sábado, 12 de dezembro de 2009

Maeloc na néboa de Lugo

A semana pasada, Milladoiro ofreceu un concerto no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, dentro da xira "Desde Maeloc" coa que conmemoran o seu trixésimo aniversario como grupo. É moi raro -seguramente imposíbel- que os Milladoiro defrauden nunha actuación, e nesta ocasión non só non o fixeron, senón que obsequiaron o público cunha verdadeira fervenza de música artesanal, directa e co sabor que lle conceden ás melodías os moitos anos de maceración e complicidade. Complicidade entre eles mesmos, mais tamén co público e coa tradición musical do país. O certo é que mesmo Harry C. (violín) e Manú Conde (guitarras, bouzouki), as incorporacións máis "recentes" e xuvenís da banda, parecen levar 30 anos tocando ao carón de Antón Seoane, de Xosé Ferreirós ou de Nando Casal, e aínda así non deixan de facer achegas de matizan e revitalizan a sonoridade do grupo, sen por iso restarlle nin unha migalla da súa personalidade. Simbioses deste tipo son moi poucos os que poden facelas.
Foi unha noite inesquecíbel, polo recordo a antigos compoñentes da banda que non puideron estar presentes na ocasión (os violinistas Laura Quintillán e Michel Canadá), mais tamén pola participación doutros que si asistiron (os harpistas Rodrigo Romaní e Roi Casal, verdadeiro triunfador da noite... eu ben me entendo). Especial tamén polas dotes humorísticas que exhibiron sobre o escenario Xosé Ferreirós e Antón Seoane (que para min sempre fora "o señor serio" de Milladoiro, mais que gasta unha retranca perena!), e que tiveron como vítima a un silencioso e paciente X. Antón Méndez (o outro "señor serio" de Milladoiro). E especial, en definitiva, polas lembranzas ligadas á cidade de Lugo de varios dos integrantes do grupo e polas máis de dúas horas (dise axiña!) de música que foron emerxendo do escenario, mesmamente coma Maeloc entre a néboa.
Déixovos dous vídeos do concerto, unha pequena mostra da enerxía que alí puidemos respirar. No primeiro, Milladoiro interpretan a Polka de Vilagarcía (moi coñecida sobre todo a raíz da versión que dela fixeran Carlos Núñez e The Chieftains no disco Santiago) e o Pasacorredoiras do Condado. O seguinte vídeo comeza cos acordes litorais e melancólicos de "Ila vai ó mar" e remata coa alegre Danza de Cariño, temas ambos os dous pertencentes a aquel primeiro A Galicia de Maeloc cuxo recordo lle dá nome á xira conmemorativa. Dous anacos, en fin, desa banda sonora que tranquila e teimudamente foron compoñendo os Milladoiro ao longo destas 30 invernías. D'oxe noutras tantas...



1 comentário:

  1. Un concerto dos de acordarse ben tempo, abofé... Creo que é mester remarcar anécdotas coma a profesión de Méndez durante a mili ("é que eu desas cousas entendo pouco, como non fun..." (Ferreirós for president dixit) ou a transformación de Harry en Laura (coas melenas e a luz cenital do concerto, dáselle un aire, non pensedes).

    Musicalmente, creo que non hai nada que comentar. Que se vai dicir da música de Milladoiro? É unha desas cousas ás que a linguaxe non chega, precísase outro código e ese non é máis que si mesma, a música de Milladoiro.

    Canto ao triunfo entre as masas xuvenís (tipo Luna Nueva) de Roi... Parafraseo a María Victoria Moreno: Só é un rapás ghuapiño que toca ben. Of course, a gheada póñoa eu (de balde, ademais).

    ResponderEliminar