sábado, 7 de novembro de 2009

Extracto do Codex Moriamensis (s. XV)

Non hai constancia escrita dos feitos, mais crese con certo motivo que foi un serán luminoso de novembro de 1933 cando se produciu a descuberta. Martiño Antelo Posse, erudito e polígrafo dos de vella escola e probada caligrafía, natural da leda aldea de Borneiro aínda que residente en Santiago de Compostela, debeu estremecerse cando sentiu aquel tacto de pergamiño adormecido na palma das súas mans. Non era para menos. Viña de descubrir, nunha naveta do Arquivo da Catedral de Santiago, o derradeiro resto do que os investigadores en cousas antigas e inverosímiles deran en chamar desde comezos de século o Codex Moriamensis. Don Martiño Antelo Posse (imaxinamos nosoutros, desde a nosa obvia simpatía co paisano) debeu pousar sobre a mesa da sala aquel anaco de coiro case extinto, fendido por múltiples partes, rillado dalgún rato herexe por outras tantas, e vítima en definitiva de incontábeis manchas de humidade que, coa súa cor de viño do país, impedían a lectura de ducias de liñas. Mais nin así o señor Antelo Posse tivo dúbidas que aquilo que comezaba a espreguizarse de vagariño sobre a mesa da sala era todo canto ficaba daquela especie de cronicón quiñentista, redactado a partes iguais en galego e latín e sobre o que tanta hipótese e tanta conxectura de erudito ocioso verteran Manuel Murguía, Martínez Salazar e seica tamén o mesmísimo Eduardo Pondal, nalgunha das súas arroutadas de bardo bergantiñán que algo tiñan de xenialidade e bastante (conste que seguimos na conxectura doada e indemostrábel) de licor café do país. Todos eles falaban de oído, citando rumores de académicos e algunha que outra lenda de paisanos da bisbarra que algo tiñan escoitado dun libro moi gordo e inzado de letras revirichadas do que nada se sabía.
Mais, volvendo onda o noso estimado antepasado Antelo Posse, non é difícil imaxinalo instalado durante longos minutos naquel tremor reverencial que se facía pouco menos que necesario ante tamaña descuberta. Pasada aquela primeira emoción, seguramente tomou papel e pruma e dispúxose a transcribir o pouco lexíbel daquel texto. Nada se sabe desa transcrición. Porén, un sobriño de don Martiño, por nome Francisco Posse Turnes, conserva aínda hoxe nun cartafol de cartolina azul un folio no que alguén, non se sabe se seu defunto tío ou algún dos seus bos amigos composteláns, redactou de novo o contido daquel manuscrito, poñendo o correoso galego antigo en ortografía de entreguerras. É todo canto nos queda, hoxe por hoxe, daquel mutilado pergamiño no que algún monxe de San Xulián de Moraime, sabe Deus con que secreto afán ou inexplicábel motivación, decidiu pór en letra carolina as guerras, fames, festexos e pesares polos que pasara aquela remota comarca nos séculos precedentes. Quizais algún día reapareza o manuscrito, ou no seu defecto a sinxela folla (supoñamos que cuadriculada e co recendo á tinta aínda fresco, se se nos permite o exceso) sobre a que voou estremecida a man de don Martiño Antelo Posse, convertido aínda que só fose por unhas horas en amanuense. Polo de hoxe, conformémonos con esta versión que aquí se ofrece e que algo pode calmarnos o apetito, xa que non a gula.

