sábado, 28 de novembro de 2009

Unha de toponimia monástica e penedosa: San Xulián de Moraime

San Xulián ou San Xián de Moraime é unha parroquia do termo municipal de Muxía, na comarca de Fisterra e no corazón vivo do antigo territorio (e moderno arciprestado) de Nemancos. En Moraime atopamos ademais unha igrexa parroquial que en tempos foi un mosteiro da orde bieita, o único cenobio de certa relevancia que chegou a existir no ámbito territorial da Costa da Morte e do que nin tan sequera se coñece con exactitude a súa data de fundación, se ben esta debeu ter lugar nos derradeiros anos do século XI. O antigo mosteiro de Moraime, situado iuxta crepidinem maris tal e como din os fermosos documentos fundacionais, chegou a ser refuxio de Afonso VII, o famoso imperator Hispaniarum que primeiro foi rei de Galiza grazas ao impagábel apoio dos Trabas, caste de bergantiñán avoengo como é ben sabido. E, segundo afirmaba xa no s. XVII o arcebispo compostelán Jerónimo del Hoyo, foi a comunidade monástica asentada en Moraime a que motivou a aparición do topónimo Muxía, teoría que me parece máis ben exercicio de re-etimoloxización dun topónimo que moi posibelmente afunda as súas raigañas en solos bastante máis distantes e moito máis resistentes tamén ao aveño do estudoso.

Sexa como for, o certo é que Moraime, como paisaxe, constitúe desde hai tempo un dos meus enclaves predilectos. Porén, o seu nome sempre me pareceu unha incógnita sobre a que teño reflexionado unha chea de veces, até chegar a certas conclusións seguramente moi discutíbeis. Aínda que nos últimos anos veño orientando os meus intereses cara ao eido da toponimia, tede por certo que non estou en disposición de formular hipóteses dotadas da fiabilidade coa que si traballan en cambio outros amigos do blogomillo, como Cossue, que de seguro podería brindarnos palabras máis doadas e certeiras sobre o tema que vou tratar.
Moraime, logo. Digamos antes de nada que o topónimo aparece nos documentos medievais que consultamos como Moriame (s.d.), Moyrame (1220), Moyramia (s.d.), Sam Giao de Moyrame (1334) e Sancto Iuliano de Mouramia (1239), todas estas formas procedentes do Tombo de Toxos Outos. Obviamente, as mencións multiplícanse noutras fontes documentais, e tamén o fan as variantes gráficas e formais: na colección documental do propio mosteiro de San Xulián de Moraime temos formas como:
Moriame (1095, 1118, 1119)
Mouramea (1403)
Moyrama (1361)
sancti Iuliane de Moyrame (1238)
sancti Iuliani de Moyrame (1175)
sancto Iuliano de Moriame (c. 1118)
Sancto Iuliano de Moriame (c. 1118)
Moyrame (1232, 1366, 1380)
Sant Julian de Moyrame (1380, 1401)
sant Giao de Moyrame (1363)
Sant Julian de Morayme (1335)
O arcebispo Jerónimo del Hoyo, cando dá noticia do cenobio nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago (1607) utiliza as variantes Moirame e Moraime con certa de xeito relativamente indistinto.
Que se deduce desta selva de testemuños documentais? Pois que a forma máis antiga e a que seguramente debamos tomar como punto de partida para explicar a etimoloxía do topónimo é Moriame. A forma Moyrame, a máis empregada ao longo da Idade Media e que aínda ten vitalidade segundo vemos até ben entrado o s. XVII, é o resultado romance esperábel a partir da metátese do [i], como en uěrsōrĭa > vasoira, cŏrĭŭ > coiro e outros moitos casos análogos. De feito, aínda no s. XVIII, o padre Sarmiento (forxador sen sabelo da moderna filoloxía galega) fai unha consideración moi interesante a respecto do dobrete Moyrame / Moraime cando di:
San Giao o Julian de Morayme. Antes fue Monasterio, y se llamaba, según ví y leí, Mourame o Mouramea de Moirame y aún hoy se llama así entre los páparos.
Ou sexa, que a denominación tradicional Moyrame seguía viva na fala popular, mentres que a forma innovadora Moraime, imposíbel de explicar como alteración espontánea a partir do estadio representado por Moyrame, debeu xurdir moi probabelmente como refacción erudita da forma patrimonial. Supoñemos que nesa modificación tivo que influír en maior ou menor grao a afinidade formal co substantivo moraima / almoraima, rexistrado como topónimo no ámbito castelán (máis concretamente andaluz) e que significaba 'conxunto de mouros, raza dos mouros'.
Moi ben, e como interpretar a forma Moriame desde o punto de vista semántico-etimolóxico? Persoalmente creo que hai que partir do radical prelatino *mor- / *mur- 'monte, elevación rochosa', 'cor parda, escura', ao que os investigadores adoitan remitir formacións léxicas como o galego morea 'montón, acumulación de cousas', morouzo 'morea de pedras', morouza 'acumulación de pedras miúdas nunha parte dun terreo dedicado a cultivo', morreira 'idem' e morraceira 'terra que sobresae no medio dun río ou regato'; portugués morouço 'monte pequeno' e marra 'valo, marco, linde', castelán morro 'promontorio, elevación', berciano morueco / merueco 'morea de seixos' ou euskera marra 'marco, estrema', entre outros moitos máis ou menos discutíbeis. Isto emparentaría o noso topónimo con outros ben coñecidos do territorio galego (e non só), como O Morrazo, Morrazón, Morreiras, Morouzo / Morouzos, Moraña ou O Moroso, entre outros. E foi por tanto con base nese radical *mor- / *mur- que debeu crearse un derivado *moriăma, co sufixo átono -ămo, de valor superlativo ou intensivo, o mesmo que temos sen ir máis lonxe no latín minimus, infimus, decimus ou postumus, en topónimos como os galegos Édramo, Visma e Sísamo ou en verdadeiras reliquias lexicais doutros tempos mais que alentan aínda na lingua dos galegofalantes de hoxe, como páramo ou árgoma, por exemplo. A forma *moriăma, xa que logo, estaría a facer referencia a unha obviedade que calquera que visite o lugar pode verificar cos seus propios ollos: a natureza rochosa do promontorio ou elevación do terreo no que se asenta tanto o que foi antigamente mosteiro de San Xulián como o núcleo poboacional desenvolvido ao seu redor.

