terça-feira, 26 de julho de 2011

Brian Bóirmhe, qui domuit Lordomanos

Nun blogue amigo como é Erin Go Bragh topei este documental sobre a historia de Brian Ború, ou Brian Bóirmhe, que tal sería o seu verdadeiro nome en gaélico. Vencedor dos viquingos, primeiro rei que gobernou de facto e de iure sobre a totalidade da Irlanda e heroe triunfal na batalla de Clontarf, a historia de Brian Bóirmhe, como a de tantos outros semideuses da Europa altomedieval, escorrega entre néboas apócrifas e lémbranos que o pergameo (moi especialmente naqueles tempos estraños e violentos) terma sempre do que lle poñen e relata narraciósn construídas a partir de intereses diversos, sen que iso teña que ser (nen moito menos) necesariamente mao. Porque, afinal, até a sílaba máis escura do pergamiño máis modesto está carregada de ideoloxía. Ben o sabía o Solino da Corte na aldeia de Rodrigues Lobo, cando razoaba, co seu pragmatismo amargo, aquilo de que nas histórias a que chamam verdadeiras, cada um mente segundo lhe convém, ou a quem o informou, ou favoreceu para mentir. Mais a mentira, lembremos, é a matriz máis xenuína da poesía.
É certo que ese conto de viquingos opresores e de irlandeses loitando pola súa independencia nacional seguramente teña moito de cronicón comenenciudo e politicamente correcto, e que a sona con que Brian Bóirmhe pasou á posteridade deba atribuírselle en grande medida aos esforzos do seu bisneto Muirchertach Ua Briain por garantir a hexemonía familiar sobre o país e as súas aspiracións ao vello título de Ard Rí. De feito, cando sabemos que na batalla final de Clontarf houbo viquingos nos dous bandos que alí contenderon, un non pode menos que lembrar cousas como as que nos contou Manolo Gago, cando nos falaba de mercenarios viquingos (lordomani na terminoloxía latinoide da época) asentados en pontos do interior da Galiza e que tomaran parte en diversos conflitos e disputas que tiveran lugar polo noso país adiante. De feito, moitas pasaxes deste documental poderían estar ambientadas naquela Galiza convulsa de viquingos, bispos santos e mosteiros incendiados. Mais esas verificacións obxectivas non lle restan nen unha migalla de poder mítico á figura de Brian Bóirmhe. Máis ben ao contrario: fálannos dunha personaxe de tal calibre e tan fondo calado que acabou por se desdobrar nun corpo histórico e nun corpo mítico. Algo así como o noso Marechal Pardo de Cela, que agora tantos se empeñan en desmitificar polas bravas, ríndolle así as grazas ao españolismo máis contumaz e obviando os riquísimos matices que habitan nas fendas dese valado que separa a historia (pura e dura) da lenda (que nos habita e dá sentido).
Déixovos coa historia de Brian Bóirmhe e recoméndovos que, unha vez rematado o visionado do documental, regaledes os ouvidos co tema Brian Ború de Alan Stivell. Vale a pena.



Sem comentários:

Enviar um comentário