso, o lume do deus Bel (Belenos no pantón galo). Significa unha festa da claridade renacida, simbolizada e somatizada no cirio pascual do Sábado de Gloria (ou Sábado de Aleluia) e, a penas uns meses despois, nas mil e unha cacharelas do San Xoán. O lume, como ben intuía Otero Pedrayo, conecta coa Terra e ábrenos os camiños que a penetran: é a memoria. Eu a ollar pró lume / e o lume a ollarme, dixo Novoneyra, aloumiñando se cadra o transo ao carón da lareira vella. Mais, ao mesmo tempo, e como emisario da luz, o lume desata as forzas enrabechadas da vida e goberna o crecemento case temerario do que durante muito tempo (toda unha invernía!) ficou adormecido. Hai, xa que logo, algo de sexual e de erótico nesta festa da primavera.
Acontecementos míticos de innegábel relevancia acaeceron en pleno Beltaine. Foi este o día escollido polos Tuatha Dé Dánnan para pór pé nas praias do Éire, queimando as suas naos, asentándose na nova terra. E tamén en Beltaine acendeu San Padraic o lume pascual no curuto de Tara, desafiando así os vellos lumes druídicos. Chaira, círculo e lume conflúen nesta épica arcaica da labarada.
Todo isto pervive dun xeito ou doutro en Galiza. Coa claridade de maio recuperamos moitos retrincos da nosa forza creadora. As festas dos Maios, co seu Rei e a sua Raíña. As coplas desafiantes, látego e escarnio necesario, feridoras. A festa do Lumepán e a benzón dos campos e das leiras fachuzo en man. Todo supón, dalgún xeito, un anticipo do San Xoán, que é a culminación, fascinio do día inacabábel, auga clara estremecida baixo o luar...

Tamén estas músicas son lume...

quarta-feira, 28 de abril de 2010

O country de Maeloc?

Emulo o salmón e descendo polo que queda de pentagrama até aquel 2002 de praias feridas e dignidades incendiadas, e daqueles días de furia erma rescato un estourido de poesía co que nos obsequiaron os petrucios da nosa música nacional. Falo de Milladoiro, falo de "The Millworker" e falo dunha alianza de folque galaico e country norteamericano que chega a nós, suave e natural, posíbel ante todo, grazas a esa ponte que chamaremos Kathy Mattea. Que gostedes!

Montillón

O sol cae coma un coio brillante e aguzado sobre as pedras desa grande tixola que chamamos Santiago de Compostela. O ceo pésanos na cabeza e o sangue dános pálpito da treboada, pois aínda podemos contar con ese labrego neolítico que coñece e sente as (in)certezas do clima. Por iso quixésemos estar agora en Montillón, no alto, respirando estes aires de beleza e bravura que Pepe Vaamonde Grupo reconstrúe para nós desde o seu álbume Onde nace o vento.