terça-feira, 19 de abril de 2011

Cousas que non son o que parecen (2): un señor chamado Comparatus

Falábavos onte dese equívoco topónimo Servia que lle dá nome a unha das aldeas de Santa Eulalia de Vilacova, en Lousame, ben preto do mosteiro de San Xusto de Toxos Outos. E deixaba para hoxe o caso doutra aldeíña desa mesma freguesía cuxo nome tamén se ten prestado a algunha que outra confusión: refírome a Comparada.
Hai uns meses puiden ler nun libro bastante coñecido de toponimia galega (como suporedes, vou contar o pecado e calar o pecador) unha posíbel explicación da forma Comparada, segundo a cal a súa orixe habería que a buscar no verbo latino comparāre, de onde procede en última instancia o noso actual comprar. Por tanto, o topónimo Comparada (cunha fonética arcaizante) estaría a facer referencia a unha propiedade, terra ou herdade que nalgún momento foi obxecto dunha operación de compra-venda. A dicer verdade, un xa ten escoitado cousas con menos xeito, e o certo é que hai outros topónimos en Galiza nos cales adiviñamos motivacións similares e que ben poderían avalar, por comparación, esta hipótese: velaí está, por exemplo, A Manda (Mazaricos), que moi probabelmente faga alusión a terras incluídas nunha manda testamentaria.
Cal é o problema? O problema, como adoita acontecer nos lamacentos terreos da toponimia, vén cando os autores obvian (obviamos, que disto ninguén está libre) as verdades da documentación antiga. E é que moitas veces, os manuscritos balorecidos conteñen datos que por si sós iluminan o camiño para explicarmos as cousas. E este é un deses casos.

Porque se acudimos ao Tombo de Toxos Outos encontramos que as alusións á aldea de Comparada son abondosas e presentan sempre a forma Comparade (en 16 ocasións) ou Comparadi (con 14 ocorrencias). Por tanto, o verdadeiro étimo deste traizoeiro topónimo non é ese participio comparāta, senón comparātī, ou sexa, o xenitivo do antropónimo latino comparātus, entendido como nome do antigo posesor desas terras (quen sabe se mesmo do castro cuxas ruínas aínda poden observarse no lugar?). A evolución lóxica e esperábel en galego-portugués para comparātī é, efectivamente, Comparade. Que foi o que se pasou daquela para que hoxe teñamos Comparada? Pois simplesmente que os falantes entenderon ese [e] final como resultado da relaxación articulatoria dun [a] (para entendérmonos, o que pasa en Pedrida > Pedride ou Antas > Antes), de xeito que acabaron restituíndo, por hipercorrección máis ou menos consciente, un [a] final que, segundo puidemos ver, é totalmente antietimolóxico: e así, de Comparade pasamos a Comparada, forma que finalmente prevaleceu. Non é isto algo excepcional, nen moito menos: por pór outro exemplo simpático, o actual lugar d'A Margarida, no concello de Cabana de Bergantiños, pouco ou nada tivo a ver nas súas orixes coa flor do mesmo nome, pois aparece na documentación medieval como Margaride, de xeito que o podemos remontar ao xenitivo do ben coñecido antropónimo latino margarītŭs. Polo mesmo fenómeno que vimos en Comparada, e coa axuda inestimábel que supuxo o ar de familia co substantivo margarida, o topónimo non só se converteu en Margarida, senón que mesmo acrecentou un artigo determinado que non debería estar aí.
En fin, espero que me desculpedes por esta incursión en terreos tan áridos. De todos os xeitos, coincidiredes en que poucos plans hai mellores para estes días de Pascua (que non de Semana Santa) que subir até os castros de Comparada ou de Fruíme, visitar o petróglifo de Lesende, capturar paisaxes inmensas desde o alto do monte Culou e rematar (como non!) tomando unha cervexa alí ao pé de Toxos Outos, quizais con estas músicas a bulir na cabeza...









Sem comentários:

Enviar um comentário