sexta-feira, 13 de novembro de 2009

De Kinsale á Coruña a ritmo de valse

Dicía Castelao nalgún parágrafo do Sempre en Galiza que non acaba de comprender como os galegos, voluntariosos e mesmo temerarios no plano individual, aparecían sempre coma unha grei derrotada e tremelante no plano colectivo. Para o grande ideólogo do nacionalismo galego, o punto de inflexión foron as derrotas que se sucederon ao longo dos séculos XIV e XV: as dúas guerras sucesorias, as dúas revoltas irmandiñas e o sometemento da aristocracia galega por parte dos Reis Católicos serían as responsábeis dese pouso de fatalismo (chamémoslle así) que seica nos acompaña aos habitantes desta leiriña noroccidental cada vez que nos embarcamos nunha empresa colectiva. A retranca, o mito do galego desconfiado, o noso conservadurismo a proba de contrasinais e cen mil tópicos máis desta caste terían tamén aquí a súa raíz última, porque ben se sabe que o gato escaldado á auga fría escapa.
Mais tamén é ben coñecido o tópico da melancolía irlandesa. Ese tópico tan inxustificado e ramplón que lle fixo exclamar a G. B. Shaw: Se volvo escoitar falar da melancolía irlandesa, son quen de matar a alguén! Porque, certamente, nada hai máis contrario á melancolía, á saudade e ao amorriñamento enfermizo ca un irlandés.
Se cadra botaba de falta Afonso Daniel grandes xestas militares que os galegos puidésemos celebrar. E non coñecía Afonso Daniel tales fazañas, se non as coñecen aínda moitos dos nosos propios paisanos, é porque ninguén se preocupa de revelarnos a súa existencia, de ilustrarnos sobre eses episodios nos que fomos algo máis ca un rabaño manso agardando a ser trosquiado. Evidentemente, a óptica ibérico-mediterránea aínda espalla a súa sombra sobre os libros de historia, sobre os métodos de ensino, sobre o que é e non é merecente de visibilidade social. Por iso endexamais veremos un filme baseado nese episodio inaudito e estremecedor que foron as guerras irmandiñas, e que daría para un Braveheart en clave de gheada. Ou por iso nos seguen a soar moito máis Covadonga ou o Madrid de 1808 cá batalla de Ponte Sampaio ou a batalla de Kinsale.

Porque na batalla de Kinsale, meus amigos, houbo moito aceiro galego.
Claro que para iso temos que nos remontar ao ano do Señor de 1592. O conde Hugh O'Neill (dos O'Neill de toda a vida) sublevárase contra o poder inglés, dándolle comezo á Guerra dos Nove Anos. Foi entón cando Felipe III, á sazón rei de Castela e tirano das Españas, viu a oportunidade de amolar os seus acérrimos inimigos da pérfida Albión, e así foi que en 1601 embarcaron no porto da Coruña varios milleiros de soldados procedentes dos reinos de Galiza e Castela. Entre eles salientaba un nutrido continxente de tropas comandado polo galego Afonso Ocampo, que ao chegaren a Irlanda acudiron en axuda dos chieftains Dohmnaill (O'Donnell) e Sualabhain (O'Sullivan) para marcharen ao seu carón cara a Kinsale, onde se libraría a grande batalla, quizais un remedo ou un ensaio (permitídeme esta fantasía) desa Batalla do Porco Negro da que aquela vella labrega irlandesa lle falara a Yeats e que non sería outra cousa segundo ela cá grande conflagración final entre Inglaterra e Irlanda, entre a opresión e a terra.
Algo diso se cheiraba seguramente nos páramos de Kinsale aquel 3 de xaneiro de 1602. Testemuñas houbo que louvaron a bravura do capitán Ocampo, ese xabaril furioso que Thomas D'Arcy McGee definiu desde o asombro e o respecto como a gallant leader, e que se cadra adquiría na cólera do combate a cor das bagas do sabugueiro. Os seus centos de galegos de seguro que segaron un bo brazado de vidas inglesas. Mais, evidentemente, cando galegos e irlandeses se xuntan nunha batalla, esa batalla non pode ter máis final cá derrota. Non se trata de sucumbir ao fatalismo; trátase de lles facer caso aos antecedentes. Mais ninguén dixo que houbese que gañar. Do que se trataba era de dar guerra e de pór un coio molesto na inmensa bota imperial inglesa. E iso conseguiuse, xa ora!
Vencida a rebelión, produciuse o tantas veces nomeado exilio dos condes irlandeses, o comezo da fin da civilización gaélica ou, dito en termos que nos serán máis familiares, a doma e castración de Irlanda. Millentos homes, mulleres e nenos abandonan Irlanda desde Galway e Waterford para pór rumbo á Coruña, a mesma ruta que uns meses antes fixeran as naos do rei de Castela. Un deses exiliados foi o conde O'Donnell, que chegou á Coruña o 14 de xaneiro entre grandes honores e cuxa primeira decisión ao pisar chan galego foi visitar a Torre de Hércules. Pois O'Donnell, como todas as nobilísimas liñaxes da illa, era sabedor de que de alí partiran as naves de Ith e Milidh Spain, como quen di, os seus trasavós, os antergos, os poboadores de Irlanda. Desta mesma época data a construción do Colexio dos Irlandeses de Santiago de Compostela, aínda hoxe en pé, e cuxa finalidade sería instruír e educar os fillos dos exiliados irlandeses. Dos que viñeran e dos que habían vir. Entre as paredes dese colexio, quizais nunha noite de tronada e corisco coma esta que hoxe nos envolve, (re)descubriu Manuel Murguía o Leabhar na Gabhala Erenn ou Libro das Invasións de Irlanda, ese de onde emerxería, reformulada desde o prisma do celtismo galego decimonónico, a figura de Breogán, que máis ca chefe céltico (sabémolo hoxe) habería que interpretar como deus dos mortos, como ese Deo Lari Bero Breo do Facho de Donón. Mais esa xa é fariña para outra muiñada, e das longas...
Os irlandeses non esquecen aqueles días de xaneiro, nin tampouco o sangue galego apozado nos páramos de Kinsale. Por iso en 1992, en conmemoración do 390 aniversario daqueles feitos, Bill Whelan (pai do fenómeno Riverdance) veu estrear á Coruña a súa sinfonía From Kinsale to Corunna, unha feliz conspiración do mellor da música irlandesa do momento cos galegos de Milladoiro e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Uns anos máis tarde, Carlos Núñez perpetrou con The Chieftains o tema "The Flight of the Earls", un set de temas tradicionais irlandeses incluído no primeiro álbume do gaiteiro de Vigo e cuxo título, obviamente, lembra aquel frío e doloroso exilio que converteu en galegos a moitos irlandeses.
Como non encontrei vídeo desa peza, déixovos outro que ilustra igualmente esa irmandade e que ademais é unha auténtica xoia para un folkie: trátase da actuación de Carlos Núñez e The Chieftains cando viñeron presentar no programa Luar da TVG aquel mítico disco intitulado Santiago, alá polo ano 1996 (despois de Cristo, claro, que co Luar nunca se sabe). Foi entón cando se soubo que Paddy Moloney tolea polo polbo á feira e pola pescada. Chámalle burro ao cabalo...
E con estes ritmos de valse fronteirizo quizais sexa momento de desexar que a próxima fazaña que nos cadre compartir a galegos e irlandeses acabe en vitoria. Por aquilo de cambiar o argumento da película. E para que, por unha vez, Castelao non teña a razón.



1 comentário:

  1. Pois gustaría moito que contases o de Breogán con calma, eh? Moitas grazas por este post.

    ResponderEliminar