[...] e dispois de proferida tan bárbara blasfemia agarroume polos meus lisos e olorosos grañóns o nunca ben nomeado Bernald'Eanes de Moscoso o de gordos beizos colorados como baga de sabugueiro e introducíndome n'o espanto d'aquela gaiola carretoume preso cativo reducido homillado ant'aquela súa espada que xá deitara n'o frio chán a reises e siñores e abades moitos de Deza a Bergantiños e de Pruzos ô Salnés [...] e n'aquela gaiola que ripinicaba coma os mesmísemos sinos de Santiago con cada croio d'o camiño conduciume por páramos de toxos e lobos e impronunciábeles e reverichados nomes hastra aquel malfadado castro de Mallou onde as xentes carnotás porvistas de guedella irta e desdentadas bocas fixeron moi descomunal escárneo de min, seu bispo e señor natural, preso talmente coma can naquela gaiola y-arrebolábanme os malditos sen doo nin cristiana compaixón castañas maiolas e anacos de bosta, se Deus me perdoe, e garabullos e baldes d'auga fervendo e todo canto aquiles paganos adoradores dos montes topaban ô [...] e deles laiaban de lupis exagitandis, de lupis exagitandis en espantoso latín [...] pois é ben sabido que nin siquera falan o romance e que o seu pan sabe a landra y-o seu viño a esterco quente [...] arrenegado sea Bernald'Eanes de Moscoso e toda a estirpe súa y-arrenegada tamén sea Carnota y-o sol y-a lua qu'alumean tan infausto país! [...]

5 comentários:

  1. Se é que sempre o dixen eu... Cando un Antelo e máis un Turnes andan remexendo na mesma cousa, algo están cocendo... A ver se somos bos herdeiros e o destino nos permite ser quen reatope o documento e tamén quen dea a coñecer o resto da historia.

    ResponderEliminar
  2. Pois non che sei, Manuel, eu limítome a informar do que dixeron e encontraron os filólogos... Non sei se me entendes ;-) De todos os xeitos, non perdamos a esperanza de que futuras incursións no Arquivo Catedralicio poidan descubrir o que quede ou deixe de quedar dese Codex Moriamensis.

    ResponderEliminar
  3. Este comentário foi removido pelo autor.

    ResponderEliminar
  4. Se mo permitides, deixádeme que contribúa nesta co meu gran de arxila nesta afervoada indagación. Talvez sexa pertinente implementar a pesquisa arquivística noutras institucións vinculadas aos fondos do ACS. Rita Mansilla, unha boa amiga, e boa coñecedora dos fondos monacais e municipais composteláns comentoume o pasado Nadal a existencia dun bifolio solto na colección de protocolos de Ruy Gonçalues, notario da "pobra de Mogia" (aa. 1495-1507), do Arquivo Diocesano. Leva desde finais de novembro estudando o bifolio do que parece ser un cronicón medieval (finais do séc. XV). O soporte esta moi deteriorado pola humidade e por múltiples manchas de cera. Polo que me conta -e eu devezo por escoitar este tipo de minuciosidades- o texto está escrito a dúas columnas, nunha gótica libraria moi elegante e imatitativa das escrituras carolinas máis antergas, e parece corresponder ao bifolio exterior ou cuberta dun dos fascículos do citado cronicón, xa que non hai continuidade discursiva entre as dúas planas e a 2ª posúe un reclamo no extremo inferior do seu volto (con luz negra pódese ler "dessa gajolla de aranbre"). Aínda está en proceso a identificación das fontes, mais é probábel que conteña unha interpolación da Crónica de 1344, a xulgar polo contido da 2ª col. da primeira plana; se ben, o contido da 2ª plana énos totalmente descoñecido. Até agora non tiñamos noticia da referencia ao fragmento descuberto polo erudito Antelo Posse, mais Rita xa se puxo en contacto cos do museo de Bonabal, que é onde se custodia o pouco patrimonio escrito conservado do venerábel polígrafo, por ver se existe algún outro indicio complementario ao fragmento que obra en poder do seu sobriño don Francisco Posse. Ademais do cronicón de don Servando (do séc. XVII), é posíbel que don Martiño descubrise algún que outro libro ou fragmento vello na reorganización dos fondos non catalogados da que foi testemuño no Arquivo Histórico Nacional de Madrid, na década dos 50, cando os fondos da Biblioteca do Palacio se uniron ao Nacional. O lexendario Codex Moriamensis é moi probábel que durante algún tempo fora trasladado alí como un dos últimos coletazos do expolio desamortizador. Canto máis, tratándose dun códice até certo punto rico canto á ornamentación. A vinculación do bifolio atopado nos protocolos do AHUS co Codex ou con algunha das copias que sabemos que existiu é máis que probábel. Xa vos iremos contando.

    ResponderEliminar