O vindeiro sábado, se o clima acompaña e este verán desquiciante nos dá unha pequena tregua, habemos ter a ocasión de desfrutar da música dos irmáns Tejedor na Carballeira de Zas. Aínda que hai tempo que lles perdín o rastro, creo non equivocarme cando digo que seguen a ser un dos grupos de referencia do folque asturiano, sobre todo no que ten que ver coas gañas de innovar e de abrir camiños cara a sonoridades distintas. Algo sempre louvábel, por outra banda, nun xénero como é a música celta, que ás veces tende en exceso cara á repetición de modelos xa coñecidos. Unha tendencia, por certo, aínda máis visíbel se cadra (e vaia este comentario sen ánimo de ofender a ninguén) na música folque asturiana, que até a irrupción de bandas como Tejedor levaba décadas repitindo até a saciedade os esquemas ensaiados no seu día polos Llan de Cubel . Sempre me chamou a atención que á música galega (que neste sentido sempre apostou por unha heteroxeneidade e diversidade moito maiores, pois no noso panorama folque conviviron grupos con conceptos e puntos de partida tan dispares como os Milladoiro , Berrogüetto ou Na Lúa ) se lle reprochase por parte de moitos críticos musicais unha excesiva dependencia das sonoridades irlandesas e escocesas, especialmente a raíz do fenómeno sen precedentes que supuxo neste sentido Milladoiro . Agora ben, aínda me falta por escoitar unha opinión deste tipo referida ao folque asturiano, no que esa dependencia acadou tintes moito máis excesivos, por así dicilo, chegando a conformar unha estética que hoxe podemos recoñecer como "asturiana", pero que en determinados momentos soaba a copia doutras cousas (e conste que isto o di alguén que non comunga para nada con certos "talibáns da gaita" enfermos de purismo acrítico...). Este tema obsérvase tamén, por exemplo, no ámbito das bandas de gaitas, onde os asturianos asimilaron sen maior pudor a estrutura das pipe bands escocesas. E nótase, en xeral, no distinto tratamento que Galiza e Asturias teñen a nivel mediático desde o Estado español: ambas as dúas representan o exótico norte, a non-meseta, a néboa, a balada, a gaita e o emigrante, entre outros moitos tópicos; agora ben, uns (os galegos) son demasiado distintos e por tanto menos "publicitábeis", mentres que outros, os asturianos, son máis dóciles, aparentan máis leais, emociónanse con cada visita do Príncipe de España e, por esta e outras demostracións, semellan ser dignos dunha maior repercusión. Aínda que iso supoña meternos a sidra e a Santina polas orellas cada vez que asexa pola pantalla do televisor un artista, deportista ou cociñeiro das Asturias. En fin, cuestións coma esta, que veñen alimentando a difícil relación cos nosos curmáns de alén do río Eo, darían ao mellor para un blogue monográfico. E tampouco é cuestión de andar pisando nas leiras alleas, que abondo temos que arranxar nas nosas propias...
Indo pois ao que nos importa, que é a música e o que esa música nos evoca e nos fai desfrutar. déixovos aquí un vídeo cun dos temas máis coñecidos dos irmáns Tejedor, o "Saltón de Teixois", para o que conta nesta ocasión coa colaboración dun dos monstros da música irlandesa, o prodixioso Niall Vallely, un auténtico portento coa concertina e irmán de Cillian Vallely, o gaiteiro de Lúnasa . O saltón , como ben saben todos os afeccionados ao folque, é un xénero da música tradicional asturiana que tamén recibe o nome de xiringüelu e cuxas características rítmicas non se circunscriben só ao territorio do Principado, senón que chega polo leste até Euskal Herria e por suposto conta con representación na música galega. De feito, no leste de Lugo e nas terras da Mariña atendía ao chamadoiro de pirusalda e, segundo parece, chegou a ser moi popular na área de Mondoñedo, onde adoitaba ser interpretada por cuartetos. Esta peza, ademais, non deixa de ter certas connotacións para nós, pois Os Teixois é un lugar do concello de Taramundi, terra fronteiriza de montañas e navallas e que tanto cultural como lingüisticamente é galega até a medula.
Sem comentários:
Enviar um comentário