quarta-feira, 2 de Dezembro de 2009

Eran outros tempos na lubre...

Velaquí unha pequena xoia para frikis do folque galaico. Neste vídeo temos os Luar Na Lubre na remota data de 1990, presentando o seu por entón último traballo, Beira Atlántica, no mítico Arestora da TVG. A peza, que chegou a acadar certa popularidade, intitúlase "Cantiga de berce" e combina un tema tradicional coa letra dun poema de Celso Emilio Ferreiro.
Certamente eran outros tempos, e nótase xa non só na sonoridade do grupo (que desde aquela época foi adquirindo graos maiores de complexidade... quizais non sempre para ben, mais ese é outro cantar), senón tamén na propia estética dos seus compoñentes, algún deles case irrecoñecíbel hoxe en día. Na miña opinión, o que mellor resistiu o paso do tempo (e de que xeito!) foi o frautista Xan Cerqueiro. Por certo, alguén sabe que foi da cantante Ana Espinosa, primeira vocalista da banda? En fin, déixovos con este momento "folque dos 80" que sempre resulta grato para nostálxicos, curiosos e xentes desa calaña na cal (evidentemente) non dubido en me incluír.

segunda-feira, 30 de Novembro de 2009

Santo André de Lonxe

Bendito mes, que comeza con Santos e acaba con San Andrés.
Hoxe consúmese entre frío e choiva o mes de Defuntos, cuxo día cabeiro está consagrado á celebración do Santo André de Teixido. Hai moitos séculos seica era Santiago Apóstolo o santo celebrado en tan simbólica xornada. Ben coñecida é a rivalidade latente durante moito tempo entre estes dous patróns e os seus respectivos santuarios. Algo tería que ver niso que o de Santo André sexa o verdadeiro santuario nacional galego, a romaría por antonomasia para os nosos paisanos, tal e como o é para os bretóns a de San Ronan de Locronan, tan parella e similar en moitos aspectos á do noso Santo André. Santiago, como Santo Adrián, teñen un trasfondo de paganismo celto-atlántico moi evidente a pouco que se foce nas súas respectivas mitoloxías. Mais ambos os dous representan, no fondo e na forma, a superposición de ritos e costumes novos, a xerarquización das crenzas. No Santo André de Lonxe, lugar sagrado de sempre como rezan os documentos altomedievais, a arteria pagá latexa a flor de pel, percíbese a súa presenza sen necesidade de esforzo intelectual ningún: rituais de adiviñación, comunidade da morte e da fecundidade (Meu santiño Santo André / eu como foi non o sei / fomos dous e viñemos tres), carácter fisterrán, embarcadeiro das almas, barcas de pedra nas que chegan os santos procedentes das Illas do Oeste, herba de namorar, milladoiros, zoomorfización das ánimas, cabalos bravos que se cadra son defuntos, tremor relixioso que nos asalta mentres ascendemos a Serra da Capelada. No tellado da igrexa do Santo André remata o Camiño das Estrelas dos pitagóricos, recreado como Camiño de Santiago polos cristiáns. O Santo André representa pois a integración, o eclecticismo, a mestura, a pervivencia tranquila dos xeitos e das cousas, ese Deus é bo e o Demo non é malo tan plasticamente representado na Pedra da Serpe de Gondomil. A ninguén debe sorprenderlle por tanto a forte pervivencia e enraizamento do Santo André no ser antropolóxico galego.
Hoxe mesmo, recuas e recuas de romeiros anegarán aquel promontorio debruzado sobre o mar inmenso, e farano con coidado de non pisar formiga nin verme, e algún deles (ou algunha delas) mesmo guindará migallas de pan na fonte santa para saber do seu porvir, ou mercarán os senandreses de pan pintado con forma de barca, de man, de flor e de santiño. Como di o poema de Ferrín "O curro de Morgadáns", cheira a sempre. Quizais a Teoría da Continuidade, no fin de contas, non sexa máis ca isto.
Como servidor non poderá transfigurarse hoxe en romeiro e retrotraerse milleiros e milleiros de anos no tempo, terei que me conformar con esta pequena homenaxe que quere ser tamén quizais acto ritual, relixioso ao seu xeito. Trátase de "Romeiro ao Lonxe", a coñecida peza na que os Luar Na Lubre revisitan unha melodía de Simon & Garfunkel (a famosísima "Scarborough Fair") póndolle unha letra de Xulián Cuba referida precisamente aos grandes mitos que poboan o Santo André de Teixido. Sen dúbida unha das cancións que incluiría na banda sonora da miña vida, e unha das máis logradas do grupo, que de feito volveu gravala en directo no seu recente traballo "Ao Vivo", desta vez coa voz de Diana Navarro.

