sexta-feira, 22 de fevereiro de 2013
Leiteira na Corunha (1924)
quinta-feira, 22 de março de 2012
Umha de cemitérios
sábado, 4 de fevereiro de 2012
Imbolg
sábado, 19 de março de 2011
San Padraig (e II)
"[...] Na nosa terra non podemos ser alleos a esta realidade, sobretodo se temos en conta que, como ben afirma José de Cora no seu Calendario de Galicia, "a historia de San Patrício pode construírse desde Galiza con retallos dos nosos santos e poetas".
Semella incríbel, mais é certo. Moitos dos episodios míticos que protagoniza o padroeiro dos irlandeses nas súas prédicas pola Illa Esmeralda reprodúcense con prodixiosa e suxerente exactitude nestoutra banda do mar, algo que doadamente sorprendería a quen non estea familiarizado cos substratos culturais e ideolóxicos dos pobos galego e irlandés. Deste xeito, a figura de San Padraig é homologábel en moitas ocasións á do apóstolo Santiago, pois ambos os dous foron utilizados (implementados, diriamos hoxe) nos seus respectivos países de adopción para cristianizar uns determinados costumes e uns lugares e paisaxes ás que que estes se encontraban asociados desde a noite dos tempos. Se Santiago (ou Prisciliano, ou Elvis Presley se quixerdes, que máis terá?) descansa baixo as lousas da Catedral de Santiago de Compostela (ese "facho do cristianismo atlántico", como escribira Otero Pedrayo), outro tanto acontece con San Padraig, cuxos restos repousan uns milleiros de quilómetros ao norte, na Catedral de Downpatrick (Ulaidh/Ulster), que non é outra cousa que Dún Padráig, ou "fortaleza de Patricio".
A predicación de Santiago nas terras galaicas (polo demais moi pouco exitosa) está estreitamente ligada ao Pico Sagro (en Boqueixón), noutrora coñecido como monte Ilicino, un enclave dotado de riquísimas pervivencias pagás e polo que vaga o recordo de Pepa a Loba, digo, da raíña Lupa, gardadora de riqueza, dona dos touros bravos, poderosa e selvaxe amante. Pois ben, a montaña sagrada de Croagh Patrick ou Cruach Phádraig (en Mayo, ou Maith Eo en irlandés), inzada de milladoiros por certo, vén sendo a versión irlandesa do noso promontorio galego, ao que lle imita mesmo na feitura. É aí, en Cruach Phádraig, onde se encontra a cama de San Padraig, equiparábel en fondo e forma ao leito de pedra do Santiaguiño do Monte (Padrón), no que seica se deitou o Apóstolo, ao igual que fixeron tantos outros santos galegos e irlandeses en penedos similares (a cama do San Xulián no monte Aloia, a cama de San Guillerme en Fisterra...), vinculados subterraneamente á morte e á fecundidade.
E se no Purgatório de San Padraig, na cova de Station Island (que deu título a un dos poemários máis vibrantes de Seamus Heaney), pode o peregrino superar en vida as penas todas do Purgatorio, deixando así un traballo feito para o momento do transo (ben din os vellos que "traballo feito non corre présa"), outro tanto acontecía na cova de Santiaguiño do Monte e, segundo conta Alonso Romero (que destes temas sabe o que non está escrito), tamén na fisterrá ermida de San Guillerme, non moi lonxe do sartego da Orcavella, que en gaélico se facía chamar Cailleach Bhearra.Mais os lugares máxicos pouco son sen as palabras que os fan sagrados e, á súa maneira, inmutábeis. E tamén para Santiago e San Padraig foron ditas moitas veces as mesmas palabras e soñadas as mesmas lendas. San Padraig desterrou as serpes do Eire, e outro tanto fixo o alcumado Fillo do Trebón en Galiza. Porén, neste ponto a nosa mitoloxía presenta maior dispersión, pois na Costa da Morte esa expulsión dos ofidios atribúeselle a San Adrán, avatar cristián e barqueiro (con iso xa se di todo) dun vello deus da morte. Foi el quen os fechou a todos baixo a soada Pedra da Serpe de Gondomil (Ponte Ceso), unha cruz de pedra gra fermosamente traballada polos canteiros bergantiñáns e en cuxa base pode observarse a efixie dunha serpe alada. Sincretismo de cultos? Moi probabelmente, aínda que a serpe pareceu ser tallada en tempos relativamente recentes (por recentes queremos dicir hai uns quiñentos anos, aproximadamente). O caso é que unha das cobras fuxiu do marteiro, e o santo perseguiuna até darlle alcance e esmagala co seu proprio pé. Aínda hoxe, no monte Beo (Malpica), pode contemplarse a serpe petrificada, coa pegada de San Adrán afundida no seu lombo.
Como vedes, a San Padraig só lle faltou verse involucrado no asulagamento dalgunha cidade maldita, como o estivo Santiago nos afundimentos de Duio e de Corrubedo (dixo Santiago: "Corro y veo!"), para o podermos venerar como un santo galego máis. De aí a celebrarmos o vindeiro San Padraig cunha boa botella de viño Albariño na mesa tan só hai un paso..."
quinta-feira, 17 de março de 2011
San Padraig (I)
Os irlandeses fan hoxe apoloxía do que son, do que foron, quizais tamén (malia todo canto lles está a chover nos últimos tempos) apoloxía do que han ser. Nosoutros, no lugar deles, fariamos apoloxía, poñamos por caso, do gazpacho e do baile rexional (andaluz, por suposto), todo debidamente ornamentado con algún que outro touro de Osborne e, xa de paso, coa presenza dalgún carismático líder de certo partido hexemónico. Somos así e non hai que facernos.

Por iso quero mellor celebrar hoxe o San Padraig, santiño que, no fin de contas, non deixa de ser un alter ego sintetizado e remasterizado de moitos dos nosos santos tradicionais galegos, vencedores de serpes, asulagadores de cidades e moi amigos de botar unha que outra soneca en inverosímil cama de pedra.
Así que repito: Beannachtaí na Féile Pádraig oraibh. E acompaño os parabéns e os bos desexos con música desa que emerxe directamente dos mananciais das entrañas e que, aínda que sexa por un momentiño, nos redime do peso dos días.
terça-feira, 28 de dezembro de 2010
O Apalpador, o sol, o inverno...
Desde hai uns anos o Apalpador conseguiu asentarse como unha marca de identidade do Nadal galego, mesmo en sectores en principio bastante afastados (no ideolóxico, mais non só) daqueles dos que partiu o proceso de revitalización e reivindicación desta figura da mitoloxía popular courelá. Claro que sempre hai persoas remisas, pailáns de patacón que viven ancorados nos seus pseudo-discursos directamente importados da meseta e que ven ameazas e inventos do nacionalismo radical por toda a parte, agás (faltaría máis!) nos grandes tótems da cultura oficial e españolísima. Porque seica o Apalpador é unha invención, ou un plaxio do Olentzero batasuno (digooo, basco), ou como pouco unha distorsión do que non era máis ca un cocón para espantar os cativos. Ora, os símbolos culturais españois xurdiron puros e inmutábeis cando don Pelayo aínda arrastraba o cordón umbilical. Lóxico que estes palleiráns boten a lingua a pacer precisamente agora. Non deixa de ser un sinal de que algo como o Apalpador (símbolo non só do Nadal galego, senón tamén dun xeito radicalmente distinto de entender o Nadal!) está a conseguir un grao alto de aceptación social sen necesidade de pedir certificados oficiais nin de pagar portaxes en Madrid ou Hollywood. E iso non o poden aturar, xa ora!
Mais eu non quería falar de caspa nin de papanatas, senón do Apalpador e do sol e das grandes toradas estalando nas lareiras mentres cae a xeada no mundo. Porque o Apalpador vén de moi atrás, e como tantos outros temas da nosa tradición non deixa de ser transformación de mitos moito máis arcaicos. O entrañábel carboeiro que fuma en cachimbo e arrastra as súas chinelas polas devesas adiante preséntasenos como decantación de vellas simboloxías solares, e así o viu José André Lôpez Gonçález no seu estudo sobre o Apalpador, verdadeiro fito inaugural na recuperación deste personaxe e que estes días estiven a reler con delectación. Déixovos aquí un pequeno extracto no que o Apalpador aparece relacionado cun rito fermosísimo ao meu ver, como é a torada de Nadal.
