sexta-feira, 20 de novembro de 2009

30 anos de Milladoiro

Descubrinos alá polo ano 1997, cando a TVG emitiu un concerto seu desde Lugo. O concerto, chamado "O Son dos Celtas", estaba incluído dentro daquela pachangada descomunal dos mellores tempos do fraguismo, aquel Galicia Terra Única faraónico e inexplicábel que todos lembraredes. Mais o concerto foi antolóxico. Susana Seivane, Leilía e Liam O'Flynn pasaron por aquel escenario na Praza de Santa María. Desde aquel día, Milladoiro erixíronse como o meu grupo de referencia. Atrás deles veu a descuberta doutros moitos: Carlos Núñez, Luar Na Lubre... Mais eles foron os primeiros.
Non esaxero se digo que son os vellos chefes deste mundiño da música celta feita en e desde Galiza. Até que eles apareceron, o panorama da nosa música nacional era un ermo, unha paisaxe en ruínas colonizada por ideoloxías totalitarias que tiñan como tope das nosas aspiracións culturais o folclorismo estúpido de gaita e pandeireta. Chegou Milladoiro e abriu as ventás para que entrasen aires frescos, galernas enteiras, borrascas setentrionais que nos abriron os ollos ao que eramos e ao que posuïamos. Os cantares de cego, os alalás dos arrieiros atravesados de camiño e pousada, as vellas muiñeiras clandestinas, o incendio musical que levaba décadas illado nos recordos dos máis vellos emerxeu de novo. E fíxoo revestido de whistle, de violín, de bouzouki. A música que naceu sendo rural non deixou de selo, mais redescubriuse como un discurso preñado de modernidade. Ese foi, penso eu, o grande mérito de Milladoiro. Dignificar o que mesmo moitos dos nosos intelectuais consideraban daquela como cousa rancia, obsoleta, un divertimento de coros e danzas. Os membros fundacionais de aínda lembran a posición de segundóns que ocupaban nun principio con respecto aos cantautores de Voces Ceibes. Afortunadamente, as perspectivas cambiaron, e hoxe ninguén discute que, por baixo da requintada estética dos Milladoiro, latexa un enorme compromiso ético. Quizais por iso non nos sorprendeu ver a Nando Casal, gaiteiro do grupo, tocando no palco da Quintana o día da manifestación a prol da lingua galega. Tampouco se esperaba menos de quen xa é seguramente unha parte orgánica da nosa cultura de país.
Os Milladoiro fan 30 anos, tantos como pasaron desde aquel primeiro concerto no Colexio dos Salesianos da Cruña. Como hai que celebralo con xeito, a banda faino por partida dobre: por un lado, saca ao mercado o seu novo traballo, A Quinta das Lágrimas; e polo outro, encetan unha xira de concertos intitulada "Desde Maeloc..." e que os levará polas cidades de Lugo, Ourense, Vigo e A Cruña para rememorar os vellos temas, as vellas melodías daqueles primeiros discos cargados de galerna, de borrasca, de incendio.
Para achegar o noso pequeniño gran de area (e ir facendo boca) déixovos aquí este vídeo dunha actuación recente en Betanzos na que interpretan un set de temas tradicionais irlandeses, coa enerxía e contundencia que acostuman.

6 comentários:

  1. O certo é que non se pode entender a música folk (ou celta ou como se lle queira chamar) sen os Milladoiro. Eles foron uns dos que foron abrindo a xeira, marcando as rotas que moitos outros seguiron e conformaron o que hoxe chamaríamos (se este país fora un país coma a xente) o star sistem da música en galego.

    Sería interesante botar un ollo á nosa historia e ver como evolucionou todo dende os primeiros anos de Milladoiro ata, por exemplo, Son de Seu. Como a nosa música tradicional se foi engalanando con elementos que remataron por non ser xa alleos.

    Quitando todo isto, e como diría un amigo meu que de folkie non ten nada: "Eu sempre levo un cd de Milladoiro no coche. Non me gusta alá moito, pero dá moito tema de conversación coas rapazas"

    ResponderEliminar
  2. Tivo un a sorte de que en 1979 vivía xusto en fronte dos Salesianos, así que aquel histórico concerto podía oírse desde a cociña da casa, pero estabamos a tiro de sidra de Laura Quintillán. Foi un día estraño, ninguén estaba afeito a aquel son. E unha cousiña do teu fermoso texto, "orfebre" non sería ourives?