Agora ben, variantes como Mourame ou Mouramia, coñecidas nos textos latinos, colócannos perante unha reinterpretación do topónimo mediante a cal se asociou co derivado mouramia 'caste dos mouros', 'conxunto de mouros', seguramente aplicado nun comezo con valor despectivo tal e como acontece con outras denominacións etno-relixiosas posteriormente toponimizadas. De feito, non moi lonxe de Moraime e sen saírmos do concello de Muxía temos un lugar chamado Sinagoga (un xeito delicado mais contundente de chamarlles "xudeus" aos seus habitantes), e non debemos esquecer o topónimo ourensán A Mezquita, que Gonzalo Navaza explica a partir de motivacións ben semellantes, as mesmas que latexaban con toda seguridade en formas toponímicas como Lusquiños, Mudelos, Nugallás / Nogalláns ou Mintiráns, todas eles transparentes... Quizais demasiado para os coitados dos paisanos que habitan estoicamente os lugares bautizados con tan senlleiras nomenclaturas...

1 comentário:

  1. Bufff! Tiña un comentario enooooooooorme no que xustificaba (ou tentaba) o que vou dicir, pero borróuseme e non estou eu para máis aventuras (crise pos-ponte) así que resumo:

    Partindo de que eu concordo así "in prinsipiu" coa posibilidade dunha evolución dende < mourame > ou < mouramia >, á que eu chegara nas miñas ralladuras (xa sabes que eu non investigo, eu rállome e punto), pero no que difiro é nas razóns que puideron levar a esa influencia, e é que eu sempre pensara na posibilidade de que (sendo esa zona un lugar poboado dende tan cedo) se situara nun castro. Sobre exemplos de castros "recalificados" como "terreo aldeable" e da relación entre os castros e demais monumentos megalíticos coas lendas de mouros (sen moito que ver co pobo musulmán) non vou poñer nada porque xa todos os temos na cabeza, pero si que se puido asociar un castro á palabra mouramia (lugar onde habitan os mouros), que ben puideran non ser lectores do corán, senón eses seres pequeniños e con poderes sobrenaturais aos que estamos acostumados

    ResponderEliminar