[...] Um rito pan-indoeuropeu mergulhado na noite dos tempos ligado a nosso personagem, como a seguir observaremos, é o da torada de Natal, da que tem escrevido inesquecíveis páginas Sir James George Frazer. O senhor Benigno da casa de Cela de Romeor do Caurel assinalou-me que quando ele era moço ainda traziam desde A Devesa para as casas uma torada bastante grossa para alimentar o lume de Natal, acrescentando: "Ninguém, durante este tempo, não devia jurar, nem zangar-se, nem bater nas crianças, nem nos animais. Depois de se cantar Os Reis -cá vinha-che gente desde Santim, de Zanfoga e mesmo de Busmaior-, punham-se às portas das cortes as cinzas do tarulo para que o gado passasse por cima. Assim espantavam-se-lhes as doenças". O senhor havia ter em torno dos oitenta anos quando recolhi o rito em 1988. Ele, camponês, nunca saíra do Caurel fora do serviço militar.
Aqui se mostram os caracteres apotropáicos, isto é, o vigor protector, directamente sobre os animais e de modo indirecto sobre a gente, do ritual. Que este rito tem sido operante também em Bezerreã e em Cervantes, assegura-o D. Jesus Rodríguez López em Supersticiones de Galicia, livro publicado em 1910. Em Portugal há o costume de prender dos ramos das árvores figuras a anunciar o Natal que depois são queimadas diante da Igreja. No Douro há a tradição de queimar uma árvore inteira na lareira. Nas Beiras, tanto a Alta quanto a Baixa, a árvore conhecida como o Madeiro do Menino-Jesus, é queimada na praça aos doze toques da meia noite, salta-se depois sobre o braseiro à par que se cantam as Janeiras. Antigamente o povo todo da aldeia comia, bebia e dançava à volta do fogo, a seguir à missa do galo, entrando a diversão pela noite dentro.
D. Julio Caro Baroja e D. José Miguel de Barandiarán, com muita sabedoria e atenção, têm atestado e estudado o tema da árvore do Natal e dos assuntos ligados a ele no País Basco. Mesmamente o antropólogo Caro Baroja informa da sua vitalidade em Aragão, Andaluzia, Castela, Catalunha, na França -onde muito tem batalhado Jean Batiste Thiers, cura de Vibraie e açoite de superstições- e igual na Itália. Na Toscana é mesmo nomeado Ceppo (toro da árvore cortada) o dia 25 de Dezembro. Ficam de acordo todos os etnólogos em que a queima do toro de Natal tem uma ligação ineludível com as representações solares (o Sol, produtor da luz e da vida em correspondência com a vegetação firma-se nos solstícios como se torna evidente nas festas de São João no solstício do verão), ritos mergulhados na profundidade da noite dos tempos. Mesmo a árvore de luzes, tão usual hoje em todos os fogares cidadãos, que veu a nós desde a Germânia, não vem ser mais, em rigor, que a velha queima da torada de Natal milenária, fortemente deformada desta volta por uma comercialização abusiva e a papa-moscas mimetização da pseudo-cultura holiwoodiana.
O Apalpador, com as funções atribuídas de carvoeiro, isto é, trançador de árvores, subministrador do lume (floresta-luz-calor) e doador de castanhas, possui as mesmas virtudes apotropáicas postas na queima dos madeiros, isto é, anunciador da fartura, da protecção, da aliança com a boa fortuna. [...]
terça-feira, 2 de novembro de 2010
Música de Defuntos (II)
E así como a memoria dos ausentes e dos poboadores do Sidh vaga nestes días polas comarcas dos vivos, tamén nosoutros imos deixarnos levar até terras fistérricas da Armórica, onde non é difícil escoitar o estrondo do Ankou por camiños ben similares aos que Cunqueiro ensoñou desde o seu retiro de Mondoñedo. Ou onde os mortos emerxen como xigantes ensanguentados entre o o toxo montesío para falar en cousas antigas e sabias con Amaury Home Santo, naquela Bretaña Esmeraldina de Ferrín.
