quarta-feira, 20 de abril de 2011

Cousas que non son o que parecen (1): eslavos en Lousame?

Ben sei que tiña delito, e moito. Case catro anos embebido nunha tese baseada na documentación do Tombo de Toxos Outos (con viaxe ao Arquivo Nacional de Madrid incluída, para consultar o orixinal in situ), e aínda nunca tivera ocasión de me achegar até o pouco que queda en pé daquel que fora grande e poderoso cenobio das terras de Luaña. Aquel mosteiro que estendeu as súas redes até Portugal polo sul e até as páramos leoneses polo leste, e todo desde o fondo dunha lúgubre vagoada en que o silencio ten forma de furiosas fervenzas e de mestos toxos, deses que, tomándolle emprestada a hipérbole ao padre Sarmiento, "furarían unha táboa".
Pois ben, esta carencia imperdoábel foi debidamente compensada hai uns días, nunha desas expedicións relámpago que nos demostran o moito que pode dar de si unha longa tarde de primavera. E, entre outras cousas, reencontrámonos con dous vellos amigos, dous deses topónimos enmascarados que aparentan o que non son e que fan do oficio de toponimista (se é oficio e non vicio, que esa sería outra discusión) un dos máis fascinantes e desesperantes á vez: refírome a Servia e a Comparada, nome de senllas aldeas da freguesía de Santa Eulalia de Vilacova, ao ladiño mesmo de Toxos Outos.

Cando algún programa de radio ou televisión fai unha incursión na toponimia "curiosa" ou "pitoresca" de Galiza, é ben raro que non saian a relucir estes dous nomes, ao carón doutros que tamén teñen o seu chiste: casos como Exipto, Roma, Porto do Son, Belén, Pernaviva, Cabrón e algúns máis que, obviamente, tampouco son o que parecen (ou, cando menos, non o foron...).
Contábanos Gonzalo Navaza nunha ocasión a historia dun investigador (agora mesmo, aínda que me matedes, non sería quen de lle lembrar o nome) que descubrira en Galiza un nome de lugar que se repetía ducias de veces por todo o territorio e que, na súa opinión, evidenciaba a pegada dalgunha lingua eslava na toponimia galega, pois podía relacionarse cun termo eslavo que viña a significar algo así como 'guerra, batalla'. Pois ben, a palabra en cuestión non era outra que UTECO... e as fascinantes posibilidades dunha presenza eslava no Noroeste peninsular esfareláronse de contado. Por suposto que sempre poderiamos botar man desta Servia coruñesa para lle salvar a cara a aquel perspicaz toponimista que facía os seus traballos tomando como fonte as Páxinas Amarelas, mais resulta que nin sequera esta Servia ten nada a ver cos serbios históricos. Por non ter, nin sequera debería ter o seu inicial, e explícome.

Se acudirmos precisamente ao Tombo de Toxos Outos, veremos que as referencias a este lugar, para alén de abundantes, son ben clariñas canto á opción gráfica que mellor casa coa etimoloxía: a solución maioritaria é Ceruia (1156, 1175, 1185, 1211, 1224, 1226, 1227, 1230, 1233, 1289), que aparece tamén en moitos casos como proto-apelido (Domingo Perez dito Botello de Ceruia 1276, Fernan Domingez de Ceruia 1277, Johannes Pelagii de Ceruia 1233...). Hai outras variantes meramente gráficas, como Ceruya (1277, 1283). E, se formos á documentación posterior da zona, máis do mesmo: por exemplo, no coñecido Libro de Notas de Álvaro Pérez, notario que foi das terras de Rianxo e Posmarcos e que recolle textos do ano 1457, encontraremos a referencia a un tal Johan de Çeruja.
A onde nos leva todo isto? Pois está ben claro: a forma etimolóxica é (debería ser) Cervia. O problema veu, como adoita ocorrer, polo seseo prenuclear existente nestas zonas do occidente galego, que distorsionou a representación gráfica dos topónimos: como a pronuncia de Cervia se realizaba con [s] inicial, pasou a se plasmar na documentación e na sinaléctica como Servia. O fenómeno non é nin moito menos excepcional, pois podemos mencionar casos como Vilastose en Muxía (que para ben ser debería grafarse Vilastoce, pois procede de uīlla astocīī), como Asenso en Mazaricos (que, a xulgar polos rexistros medievais, debería ser na escrita Asenzo, quizais dun prerromano *apsentĭo) e algún outro que agora non me acode á memoria, mais que adoece dos mesmo síntomas. Se vos fixades, é xustamente o fenómeno inverso á tan habitual hipercorrección do seseo prenuclear que temos en topónimos da mesma área, como o paradigmático e recentemente de actualidade Ézaro, nome histórico do río Xallas que, conforme á etimoloxía, debería ser Ésaro.
Sobre a etimoloxía de Cervia si que non ouso pronunciarme, que doutores ten a Igrexa e Moralejos a Universidade, mais o que teño claro é que se trata dun topónimo netamente prelatino, que pola súa raíz *cerv- semella conectar con outros ítems cuxa prerromanidade vén delatada pola sufixación tan característica que apresentan: refírome a casos como Cervantes, como Cervaña e atreveríame a dicer que mesmo Cervo, ese concello mariñao en cuxo escudo loce un fachendoso cérvido que ben pouco nos pode dicer sobre a verdadeira orixe deste nome de lugar.


E sobre Comparada? Pois sobre Comparada, se vos parece, falamos mañá, que con tanta toponimia en bruto e sen procesar igual non lle deixamos sitio á música. E como hoxe a cousa foi sobre eslavos, non parece desaxeitado deixarse sucumbir ante unha estremecedora combinación de voces bretoas e búlgaras, de Denez Prigent acompañado por Ludmila Dinova, Ivelina Baltcheva e Elen Bozova nesta canción intitulada Copşa Mică e que tan actual pode soarnos á vista do que está a acontecer en Fukushima e tantos outros lugares malditos do mundo.

Sem comentários:

Enviar um comentário