
Contábanos Gonzalo Navaza nunha ocasión a historia dun investigador (agora mesmo, aínda que me matedes, non sería quen de lle lembrar o nome) que descubrira en Galiza un nome de lugar que se repetía ducias de veces por todo o territorio e que, na súa opinión, evidenciaba a pegada dalgunha lingua eslava na toponimia galega, pois podía relacionarse cun termo eslavo que viña a significar algo así como 'guerra, batalla'. Pois ben, a palabra en cuestión non era outra que UTECO... e as fascinantes posibilidades dunha presenza eslava no Noroeste peninsular esfareláronse de contado. Por suposto que sempre poderiamos botar man desta Servia coruñesa para lle salvar a cara a aquel perspicaz toponimista que facía os seus traballos tomando como fonte as Páxinas Amarelas, mais resulta que nin sequera esta Servia ten nada a ver cos serbios históricos. Por non ter, nin sequera debería ter o seu inicial, e explícome.