terça-feira, 1 de setembro de 2009

Crónicas musicais eo-naviegas: Tapia de Casarego 2009

Xa vai alá máis dunha semana e aínda non asexou a este blogue nin media palabra sobre o pasado Festival Intercéltico d'Occidente, que con tantas gañas e expectación viña agardando quen asina estas palabras. O caso é que, aínda que servidor tan só puido acudir á xornada de clausura (que tivo lugar o domingo 24 de agosto), e fíxoo ademais con grande risco da súa integridade física e psicolóxica (polas poucas horas durmidas e as moitas conducidas), o esforzo pagou a pena e o cansazo que acusou este corpiño ao longo de toda a semana seguinte viuse compensada polas doses de música e emoción que recibín esa noite en Tapia de Casarego (falando ben!).
Música, emoción e gratas sorpresas. Porque grata sorpresa foi o grupo que abriu a noite, Tuenda, do que até estes últimos tempos tiña máis ben poucas referencias mais que deixaron entrever esquemas moi interesantes de reinterpretación do que é a tradición de música cantada en Asturies. Tuenda son o frautista Pepín de Muñalén (de La Bandina'l Tombo), o bouzoukista Elías García (membro fundador dos Llan de Cubel) e o cantante Xosé Fernández "Ambás", membro de N'Arba, compilador do material do que se serve esta formación para construír o seu repertorio e ben coñecido na canle autonómica asturiana grazas ao programa "Camín de cantares". Por certo, que "Ambás" dirixiuse en todo momento ao público nun correctísimo (fonética á marxe) galego propio da zona... Ou "galego-asturiano", como parece ditar ultimamente a corrección política...
A continuación de Tuenda veu Michael McGoldrick, co guitarrista Ed Boyd e o xenio John Joe Kelly, mestre inimitábel no uso e abuso do bodhrán. Ou sexa, o que no seu día foi columna vertebral de Flook, sen dúbida unha das mellores agrupacións de folk irlandés do mundo enteiro. O concerto? Un concerto impresionante para o que toda palabra sería escasa e limitada. Como é posíbel que tres simples músicos, dotados de instrumentos estritamente acústicos, poidan conquerir a forza dunha orquestra enteira? Como é posíbel que John Joe Kelly arrinque do bodhrán sonoridades e matices que converten o vello pandeiro irlandés nunha auténtica maquinaria musical? Pois iso, impresionante. E para que calibredes o que deron ambas as dúas bandas, velaquí vos deixo uns vídeos gravados en directo no transcurso dos seus concertos.
Por certo, un pequeno detalle que me deu bastante que reflexionar. Cando o guitarrista Ed Boyd preguntou ao público como se lle chamaba en asturiano á canción empregada para adormecer os nenos, a resposta foi nana... Non deixa de resultar cando menos curioso que, en medio da máis pura exaltación da asturianidade, a ninguén se lle ocorrese lembrar que, en asturiano, o xénero musical en cuestión recibe un nome ben máis fermoso e que todo afeccionado ao folk debería coñecer: añada. En fin... Que cada quen saque as conclusións que prefira...









1 comentário:

  1. Ulmo!!!


    Aínda non che viñera facer ningunha visita dende que te mudache, pero vou vendo que che quedou ben xeitosiña a casa nova...

    En fin, que terei que ir mirando eu tamén de pasarlle unha fouce ás silvas pola miña, ou cousa así, máis que nada por esa idiosincrásia rural do noroeste (ou sexa, envexa do veciño de toda a vida). Saúdos!!!


    P.S.: Está ben interesante o post sobre a Canle de Panamá. Xa lera algo diso e recoméndoche que sigas tirando do fío, que é bastante interesante.

    ResponderEliminar