quinta-feira, 17 de março de 2011

San Padraig (I)

Pois iso, que hoxe é 17 de marzo. E hoxe toca dicer ben alto: Beannachtaí na Féile Pádraig oraibh.
Filoirlandés eu? Madia leva. Moito, e a moita honra. Por iso a xornada de hoxe, unha vez desprovista de toda a parafernalia comercial e folclórica con que a foi revestindo o máis xenuíno capitalismo anglosaxón (o mesmo que nos revende ao dobre de prezo a nosa festa dos Defuntos etiquetada como Halloween, ese mesmo), significa algo especial para min e para cantos formamos esta difusa seita dos filoirlandeses (gosto especialmente deste palabro desde que lla escoitei nunha conferencia ao profesor Moralejo).
Tamén digo que ogallá algún día, non moi afastado no tempo, o Santo André de Teixido ou mesmo o Santiago Apóstolo sexan tan celebrados polo mundo adiante como o é hoxe o vello Padraig. Ogallá. Sería un síntoma impagábel de que algo está a mudar nas cabeciñas desta xente arroutada e difícil do Noroeste. Mais como neste país non sabemos movernos máis aló de Pedrafita sen nos envolver antes na rojigualda e no olé olé, permitídeme contemplar esa posibilidade como algo tan fermoso como remoto e improbábel.
Os irlandeses fan hoxe apoloxía do que son, do que foron, quizais tamén (malia todo canto lles está a chover nos últimos tempos) apoloxía do que han ser. Nosoutros, no lugar deles, fariamos apoloxía, poñamos por caso, do gazpacho e do baile rexional (andaluz, por suposto), todo debidamente ornamentado con algún que outro touro de Osborne e, xa de paso, coa presenza dalgún carismático líder de certo partido hexemónico. Somos así e non hai que facernos.


Por iso quero mellor celebrar hoxe o San Padraig, santiño que, no fin de contas, non deixa de ser un alter ego sintetizado e remasterizado de moitos dos nosos santos tradicionais galegos, vencedores de serpes, asulagadores de cidades e moi amigos de botar unha que outra soneca en inverosímil cama de pedra.
Así que repito: Beannachtaí na Féile Pádraig oraibh. E acompaño os parabéns e os bos desexos con música desa que emerxe directamente dos mananciais das entrañas e que, aínda que sexa por un momentiño, nos redime do peso dos días.




3 comentários:

  1. Somos tamén o que fomos: Agora si que falaches meu!

    Saude

    ResponderEliminar
  2. Por certo, como é que non vexo ó Per Jakez Eliaz?

    ResponderEliminar
  3. Graciñas Miguel :-)
    Per Jakez Eliaz? Pois aínda non se deixou ver por entre os ulmos, non, mais penso que podería ser un moi bon convidado. Tomo nota!
    Un saúdo e xa nos vemos por estas ciber-leiras!

    ResponderEliminar