terça-feira, 11 de agosto de 2009

De cando os urogalos estremeceron a Carballeira de Velar

Máis un ano (e van xa nin máis nin menos que 26!), a Festa da Carballeira de Zas non defraudou aos que temos nela unha cita inescusábel no noso particular calendario de verán. A Carballeira, como ben saben os que me coñecen, concentra para min sentimentos moi especiais que a elevan pouco menos que á categoría de pequeno santuario personal. Como dicían os vellos poemas irlandeses, é o meu refuxio soleado, o meu recinto de música e risos, onde a cervexa sabe mellor e a música soa a cousa viva e verdecente. Onde un se reencontra cos amigos que ao mellor non viu en todo o ano, e as conversas atrasadas xorden ledas e doadas entre os pentagramas con que nos agasallan verdadeiros xenios do gremio...
E vou parando, porque aínda me hei emocionar e todo, e non é plan...
O certo é que nesta edición todo saíu, para o meu gusto, a pedir de boca. O clima atlántico, de natural rabudo, fíxose de rogar até ben avanzada a tarde e mesmo obrigou a suspender as actuacións dos grupos tradicionais, mais fóra diso deixou paso a unha noite estrelada ideal para desfrutar dos grupos que ían desfilar polo escenario. E que grupos! Desde a vea máis tradicional e apegada á terra e á recolleita dos Ruote até os ourensáns de Mutenrohi, pasando obviamente por eses monstros que son os asturianos Tejedor, que me obrigaron (máis unha vez!) a reconciliarme coa música asturiana. Mais, sen dúbida, a banda que máis me emocionou (e falo en serio, porque aínda botei máis de dúas bagullas escoitándoos tocar) foron eses urogalos bravos da Escocia, capaces de erguerte até os cimos da éxtase igual que de afundirte na máis insoportábel melancolía de néboas e naufraxios: eses fenonemais Donald Shaw, Manus Lunny, Karen Matheson, Charlie McKerron... En definitiva, Capercaillie. Como nunca antes os vira non sabería dicir se estiveron ou non á altura do que deles adoita esperarse nun concerto. Só sei que desfrutar en rigororísimo directo, a escasos cinco metros deles, todas esas cancións que fan parte da miña banda sonora persoal dos últimos anos... é algo que non pagan os 5 euros da entrada nin toda a queimada, empanada e/ou cervexa que un puidese consumir! Simplemente, magníficos. Por certo, a única decepción (mínima, en todo caso) foi comprobar que o meu admirado Michael McGoldrick, gaiteiro e frautista do grupo, non estaba con eles nesta ocasión. En todo caso, a decepción disipouse unhas horas máis tarde cando, fuchicando pola rede, descubrín que McGoldrick vai ofrecer unha actuación en Tapia de Casariego o vindeiro día 23 deste mes, no marco do Festival Intercéltico d'Occidente. Se Deus quer e o santo patrón dos folquis (sexa cal for) axuda, alí estaremos, en primeirísima fila!
Déixovos aquí un pequeno vídeo que vos pode dar idea do que fixeron os Capercaillie na carballeira do Velar. A calidade do mesmo (xa o adianto) é moi mala, mais supoño que os afeccionados ao folque (e máis en concreto os seguidores da traxectoria desta banda) recoñecerán, entre os ruídos de fondo e a distorsión da imaxe, os acordes dun dos seus temas máis coñecidos: "Kepplehall / The Osmosis Reel". E como berramos os milleiros de paisanos que nos congregamos ao pé do Castro de Meda cada primeira fin de semana de agosto: Ei Carballeira!


Sem comentários:

Enviar um comentário