sábado, 28 de Novembro de 2009

Unha de toponimia monástica e penedosa: San Xulián de Moraime

San Xulián ou San Xián de Moraime é unha parroquia do termo municipal de Muxía, na comarca de Fisterra e no corazón vivo do antigo territorio (e moderno arciprestado) de Nemancos. En Moraime atopamos ademais unha igrexa parroquial que en tempos foi un mosteiro da orde bieita, o único cenobio de certa relevancia que chegou a existir no ámbito territorial da Costa da Morte e do que nin tan sequera se coñece con exactitude a súa data de fundación, se ben esta debeu ter lugar nos derradeiros anos do século XI. O antigo mosteiro de Moraime, situado iuxta crepidinem maris tal e como din os fermosos documentos fundacionais, chegou a ser refuxio de Afonso VII, o famoso imperator Hispaniarum que primeiro foi rei de Galiza grazas ao impagábel apoio dos Trabas, caste de bergantiñán avoengo como é ben sabido. E, segundo afirmaba xa no s. XVII o arcebispo compostelán Jerónimo del Hoyo, foi a comunidade monástica asentada en Moraime a que motivou a aparición do topónimo Muxía, teoría que me parece máis ben exercicio de re-etimoloxización dun topónimo que moi posibelmente afunda as súas raigañas en solos bastante máis distantes e moito máis resistentes tamén ao aveño do estudoso.

