terça-feira, 22 de dezembro de 2009

Bo Nadal (desde a quentura da palloza)

Chegadas estas datas, e para ser fiel a un costume que a ninguén fai dano, non podo menos que felicitarvos o Nadal, este tempo de luces e enchentes que vai recuperando de vagariño e un tanto paradoxalmente o seu primitivo sentido pagán de fartura, exceso e derrama.
Como ando algo apurado e as cousas feitas á carreira saen como saen, déixovos a xeito de felicitación este vídeo no que podedes escoitar un dos guilandos asturianos máis fermosos (e desconcertantes) que coñezo. Trátase de "Ñon hai tal andar", un canto de Nadal recollido polo noso amigo "Ambás" nas comarcas máis orientais e máis occidentais do país veciño, e que aquí versiona co seu grupo Tuenda nun auténtico prodixio de enerxía e emoción. A peza ten a súa popularidade, pois é a sintonía do programa Camín de cantares da TPA.
Para recuperarmos esoutro lado, arcaico e rural, destas festas que se nos botan enriba.


Ñon hai tal andar como andar a la una,
quién verá'l ñeñu na cuna
que ñació na nochi escura en Belén en un portal.
Ñon hai tal andar como buscar a Cristo,
ñon hai tal andar como a Cristo buscar.

Ñon hai tal andar como andar a les dos,
quién verá'l ñeñu de Dios
derramar sangre por nós, sangre vieno a derramar.
Ñon hai tal andar como buscar a Cristo,
ñon hai tal andar como a Cristo buscar.

Ñon hai tal andar como andar a les tres,
quién verá a San Andrés
con sos corderinos tres ñavegando pela mar.
Ñon hai tal andar como buscar a Cristo,
ñon hai tal andar como a Cristo buscar.

Ñon hai tal andar como andar a les cuatro,
quién verá L'Espíritu y Santu
que nos cubre col so mantu y gloria nos tien de dar.
Ñon hai tal andar como buscar a Cristo,
ñon hai tal andar como a Cristo buscar.

Ñon hai tal andar como andar a les cinco,
quién verá'l h-iyu de Cristo
qu'anda per tierres d'Egito y ñon lu dexen parar.
Ñon hai tal andar como buscar a Cristo,
ñon hai tal andar como a Cristo buscar.

Ñon hai tal andar como andar a les seis,
quién verá a tola xente
del oriente al poniente en busca de Cristo andar.
Ñon hai tal andar como buscar a Cristo,
ñon hai tal andar como a Cristo buscar.

Ñon hai tal andar como andar a les siete,
quién verá La Madalena
cubierta con so melena ñavegando pela mar.
Ñon hai tal andar como buscar a Cristo,
ñon hai tal andar como a Cristo buscar.

Ñon hai tal andar como andar a les ocho,
quién verá a San Ambrosio
con sos barbes de raposu, trae acá con que les untar.
Ñon hai tal andar como buscar a Cristo,
ñon hai tal andar como a Cristo buscar.

domingo, 13 de dezembro de 2009

Aire do Cruceiro

Mercedes Peón tiña o pelo longo e Budiño curto. O mundo ao revés. Claro que temos que remontarnos 10 anos atrás no río do tempo para rescatar tan insólita instantánea.
O vídeo pertence a un concerto que ofreceu o gaiteiro de Moaña en Radio 3 no ano 1999, acompañado da que por aquel entón era a súa banda e que uns aniños despois sería o xerme de Laio, quizais o grupo máis arriscado e innovador que deu a nosa música nos últimos lustros. O tema, que ten como vehículo a voz borrascosa e radical de Mercedes Peón, intitúlase "Aire do Cruceiro" e estaba incluído en Paralaia, primeiro álbume de Budiño. Un traballiño que sempre cómpre revisitar, polo que ten de representativo dunha época na que emerxían moitas e boas ideas no panorama da nosa música.
Que gostedes!