    ResponderEliminar
  3. Pois tes toda a razón, Dimo, en galego sería "ourive" ("ourives" é forma máis ben portuguesa). Graciñas pola observación! A verdade é que tivo que ser todo un acontecemento escoitar aqueles sons rompendo o ambiente abafante de finais dos '70. Tiveches a sorte de asistir a un deses momentos fundacionais da nosa cultura!
    Avélix, certamente hai que agradecerlles moito aos MIlladoiro polo que supuxeron de actualización da nosa tradición musical. Efectivamente, instrumentos coma a harpa céltica ou o bouzouki, que daquela eran alleos á música galega, hoxe están case en pé de igualdade coa zanfoña ou o tamboril. Os Milladoiro, ao contrario do que fan outros, non quixeron envasar a nosa tradición e conservala en formol, pois eran (son) conscientes de que a tradición é ante todo vida, e igual que hai cen anos asimilou ritmos caribeños, a ninguén debería estrañar que acanase asimilando sonoridades e xeitos procedentes doutras culturas musicais. Ao fin e ao cabo, é unha parvada pensar que os grupos de folque non son axentes activos na evolución da nosa tradición. Claro que isto daría para un debate ben longo e fermoso.
    Pois nada, graciñas polos vosos comentarios e moitos parabéns aos Milladoiro!

    ResponderEliminar
  4. Home, despois hai que ter en conta que hai achegas e achegas. Ben sabes que eu son máis ben tirando a Talibán no que a gaitas se refire, pero claro, non me vaias comparar agora meter unha harpa, un bouzouki ou un tin wistle (o do bodhran, habendo pandeiros, xa me custa máis...) con certas "marcianadas" que andan por aí e que, por fortuna, parece que xa non son os destinatarios dunha burrada en subvencións. Mira ti, isto da "usteridá" da Xunta vai ter as súas cousas boas e todo, hehe.

    Quizais, e isto vén un pouquiño a raíz da "refleusión" posterior á túa época centrada na zona de Entrambasaugas, falta algo de aproveitamento das músicas, xeitos e instrumentos das outras músicas da Península. Milladoiro acompañado dunha Txalaparta de pedra, por exemplo, ten que ser impresionante, e non só de Irlanda vive o Folkie!

    ResponderEliminar
  5. Tes razón, Avélix, unha cousa é innovación e outras moi distinta substitución inxustificada. Os propios Milladoiro empregan en moitos temas a uillean pipe, mais porque as características da melodía ou a súa interpretación así o esixen, con toda naturalidade. Outra cousa é reemprazar sistematicamente (e innecesariamente) a gaita do país por "experimentos" híbridos ou directamente importados. Case me parece máis pecado iso que non o da estética escocesa das bandas que, ao fin e ao cabo, a propia idea de "banda de gaitas" é unha cousa relativamente recente no noso folklore, e había que escoller algún modelo.
    Despois están casos coma os galeses, que andan a recuperar a súa gaita mais, como non teñen referentes tanxíbeis ou minimamente fiábeis, de momento van tirando coa gaita galega. Neste caso trátase de cubrir ocos que se xeraron por un ou outro motivo no sistema musical autóctono. Chámame a atención o caso dos bretóns, que introduciron a gaita escocesa xa nos anos 30, e hoxe é un instrumento tradicional máis, en pé de igualdade coa gaita autóctona, que non deixa de tocarse, aínda que en contextos e formacións instrumentais distintas ás que protagoniza a gaita escocesa. Eu mesmo lembro nunha xuntanza de gaiteiros galegos de hai varios anos como un gaiteiro velliño, nada sospeitoso de "pro-marciano", tocaba unha gaita escocesa (co fol a cadros e todo!). O dito, a tradición renóvase e modernízase de xeito espontáneo, e nunca lle fixeron falta académicos que lle dixesen por onde tiña ou non tiña que ir.
    Milladoiro con "txalaparta"? A idea mola! Mais lembra que cando Carlos Núñez fixo un disco de gaita galega con flamenco, case o expulsan do país... Quizais teña que ver bastante QUEN faga as mesturas e CON QUE as faga...
    Mais xa digo, é un debate ben interesante, e serían moitas as variábeis a ter en conta,mádia leva...

    ResponderEliminar
  6. Home, o da modernidade nas bandas de gaitas... Sería moi discutible... A ver, ti sabes que eu aínda son un gaiteiro á antiga, eu non tiña clases de gaita, eu andaba cun gaiteiro que me ensinou. Nós non dabamos concertos en teatros, nos aínda iamos facer festas (coa súa procesión e todo). Quero dicir que houbo un momento no que as bandas de gaitas eran non máis que a ampliación dun cuarteto tradicional, como era o noso caso. A única diferenza, pois que se pasaba de 2 a 5 ou 6 gaitas. Polo demais todo igual, e no que á estética se refire, pois o mesmo. Tanto é así, que cando só quedamos cinco porque foi marchando xente empezamos a vestir igualiño a unha charanga dos 40 da que tocabamos moitas cancións e que era igualiña a nós (en canto a compoñentes, instrumentos etc). (A foto está nas Crechas, creo, os Beiros da Pontenafonso).

    Con todo isto quero dicir que tampouco as bandas de gaitas era preciso inventalas, e menos desa maneira. Xa as había, só que cando se fala de gaitas, ás veces hai que mirar menos partituras e menos historiografía e máis gaiteiros...

    ResponderEliminar