segunda-feira, 30 de novembro de 2009

Santo André de Lonxe

Bendito mes, que comeza con Santos e acaba con San Andrés.
Hoxe consúmese entre frío e choiva o mes de Defuntos, cuxo día cabeiro está consagrado á celebración do Santo André de Teixido. Hai moitos séculos seica era Santiago Apóstolo o santo celebrado en tan simbólica xornada. Ben coñecida é a rivalidade latente durante moito tempo entre estes dous patróns e os seus respectivos santuarios. Algo tería que ver niso que o de Santo André sexa o verdadeiro santuario nacional galego, a romaría por antonomasia para os nosos paisanos, tal e como o é para os bretóns a de San Ronan de Locronan, tan parella e similar en moitos aspectos á do noso Santo André. Santiago, como Santo Adrián, teñen un trasfondo de paganismo celto-atlántico moi evidente a pouco que se foce nas súas respectivas mitoloxías. Mais ambos os dous representan, no fondo e na forma, a superposición de ritos e costumes novos, a xerarquización das crenzas. No Santo André de Lonxe, lugar sagrado de sempre como rezan os documentos altomedievais, a arteria pagá latexa a flor de pel, percíbese a súa presenza sen necesidade de esforzo intelectual ningún: rituais de adiviñación, comunidade da morte e da fecundidade (Meu santiño Santo André / eu como foi non o sei / fomos dous e viñemos tres), carácter fisterrán, embarcadeiro das almas, barcas de pedra nas que chegan os santos procedentes das Illas do Oeste, herba de namorar, milladoiros, zoomorfización das ánimas, cabalos bravos que se cadra son defuntos, tremor relixioso que nos asalta mentres ascendemos a Serra da Capelada. No tellado da igrexa do Santo André remata o Camiño das Estrelas dos pitagóricos, recreado como Camiño de Santiago polos cristiáns. O Santo André representa pois a integración, o eclecticismo, a mestura, a pervivencia tranquila dos xeitos e das cousas, ese Deus é bo e o Demo non é malo tan plasticamente representado na Pedra da Serpe de Gondomil. A ninguén debe sorprenderlle por tanto a forte pervivencia e enraizamento do Santo André no ser antropolóxico galego.
Hoxe mesmo, recuas e recuas de romeiros anegarán aquel promontorio debruzado sobre o mar inmenso, e farano con coidado de non pisar formiga nin verme, e algún deles (ou algunha delas) mesmo guindará migallas de pan na fonte santa para saber do seu porvir, ou mercarán os senandreses de pan pintado con forma de barca, de man, de flor e de santiño. Como di o poema de Ferrín "O curro de Morgadáns", cheira a sempre. Quizais a Teoría da Continuidade, no fin de contas, non sexa máis ca isto.
Como servidor non poderá transfigurarse hoxe en romeiro e retrotraerse milleiros e milleiros de anos no tempo, terei que me conformar con esta pequena homenaxe que quere ser tamén quizais acto ritual, relixioso ao seu xeito. Trátase de "Romeiro ao Lonxe", a coñecida peza na que os Luar Na Lubre revisitan unha melodía de Simon & Garfunkel (a famosísima "Scarborough Fair") póndolle unha letra de Xulián Cuba referida precisamente aos grandes mitos que poboan o Santo André de Teixido. Sen dúbida unha das cancións que incluiría na banda sonora da miña vida, e unha das máis logradas do grupo, que de feito volveu gravala en directo no seu recente traballo "Ao Vivo", desta vez coa voz de Diana Navarro.

4 comentários:

  1. E mira, xa que estamos quería pedirche un favor, ti que controlas de documentación medieval. Coñeces algunha referencia na que figure o patrono de Mos en galego? Referencia escrita, porque orais seica non quedan a Xiao -ou Giao, Gião, Geao, etc etc.- na Terra Chá. En calquera caso, moi agradecido.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas, Dimo. No tocante ao elemento haxionímico do topónimo polo que me preguntas, e centrándonos na documentación en romance, eu coñezo como rexistro máis temperán a forma SANT GIAAO DE MOONS (Mondoñedo 1488), mais unha cala algo máis profunda seguramente permitiría encontrar máis testemuños coma este. Podes fozar un pouquiño en recursos como o ITGM ou o TMILG, que sempre son de utilidade. Espero terche sido de axuda.
    Saúdos!

    ResponderEliminar
  3. De moitísima, Ulmo, de novo mil grazas polo teu saber e disposición.

    ResponderEliminar