E habemos de viaxar até a Bretaña nesa barca de pedra que é a voz de Denez Prigent, ritual e obsesiva neste tema chamado "Daouzek huñvre" ("Doce soños", en romance galaico). Nel, sete ánimas extraviadas camiñan en liña ao longo dun erv, ou sexa, dun deses camiños que conectan unha insua coa terra firme e que só se poden transitar con maré baixa. Non é de estrañar que a imaxinación enfermiza do celta quixese ver neses camiños (ao igual que no ulmo ou no pántano), vencellos entre a terra e a auga, entre os vivos e os mortos, entre os países do Alén e do Aquén. Sabémolo ben neste Noroeste zarrapicado de illas que son, ou foron (e han volver ser?) morada de deuses e de estadeas.
Kenavo!
quinta-feira, 28 de outubro de 2010
Músicas de Defuntos (I)
é comezo. Morte a enlazar coa vida. Como facer o amor en leitos de granito, como encher a boca coa épica dos trasavós.Defuntos, ou Santos, ou Samhain, ou Samonios, a fin do verán e da luz e das lavercas. A invernía precipítase sobre o mundo: terra lenta, enchoupada, fulgores decadentes, espellos rotos zarrapican a paisaxe. Tamén dentro das casas, dos fogares, das lareiras de outrora, hai algo que cambia. Afrouxan os gonzos e as castañas estalican dolorosamente entre a música barroca do lume vello de sempre. Cada castaña que comas, meu ben, mo thobar, é unha alma que arrincas do inferno. Cada castaña que estoupa, unha alma que se perde para sempre. Así de doado agroma o trasmundo tan preto dos pratos fumegantes de caldo, do touciño recendente, das raíces do pan, das caras inchadas e coloradas coma cabazas. Pois o Alén latexa nas lacenas, nas maos dos mortos, nos ollos do gato, no silencio da artesa e da mazaroca e da pataca.
Agora, nesta noite que comeza, cando os sidhe saen estragar as amoras derradeiras e do corazón do túmulo emerxen as voces e os cánticos e o ferro. Cando as xentes de meu, aló en terra de Soneira, tallaban grandes cabazas que puñan enriba dos chantos da Casqueira, para espanto dos camiñantes e gargallada dos trasnos. Cando outras xentes que tamén son de meu, aló en terra de Montes, soben a Portalén e parolan do divino e do humano con algunha bisavoa riseira de branquísimos cabelos e negra touca. Cando os pícaros de Mondoñedo saían pedir porta por porta o migallo, e o padre Vázquez de Orjas procuraba con desespero e cobiza aquel ouro sagrado dos gentiles galigrecos.
Non esquezas, meu ben, pois esta noite que se achega a memoria e a lembranza é necesaria e todo desemboca nela. E lembra así dispoñer un prato máis á mesa, e deixar a porta entreaberta por se unha almiña dos teus quixese vir quentarse ao teu lume, e non te tente o demo de varrer a cociña! E ogallá recuperes aquel músculo do desenfreo e do trance, dos rostos deformados e ruborizados pola augardente, das palabras esvarando coma poldros selvaxes en Morgadáns ou na Capelada. Da orxía que libera e comunica.
Porque é esta noite axeitada para Ver e Contar.
quinta-feira, 2 de setembro de 2010
Monte Torán ou apalpando as pisadas da Vella
Así que venéralas (as pedras) desde o abraio e o respecto. Rodeas a ermida, reparas na Piedade mutilada, lembras a Castelao e aínda sentas un anaco ao pé do cruceiro. No peto do teu pantalón soa Denez Prigent. Esqueciches os auriculares, de xeito que o delirio bretón, esa esperanza demacrada manchada de sidra e saliva, vai enchoupando aos poucos o silencio.
Entón sentes o ruído do motor e emerxe desde a curva un coche ateigado de turistas madrileños, quizais un detalle non menos ritual cá vara e as pedras e o cruceiro e o silencio reverencial que atinxe o mundo nese lugar.
Así que tiras as derradeiras fotos e inicias o descenso, agradecido polo momento. Aínda quedaban cousas que ver esa tarde...
quinta-feira, 5 de agosto de 2010
Papeis de faiado (I): romance de Arturo Ulloa
A miña última descuberta neste sentido tivo lugar hai uns escasos días: trátase dun par de pregos de papel dos que circulaban polas feiras doutrora, portadores de versos que nalgún momento estiveron en boca dese cego de sempre, poeta e actor, sacerdote da relixión dos camiños, tanxedor de zanfoña e violín. Folga dicer que sempre me atraeu a figura do cego e as súas millentas ramificacións. Por iso aqueles papeis tremeron cunha estraña inercia cando os tiven por vez primeira nas mans.