Sexa como for, o certo é que Moraime, como paisaxe, constitúe desde hai tempo un dos meus enclaves predilectos. Porén, o seu nome sempre me pareceu unha incógnita sobre a que teño reflexionado unha chea de veces, até chegar a certas conclusións seguramente moi discutíbeis. Aínda que nos últimos anos veño orientando os meus intereses cara ao eido da toponimia, tede por certo que non estou en disposición de formular hipóteses dotadas da fiabilidade coa que si traballan en cambio outros amigos do blogomillo, como Cossue, que de seguro podería brindarnos palabras máis doadas e certeiras sobre o tema que vou tratar.
Moraime, logo. Digamos antes de nada que o topónimo aparece nos documentos medievais que consultamos como Moriame (s.d.), Moyrame (1220), Moyramia (s.d.), Sam Giao de Moyrame (1334) e Sancto Iuliano de Mouramia (1239), todas estas formas procedentes do Tombo de Toxos Outos. Obviamente, as mencións multiplícanse noutras fontes documentais, e tamén o fan as variantes gráficas e formais: na colección documental do propio mosteiro de San Xulián de Moraime temos formas como:
Moriame (1095, 1118, 1119)
Mouramea (1403)
Moyrama (1361)
sancti Iuliane de Moyrame (1238)
sancti Iuliani de Moyrame (1175)
sancto Iuliano de Moriame (c. 1118)
Sancto Iuliano de Moriame (c. 1118)
Moyrame (1232, 1366, 1380)
Sant Julian de Moyrame (1380, 1401)
sant Giao de Moyrame (1363)
Sant Julian de Morayme (1335)
O arcebispo Jerónimo del Hoyo, cando dá noticia do cenobio nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago (1607) utiliza as variantes Moirame e Moraime con certa de xeito relativamente indistinto.
Que se deduce desta selva de testemuños documentais? Pois que a forma máis antiga e a que seguramente debamos tomar como punto de partida para explicar a etimoloxía do topónimo é Moriame. A forma Moyrame, a máis empregada ao longo da Idade Media e que aínda ten vitalidade segundo vemos até ben entrado o s. XVII, é o resultado romance esperábel a partir da metátese do [i], como en uěrsōrĭa > vasoira, cŏrĭŭ > coiro e outros moitos casos análogos. De feito, aínda no s. XVIII, o padre Sarmiento (forxador sen sabelo da moderna filoloxía galega) fai unha consideración moi interesante a respecto do dobrete Moyrame / Moraime cando di:
San Giao o Julian de Morayme. Antes fue Monasterio, y se llamaba, según ví y leí, Mourame o Mouramea de Moirame y aún hoy se llama así entre los páparos.
Ou sexa, que a denominación tradicional Moyrame seguía viva na fala popular, mentres que a forma innovadora Moraime, imposíbel de explicar como alteración espontánea a partir do estadio representado por Moyrame, debeu xurdir moi probabelmente como refacción erudita da forma patrimonial. Supoñemos que nesa modificación tivo que influír en maior ou menor grao a afinidade formal co substantivo moraima / almoraima, rexistrado como topónimo no ámbito castelán (máis concretamente andaluz) e que significaba 'conxunto de mouros, raza dos mouros'.
Moi ben, e como interpretar a forma Moriame desde o punto de vista semántico-etimolóxico? Persoalmente creo que hai que partir do radical prelatino *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa', 'cor parda, escura', ao que os investigadores adoitan remitir formacións léxicas como o galego morea 'montón, acumulación de cousas', morouzo 'morea de pedras', morouza 'acumulación de pedras miúdas nunha parte dun terreo dedicado a cultivo', morreira 'idem' e morraceira 'terra que sobresae no medio dun río ou regato'; portugués morouço 'monte pequeno' e marra 'valo, marco, linde', castelán morro 'promontorio, elevación', berciano morueco / merueco 'morea de seixos' ou euskera marra 'marco, estrema', entre outros moitos máis ou menos discutíbeis. Isto emparentaría o noso topónimo con outros ben coñecidos do territorio galego (e non só), como O Morrazo, Morrazón, Morreiras, Morouzo / Morouzos, Moraña ou O Moroso, entre outros. E foi por tanto con base nese radical *mor- / *mur- que debeu crearse un derivado *moriăma, co sufixo átono -ămo, de valor superlativo ou intensivo, o mesmo que temos sen ir máis lonxe no latín minimus, infimus, decimus ou postumus, en topónimos como os galegos Édramo, Visma e Sísamo ou en verdadeiras reliquias lexicais doutros tempos mais que alentan aínda na lingua dos galegofalantes de hoxe, como páramo ou árgoma, por exemplo. A forma *moriăma, xa que logo, estaría a facer referencia a unha obviedade que calquera que visite o lugar pode verificar cos seus propios ollos: a natureza rochosa do promontorio ou elevación do terreo no que se asenta tanto o que foi antigamente mosteiro de San Xulián como o núcleo poboacional desenvolvido ao seu redor.

Agora ben, variantes como Mourame ou Mouramia, coñecidas nos textos latinos, colócannos perante unha reinterpretación do topónimo mediante a cal se asociou co derivado mouramia 'caste dos mouros', 'conxunto de mouros', seguramente aplicado nun comezo con valor despectivo tal e como acontece con outras denominacións etno-relixiosas posteriormente toponimizadas. De feito, non moi lonxe de Moraime e sen saírmos do concello de Muxía temos un lugar chamado Sinagoga (un xeito delicado mais contundente de chamarlles "xudeus" aos seus habitantes), e non debemos esquecer o topónimo ourensán A Mezquita, que Gonzalo Navaza explica a partir de motivacións ben semellantes, as mesmas que latexaban con toda seguridade en formas toponímicas como Lusquiños, Mudelos, Nugallás / Nogalláns ou Mintiráns, todas eles transparentes... Quizais demasiado para os coitados dos paisanos que habitan estoicamente os lugares bautizados con tan senlleiras nomenclaturas...

