terça-feira, 26 de janeiro de 2010

E irromperon escuros cabalos polas polas portas da Academia

Habemus novo presidente da RAG. Nos últimos días, os diversos medios de comunicación fixéronse eco da noticia que xa levaba ben tempo a xestarse: Xosé Luís Méndez Ferrín toma o mando na vella casa da Rúa das Tabernas. Ese poeta de ferro e dinamita que só sabe habitar na permanente electricidade dos extremos, xa sexan os da literatura, os da política ou os da vida. Quizais sexa un síntoma de certa normalidade que unha persoa de ideoloxía tan marcada (e aceirada, mesmo) acceda á presidencia dunha institución coma a Real Academia Galega. E é para felicitarnos, pois non é normalidade o que abunda nestes días de maiorías silenciosas e cegueiras patolóxicas...
De sempre foi Ferrín un dos meus autores máis admirados, precisamente pola heterodoxia e o risco que asume en practicamente todas as súas obras. Xunto con Uxío Novoneyra e Álvaro Cunqueiro formou a miña triloxía, a tríada dos meus santos avogosos. Gardo como un pequeno tesouro o meu exemplar asinado de Con pólvora e magnolias, e endexamais esquecerei aqueles días de verán nos que o meu maxín se incendiou irreversibelmente con Bretaña, Esmeraldina e Estirpe. Como tampouco esquecerei aquel berro de guerra patentado por certo amigo mais eu no fastío dalgunha clase da facultade: Viva Ferrín, a muiñeira e o Teresa Herrera! Ogallá volvesen tempos idos...
Non é hoxe tempo o que me sobra, senón fame e cansazo, mais aínda así non quería deixar pasar máis días sen dedicarlle desde esta bitácora lamacenta unha cativísima homenaxe ao novo presidente. E fágoo a través dun poema que me deu moito que pensar ao longo dos anos, uns versos a partir dos cales fun construíndo particulares e moi persoais mitoloxías. Nel emerxe o curro de Morgadáns como unha entidade mítica que resume e libera todo canto somos. Nel escóitase o barullo dos cabalos, carrexadores de almas e pervivencias. Ese barullo que (ao mellor) chega a lembrarnos o desas hostes que a semana pasada invadiron Santiago de Compostela a golpe de lingua e (por que non?) dinamita.
Que gostedes pois e deica pronto.

- O CURRO DE MORGADÁNS -

Homes e sombras que regresan corren a
as greas contra o circuito final das certidumes.

Noto que o meu cabalo colludo
vai abrir nas illargas

asas negras de frémito e loucura.

Os pitos de ouro coa súa galiña
espreitan desde o too a cerimonia.
Cheira a sempre.

Oh cabalo cativo,
torga ruin, can de palleiro,

espello no que se mira a nosa caste!

Por millentos anos este estrondo de cascos
nas cortes vellas da lembranza...

Será cecais o curro

todo o que desa Patria sobreviva no mundo?

3 comentários:

  1. Non creo que ninguén dubidase da necesidade de que un dos autores que máis sangue empregou na súa caneta, que máis ferro (ou quizais debera dicir cobre?) fundiu coa súa letra pase pola presidencia da que, sen dúbida, debe ser a casa de todos aqueles que viven ao redor do que chamamos galego.
    Independentemente desta necesidade pola figura, non me parece que haxa mellor coxuntura que esta, na que a lingua se vai ter que defender na rúa, nos xornais e en todos os ámbitos da vida con unllas e dentes, cunha disposición fera e belicosa, para que a man máis dura e decidida das nosas letras colla o leme do navío de guerra no que a RAG se ten de converter. Ferrín propón, con bo tino, unha académia que traballe en silencio, que é como as académias deben traballar. Mais todos sabemos que, coa súa presidencia, a institución que a todos nos debe amparar non dubidará en erguer a vista dos seus estudos e a voz do seu silencio no momento máis oportuno, e ninguén dubida tampouco que non hai mellor voz que a forte e grave voz de Ferrín tanto para resoar nas lousas frías e molladas de Compostela no fragor da batalla alentando ás tropas coma para impoñer respecto enriba dun fino mantel sexa quen sexa o interlocutor.
    Pero, sobre todo, Ferrín fai que todas e todos os que perderamos a confianza no que representa a RAG como institución nos volvamos a sentir representad@s por ela. Parabéns, pois, para el, e para todos nós, porque só xuntándonos todos arredor da mesma obra atoparemos a maneira de que ninguén lle apoña tachas.

    ResponderEliminar
  2. Solo queria decir que he visto la foto y me ha llamado la atención,me parece hermosa,naturaleza,fuerza y nobleza.

    Un saludo Ulmo!

    ResponderEliminar
  3. Ola Alias! La foto pertence a una tradición hondamente gallega como es "a rapa das bestas", que tiene lugar en diversos puntos de Galicia durante el verano y que consiste en reunir los caballos que viven en estado semisalvaje en los montes y conducirlos a "curros" donde son rapados y marcados. Verlos en directo es auténticamente brutal, y muy recomendable.
    Un saludo!

    ResponderEliminar