sexta-feira, 8 de julho de 2011

Desmantelamento

En pleno desmantelamento. Somos un (im)país en pleno proceso de desmantelamento. Ou, como diz Bieito Romero, un terrón de azucre diluíndose pouco e pouco, un bocadiño máis con cada nova volta de coller.
Eu quería mellor un asasinio feroz, brutal, sanguento, mais instantáneo. Un xenocidio cultural rápido e quizais cruento, mais dotado cando menos duns gramos de épica terríbel. Quería mellor un Cromwell que nos borrase do mapa sen nos dar tempo sequera a reaxir. Os nosos exércitos serían varridos con estrépito do campo de batalla, mais, dos males, habería exército, e habería campo de batalla. Mais ben vedes que non é así. E no canto diso, tócanos padecer un desmantelamento gradual mais implacábel que contemplamos instalados no torpor, mergullados na anestesia, embargados por unha calma desconcertante.

Con medios de comunicación en lingua galega empurrados día a día cara aos límites de abismo até que, finalmente, acaban precipitándose nel. E con políticos que lavan as mans ante o desastre para logo aplicalas na imposición de medallas folclóricas aos amigos do rexime.
Coas escavadoras varrendo do mapa os sucos e os valados que deberían guiarnos na reconstrución dunha memoria libre e digna, mentres os nosos paisanos tolean por estar cada día uns centímetros máis perto de Madrid, mais sen se preocuparen de estar cada día máis perto de si mesmos e do que poderían ser.
Co universo simbólico e referencial que levamos cen anos a tecer reducido a un ermo improdutivo, deixado a monte, indefenso ante o incendio inminente. O proprio mito do incendio. Tamén o mito do parque eólico, o mito da fervenza castrada, o mito das mil autovías, o mito do petroleiro cíclico, o mito da colonia adormentada.
E non vou falar da lingua. Simplesmente non vou falar da lingua.
Faltaba o enésimo símbolo, e ese símbolo emerxeu como só podía facelo nun (im)país como o noso: combinando as doses xustas de dramatismo, surrealismo e ignonimia. Hai que nos recoñecer que somos pintorescos até na desgraza. Que destilamos simbolismo profundo e potente mesmo en plena operación de desmantelamento.
Isto xa ten toda a traza de ser unha conta atrás...



2 comentários:

  1. E mentres iso ocorre, nunca se repartiron tantos premios á conta de Galicia, nunca os bandullos estiveron tan cheos nin as caras tan coloradas… Desmantelamento? Tal vez mellor “Autodesmantelamento”.

    ResponderEliminar
  2. Por suposto. No que ten a ver con Galiza, o prefixo "auto-" xa se sobreentende. O noso peor inimigo somos nosoutros mesmos.

    ResponderEliminar