Como bo afeccionado á música tradicional en xeral (e á irlandesa en particular), servidor sente especial debilidade polas gravacións máis ou menos antigas, esas nas que o celme da melodía aínda conserva a suficiente espontaneidade como para pornos os pelos de punta. Mesmo cando se trata de melodías interruptas, de fragmentos breves e intensos coma este que vos deixo aquí. Trátase dunha seisiún de músicos na rúa, armados exclusivamente de cordas e interpretando a coñecida tonada irlandesa "The Mountains of Pomeroy". O instrumento que tantas miradas de estrañeza concentra por parte dos asistentes, esa mestura de harpa e acordeón que tal vez vos evoque instrumentos similares do Pórtico da Gloria, non é outro que o tiompán, palabra que seica provén da adaptación ao gaélico do latín tympanum. Trátase dun deses instrumentos excéntricos, peculiares, un tanto desconcertantes se me apurades, que non estamos afeitos a ver nas bandas irlandesas (non sendo quizais en The Chieftains, cuxo harpista, Derek Bell, que en paz descanse, foi un entusiasta recuperador e tanxedor de tiompán), mais que precisamente por iso transmiten ao escoitalos unha dose suplementaria de curiosidade, de alegría, de arcaica innovación... de vida, en definitiva.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário