Freei en seco no medio da estrada, e a miña gorxa amagou un berro horrorizado. O cruceiro de Denune, unha das máis fermosas mostras de arte popular do concello de Begonte e de toda a Terra Chá, xacía esnaquizado no chan. A súa base arrincada brutalmente, o seu maxestuoso varal tronzado en tres anacos. A cruz, co seu Cristo e a súa Piedade, simplesmente non estaba. Levárana. A escena, coma decote, rodeada de silencio, dese silencio inmundo, odioso, irritante, tamén significativo. Baixei do coche e avancei cara a aquel cadáver mutilado. Sentín a impotencia de quen ve un ser grandioso agonizando nunha poza de sangue. Humillado.
No xornal non había o menor rastro do ocorrido, e iso que, polo que sei, o cruceiro xa estaba nese lamentábel estado desde, como mínimo, onte á tarde. Os viciños non me sabían explicar. O odioso silencio, máis unha vez.
Era o cruceiro de Denune. Onde fixen aparecer pendurado o violín de Luciano de Xermar nunha das miñas Crónicas Chairegas. O cruceiro no que vía, ao igual que na torre de Cal da Loba, unha especie de trabe sagrada que conectaba o ceo e a terra a través do seu silencio granítico. Aquí non había conflitos entre conservación do patrimonio e interese monetario, non había obras a ameazar o cruceiro, e mesmo o dubidoso gosto das administracións tivera a ben rodear o monumento dunhas benintencionadas papeleiras e uns bancos. O ataque foi gratuíto.
Mentres superaba o desgosto, a palabra que volvía á miña cabeza era unha: "Desmantelamento". E o peso insoportábel da conta atrás. Si, a isto quédanlle tres días mal contados.

Mentres superaba o desgosto, a palabra que volvía á miña cabeza era unha: "Desmantelamento". E o peso insoportábel da conta atrás. Si, a isto quédanlle tres días mal contados.
Compre unha boa denuncia. :-(
ResponderEliminarEstamos niso, Lansbricae.
ResponderEliminarPolo que eu sei, a desfeita non tivo eco (mediático) ningún. Se fose unha churrascada popular, ocuparía as páxinas centrais de El Progreso.