quinta-feira, 26 de Novembro de 2009

O pentagrama do ferreiro

Goibniu (Saint Gobrien para os bretóns de hogano), Govannon, Will O'The Wisp, Hefestos. Os ferreiros sempre foron obxecto de máxicos rumores en todas as culturas, por seren coñecedores dos úteros da terra e do prodixio da metalurxia. Na súa obsesión por darlle forma ao metal incendiado entroncan ademais cun tipo de loucura que adoitamos chamar poesía. Sabía ben disto todo Amaury Home Santo (abanqueiro imposíbel) cando abandonou a súa hoste para unirse á dos mineiros, pois intuía un certo pálpito sagrado no seu fozar e fender de rochas. Cando eu mesmo tiven a oportunidade de adentrarme a centos de metros baixo terra nas minas de cinabrio de Almadén, en terras manchegas, puiden comprender moitos parágrafos dese sentimento que nos conecta de certo coas mitoloxías primeiras.
Son seres máxicos os ferreiros, e non é para menos. Eles dotan o labrego do arado co que creará o suco do que agromará o vexetal, ou digamos alimento, a abundancia boa e gorentosa que algún día ha ferver con estrépito no pote familiar. Sen ferreiro non habería fouciño co que rozar e facer leira do que noutrora era silva fera e toxo arnal. Por iso debeu ser un intre case iniciático aquel no que o ferreiro agarrou aquela lingua de metal e a fixo resoar unha e outra vez contra os seus dentes. Debeulle soar gozosamente deforme a melodía que pouco a pouco foi anegando a mesta penumbra da forxa, baixo o ruído do mazo e o crepitar incesante das charetas. Á lingua de metal chamoulle birimbao, trompa, harpa do xudeu e outros centos de nomes máis. Nas fronteiras orientais do noso reino aínda hai xente que reproduce aquel movemento primixenio do ferreiro e fan resoar nos seus dentes pentagramas estraños que aínda teñen o recendo á mina.



O vídeo pertence ao I Encontro de Tocadores de Trompa, celebrado na Fonsagrada o pasado mes de xuño. Os músicos son Xulio Varela (Luar Na Lubre) na trompa, Fernando Vila (Iriadona) no bodhran e Alberto Carbonell (Os Dous de Sempre) no acordeón. Cousa bonita,

sexta-feira, 20 de Novembro de 2009

30 anos de Milladoiro

Descubrinos alá polo ano 1997, cando a TVG emitiu un concerto seu desde Lugo. O concerto, chamado "O Son dos Celtas", estaba incluído dentro daquela pachangada descomunal dos mellores tempos do fraguismo, aquel Galicia Terra Única faraónico e inexplicábel que todos lembraredes. Mais o concerto foi antolóxico. Susana Seivane, Leilía e Liam O'Flynn pasaron por aquel escenario na Praza de Santa María. Desde aquel día, Milladoiro erixíronse como o meu grupo de referencia. Atrás deles veu a descuberta doutros moitos: Carlos Núñez, Luar Na Lubre... Mais eles foron os primeiros.
Non esaxero se digo que son os vellos chefes deste mundiño da música celta feita en e desde Galiza. Até que eles apareceron, o panorama da nosa música nacional era un ermo, unha paisaxe en ruínas colonizada por ideoloxías totalitarias que tiñan como tope das nosas aspiracións culturais o folclorismo estúpido de gaita e pandeireta. Chegou Milladoiro e abriu as ventás para que entrasen aires frescos, galernas enteiras, borrascas setentrionais que nos abriron os ollos ao que eramos e ao que posuïamos. Os cantares de cego, os alalás dos arrieiros atravesados de camiño e pousada, as vellas muiñeiras clandestinas, o incendio musical que levaba décadas illado nos recordos dos máis vellos emerxeu de novo. E fíxoo revestido de whistle, de violín, de bouzouki. A música que naceu sendo rural non deixou de selo, mais redescubriuse como un discurso preñado de modernidade. Ese foi, penso eu, o grande mérito de Milladoiro. Dignificar o que mesmo moitos dos nosos intelectuais consideraban daquela como cousa rancia, obsoleta, un divertimento de coros e danzas. Os membros fundacionais de aínda lembran a posición de segundóns que ocupaban nun principio con respecto aos cantautores de Voces Ceibes. Afortunadamente, as perspectivas cambiaron, e hoxe ninguén discute que, por baixo da requintada estética dos Milladoiro, latexa un enorme compromiso ético. Quizais por iso non nos sorprendeu ver a Nando Casal, gaiteiro do grupo, tocando no palco da Quintana o día da manifestación a prol da lingua galega. Tampouco se esperaba menos de quen xa é seguramente unha parte orgánica da nosa cultura de país.
Os Milladoiro fan 30 anos, tantos como pasaron desde aquel primeiro concerto no Colexio dos Salesianos da Cruña. Como hai que celebralo con xeito, a banda faino por partida dobre: por un lado, saca ao mercado o seu novo traballo, A Quinta das Lágrimas; e polo outro, encetan unha xira de concertos intitulada "Desde Maeloc..." e que os levará polas cidades de Lugo, Ourense, Vigo e A Cruña para rememorar os vellos temas, as vellas melodías daqueles primeiros discos cargados de galerna, de borrasca, de incendio.
Para achegar o noso pequeniño gran de area (e ir facendo boca) déixovos aquí este vídeo dunha actuación recente en Betanzos na que interpretan un set de temas tradicionais irlandeses, coa enerxía e contundencia que acostuman.

