segunda-feira, 25 de julho de 2011

Galiza 2011

Quizais algún día non teñamos nada a celebrar o 25 de xullo, e a data fique reducida á desexábel e ritual conmemoración dunha loita que nos conduciu á normalidade. Quizais dentro de moitos 25 de xullo teñamos gañado xa o direito a pensarmos con absoluta independencia dos españois, como dixo Castelao cando proto-teorizaba a soberanía mental e a liberdade dos imaxinarios. Quizais (moito probabelmente) o 25 de xullo non sexa a data máis axeitada para expresarmos estas arelas, e sería preferíbel que os nosos degoiros de liberdade e dignificación migrasen cara a datas máis nosas, menos contaminadas polo incenso opresor e a caspa das mantillas. Quizais. E quizais todo isto sexa moito desexar, e o que estou a facer non pase dun exercicio de inxenuidade que non resistirá nen o primeiro embate da rúa.
Mais, mentres e non, o corpo segue a sentir a obriga de reivindicar, de berrar e de se facer visíbel. De ser amábel cos inimigos, pois nada hai que os moleste máis (Oscar Wilde dixit). E de parabenizarvos este día a todos os que, coma min, credes que os exercicios de inxenuidade son nestes tempos máis necesarios ca nunca. Terra e Resistencia!


2 comentários:

  1. Amigo Ulmo, co máximo respecto ás túa opinións, gustaríame sinalar, non obstante, que Castelao escribiu: «Nós queremos ser hespañois, pero a condición de que este nome non nos obrigue a ser casteláns», e, polo demais, como ben sabes, o capítulo XVII do libro III do “Sempre en Galiza” deixa ben claras cales eran as súas ideas ó respecto. En suma, coido que mal podemos “independizarnos dos españois” porque españois tamén somos nós.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Por suposto, Jeanfrujo, o que dis é certo, Castelao (cando menos durante a maior parte da súa vida intelectual) non tivo pruritos secesionistas de nengún tipo, e de feito el propio dicía que a independencia, a secesión, eran saídas desesperadas ás que non lle gustaría verse abocado. Ora, el si que falou (desculpa que non lembre o fragmento concreto) desa independencia para pensar, ou o que é o mesmo, de construírmos un imaxinario proprio, unha soberanía espiritual, seguramente sabendo que esa era a soberanía realmente potente, a que permite acceder a estadios de liberdade realmente importantes e duradoiros nos restantes ámbitos da vida nacional.

    ResponderEliminar