Habemus novo presidente da RAG. Nos últimos días, os diversos medios de comunicación fixéronse eco da noticia que xa levaba ben tempo a xestarse: Xosé Luís Méndez Ferrín toma o mando na vella casa da Rúa das Tabernas. Ese poeta de ferro e dinamita que só sabe habitar na permanente electricidade dos extremos, xa sexan os da literatura, os da política ou os da vida. Quizais sexa un síntoma de certa normalidade que unha persoa de ideoloxía tan marcada (e aceirada, mesmo) acceda á presidencia dunha institución coma a Real Academia Galega. E é para felicitarnos, pois non é normalidade o que abunda nestes días de maiorías silenciosas e cegueiras patolóxicas...
De sempre foi Ferrín un dos meus autores máis admirados, precisamente pola heterodoxia e o risco que asume en practicamente todas as súas obras. Xunto con Uxío Novoneyra e Álvaro Cunqueiro formou a miña triloxía, a tríada dos meus santos avogosos. Gardo como un pequeno tesouro o meu exemplar asinado de Con pólvora e magnolias, e endexamais esquecerei aqueles días de verán nos que o meu maxín se incendiou irreversibelmente con Bretaña, Esmeraldina e Estirpe. Como tampouco esquecerei aquel berro de guerra patentado por certo amigo mais eu no fastío dalgunha clase da facultade: Viva Ferrín, a muiñeira e o Teresa Herrera! Ogallá volvesen tempos idos...
Non é hoxe tempo o que me sobra, senón fame e cansazo, mais aínda así non quería deixar pasar máis días sen dedicarlle desde esta bitácora lamacenta unha cativísima homenaxe ao novo presidente. E fágoo a través dun poema que me deu moito que pensar ao longo dos anos, uns versos a partir dos cales fun construíndo particulares e moi persoais mitoloxías. Nel emerxe o curro de Morgadáns como unha entidade mítica que resume e libera todo canto somos. Nel escóitase o barullo dos cabalos, carrexadores de almas e pervivencias. Ese barullo que (ao mellor) chega a lembrarnos o desas hostes que a semana pasada invadiron Santiago de Compostela a golpe de lingua e (por que non?) dinamita.
- O CURRO DE MORGADÁNS -
Homes e sombras que regresan corren a
as greas contra o circuito final das certidumes.
Noto que o meu cabalo colludo
vai abrir nas illargas
asas negras de frémito e loucura.
Os pitos de ouro coa súa galiña
espreitan desde o too a cerimonia.
Cheira a sempre.
Oh cabalo cativo,
torga ruin, can de palleiro,
espello no que se mira a nosa caste!
Por millentos anos este estrondo de cascos
nas cortes vellas da lembranza...
Será cecais o curro
todo o que desa Patria sobreviva no mundo?