segunda-feira, 16 de Novembro de 2009

Semana nova, músicas novas

Hoxe quero compartir convosco o son dunha das bandas asturianas que máis me prestan, malia descubrilos hai relativamente pouco. Trátase de DRD, e a súa combinación minimalista de frauta traveseira, violín e guitarra deixa un eco de forza e contundencia nos ouvidos, sempre matizadas por ese sentimentalismo case inevitábel que parece zumegar toda música chegada de alén Eo. Déixovos pois con este tema intitulado "Tremoria", un set de muñeres magnificamente interpretadas e que nos traen á boca o sabor e o ritmo das terras de Degaña. Un bo xeito (penso eu) de encetar semana nova.

domingo, 15 de Novembro de 2009

13 de novembro

Hai dous días (13 de novembro) cumpríronse sete anos. A barriga do monstro abriuse en canal, e todo o odio do mundo emerxeu das súas entrañas. Depositouse aquel odio nos coídos, nas calas, nos areais, nos baixíos, co ritmo pausado dunha agonía.
E velaí que as xentes daquel país que tantas outras agonías parecidas tiña vivido e sufrido botaron o paraugas ao lombo e sacaron as gorxas vociferantes ás rúas todas, aos camiños todos, desde Ribadeo a Tui. Nunca Máis. Vellas proclamas para vellos degoiros. As xentes daquel país que era todo beiramar mergullaron as mans naquel odio espeso e desacougante e arrincárono pouco e pouco, cunha violencia xorda, con algo de insurrección nonnata, quizais. Unha tensión de séculos acumulada nos nervios, nas vértebras, nos ollos. Alguén dixo que, ante a inactividade do Estado, aparecera a Nación. Por fin. Unha nación con ADN de chapapote, condenada a non aprender dos erros, mais que non repara en alentos á hora de escenificar grandiosos actos de heroísmo. Nunca Máis. Muxía, zona cero. Vulnerabilidade infinita.
As manifestacións, a solidariedade, os poemas, a rabia. Vai para sete anos, e aínda é hoxe o día que todo aquilo nos proe nos ollos cada vez que nos vén á memoria. Mais nin por iso queremos deixar de traelo á memoria. Chamémoslle ritual, ritual necesario. Para non rebaixar nin un milímetro esa tensión de séculos que nos mantén alerta.
E que a memoria se acompase desta vez cos ritmos que os Luar Na Lubre recolleron na Costa da Morte e cos que nos obsequian neste tema ao vivo. Pois quizais nada hai máis contundente e feroz cá música cando se trata de coser para sempre a barriga do monstro.