sábado, 12 de dezembro de 2009

Maeloc na néboa de Lugo

A semana pasada, Milladoiro ofreceu un concerto no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, dentro da xira "Desde Maeloc" coa que conmemoran o seu trixésimo aniversario como grupo. É moi raro -seguramente imposíbel- que os Milladoiro defrauden nunha actuación, e nesta ocasión non só non o fixeron, senón que obsequiaron o público cunha verdadeira fervenza de música artesanal, directa e co sabor que lle conceden ás melodías os moitos anos de maceración e complicidade. Complicidade entre eles mesmos, mais tamén co público e coa tradición musical do país. O certo é que mesmo Harry C. (violín) e Manú Conde (guitarras, bouzouki), as incorporacións máis "recentes" e xuvenís da banda, parecen levar 30 anos tocando ao carón de Antón Seoane, de Xosé Ferreirós ou de Nando Casal, e aínda así non deixan de facer achegas de matizan e revitalizan a sonoridade do grupo, sen por iso restarlle nin unha migalla da súa personalidade. Simbioses deste tipo son moi poucos os que poden facelas.
Foi unha noite inesquecíbel, polo recordo a antigos compoñentes da banda que non puideron estar presentes na ocasión (os violinistas Laura Quintillán e Michel Canadá), mais tamén pola participación doutros que si asistiron (os harpistas Rodrigo Romaní e Roi Casal, verdadeiro triunfador da noite... eu ben me entendo). Especial tamén polas dotes humorísticas que exhibiron sobre o escenario Xosé Ferreirós e Antón Seoane (que para min sempre fora "o señor serio" de Milladoiro, mais que gasta unha retranca perena!), e que tiveron como vítima a un silencioso e paciente X. Antón Méndez (o outro "señor serio" de Milladoiro). E especial, en definitiva, polas lembranzas ligadas á cidade de Lugo de varios dos integrantes do grupo e polas máis de dúas horas (dise axiña!) de música que foron emerxendo do escenario, mesmamente coma Maeloc entre a néboa.
Déixovos dous vídeos do concerto, unha pequena mostra da enerxía que alí puidemos respirar. No primeiro, Milladoiro interpretan a Polka de Vilagarcía (moi coñecida sobre todo a raíz da versión que dela fixeran Carlos Núñez e The Chieftains no disco Santiago) e o Pasacorredoiras do Condado. O seguinte vídeo comeza cos acordes litorais e melancólicos de "Ila vai ó mar" e remata coa alegre Danza de Cariño, temas ambos os dous pertencentes a aquel primeiro A Galicia de Maeloc cuxo recordo lle dá nome á xira conmemorativa. Dous anacos, en fin, desa banda sonora que tranquila e teimudamente foron compoñendo os Milladoiro ao longo destas 30 invernías. D'oxe noutras tantas...



quarta-feira, 2 de dezembro de 2009

Eran outros tempos na lubre...

Velaquí unha pequena xoia para frikis do folque galaico. Neste vídeo temos os Luar Na Lubre na remota data de 1990, presentando o seu por entón último traballo, Beira Atlántica, no mítico Arestora da TVG. A peza, que chegou a acadar certa popularidade, intitúlase "Cantiga de berce" e combina un tema tradicional coa letra dun poema de Celso Emilio Ferreiro.
Certamente eran outros tempos, e nótase xa non só na sonoridade do grupo (que desde aquela época foi adquirindo graos maiores de complexidade... quizais non sempre para ben, mais ese é outro cantar), senón tamén na propia estética dos seus compoñentes, algún deles case irrecoñecíbel hoxe en día. Na miña opinión, o que mellor resistiu o paso do tempo (e de que xeito!) foi o frautista Xan Cerqueiro. Por certo, alguén sabe que foi da cantante Ana Espinosa, primeira vocalista da banda? En fin, déixovos con este momento "folque dos 80" que sempre resulta grato para nostálxicos, curiosos e xentes desa calaña na cal (evidentemente) non dubido en me incluír.