Mais neste texto emerxen nomes especialmente queridos para min, como o de Lence Santar, vello cronista da cidade de Mondoñedo e a quen lle debemos notas antropolóxicas verdadeiramente alucinantes. Que desfrutedes pois!
______________________________________________________________________CRIATURAS AVISTADAS NA PENA GRANDE DE ZOÑÁN
El Progreso, 16 / 08 / 2009
A escasos metros da croa do castro de Zoñán, na parroquia dos Remedios, en Mondoñedo, na beira do vello camiño que sobe desde os Cucos e de Pelourín cara a Estelo, hai unha pena (en realidade son tres moi xuntas) coñecida como a Pena Grande. Aquel é un lugar de medos; ou sexa, unha paraxe propicia para as aparicións e visións de criaturas sobrenaturais, sexan estas demos, encantos ou ánimas.
Hai noticia de que nesta pena fan vida uns encantos que tocan a gaita, cantan, bailan e aturuxan, maiormente na noite da véspera do día de San Xoán. Cóntao Lence Santar, e pon por testemuñas de telo visto, e sentido, entre outros, ao Angulo e ao Grilo de Pelourín, a Monterroso de San Cristovo e ao Picos de Tronceda. Angulo de Pelourín viu alí mesmo ao trasgo unha noite de San Xoán cando regresaba desde Zoñán á casa. O trasgo seica aganchaba por un castiñeiro ao tempo que fungaba, que ensinaba os dentes e que esgazaba as canas da arboreda de arredor.
Farruco Otero Doural, Farruco da Costa, xa leva fóra deste mundo desde o 2 de xaneiro do ano 1933, e foi, por certo, o derradeiro home da comarca que gastou monteira (tiña unha de saial para o diario e outra de pano para os días santos). Farruco da Costa tamén viu o demo na Pena Grande. Viuno por tres veces; claro que Farruco, aínda que non sabía ler nin escribir, dominaba a ciencia de ver nacer as herbas e sabía botar as contas dos pelos que podía chegar a ter un xanto.
Todos estes seres do noso imaxinario son diferentes aínda que a xente xa case non sabe distinguilos. Todos son grandes transformistas (año, vaca, cabalo...) e moi rebuldeiros, o mesmo os podemos ver en figura de animal ca de persoa, enredando dentro e fóra das casas. Os encantos emparentan cos mouros e coas mouras, mentres que os trasnos, trasgos e diaños son da familia do Demo; das pólas bastardas, xa hora.