O primeiro prego (o que vos oferezo hoxe aquí) contén o típico romance que narra un crime violento e antolóxico, neste caso obra dun tal Arturo Ulloa. Sabemos algo disto na Chaira, onde aínda nos estremecemos cada vez que alguén lembra os horríbeis sucesos da Légoa Dreita. Non me deu tempo a investigar o máis mínimo sobre o tal Arturo Ulloa, co cal descoñezo quen foi tal personaxe, así como a época na que cometeu as súas atrocidades. Mais a autenticidade deste romance tosco, brutal, cheo de imperfeccións na medida dos versos e de repeticións case rituais de certas palabras, chega e sobra para gozalo como o que é: unha mostra palpitante dunha antropoloxía e duns xeitos de comunicación que primaron até hai dous días.
Vai logo o romance:
HORRIBLE CRIMEN cometido en un pueblo de Alicante por el joven Arturo Ulloa , que mató a una hermosa muchacha despues de violarla dando muerte tambien á la madre de aquella y a un hermanito cuyo hecho tuvo lugar en el mes de marzo del corriente año.
primera parte
El crimen más espantoso
que se conoce en la historia
es el que ha cometido
el jóven Arturo Ulloa.
segunda-feira, 2 de agosto de 2010
Lugnasad, San Fins e don Saturnino
Mais non morre aquí o conto. Como explicar o estourido festivo que sacode Galiza entre a derradeira quincena de xullo e a primeira de agosto? Como entender os curros cabalares, que poboan o noso verán de salvaxes rinchos desde Candaosa a Campedulla e desde Sabucedo á Capelada, sen poñelos en relación cos ritos da realeza e a soberanía que definían o vello Lugnasad e que teñen precisamente no cabalo-Rhiannon un sobranceiro protagonista? A feira, a asemblea, o oenach e mesmo a semántica profunda e granítica da Estadea poden conectarse en última instancia con Lug e co tránsito dos vellos exércitos avanzando cara á chaira onde agardan o túmulo e o corvo. Todo isto sen contar con revivals célticos máis recentes como o Lugnasad de Bretoña ou o Oenach de Sedes, que, a dicer verdade, non sabemos se seguen a celebrarse ou se esmoreceron como tantos outros.
En Galiza, Lug renaceu como San Fins ou San Fiz ou mesmo San Pedro Fiz, advocacións coñecidas e veneradas nos catro recantos do país. Cádrame a min ben preto o de Robra, en Outeiro de Rei, do que xa escrebera hai máis de cen anos Rodríguez López estremecidas palabras: "En San Félix de Robra, casi en las puertas de Lugo, en el Ayuntamiento de Otero de Rey, también se pretende curar a los mordidos por perros rabiosos por medio de la llave candente de la iglesia, aplicada en nombre del santo". Mais se hai un San Fins que transparenta aínda a lembranza do Lugnasad, ese é o San Fins do Castro, cuxa romaría se erixe en protagonista central do primeiro día de agosto aló onde Bergantiños se confunde con Soneira. Neste sentido, nada mellor que resgatar un artigo de José de Cora (co cal, por outra banda, calquera coincidencia ideolóxica non deixa de ser mera casualidade), incluído no seu Calendario de Galicia e que lembra as orixes, decadencia e rexurdir deste Lugnasad remasterizado, adornado hoxe con deliciosas extravagancias como o berro seco ou o santo da pólvora.
E que mellor ramo para estas letras que unha peza de Milladoiro directamente relacionada co tema e as xeografías que nos ocupan? Trátase da polca precisamente intitulada "O santo da pólvora". Que gostedes e bo Lugnasad!
San Fins do Castro_________________
Saturnino Cuíñas Lois entendeu desde a súa chegada a Cesullas como párroco que o seu labor apostólico debía ir parello ao mantemento e recuperación do folclore, e lonxe de loitar contra el, como adoito facían os sacerdotes que propugnaban a modernidade, afanábase en lle procurar o meirande auxe posíbel.
O ponto culminante é a romaría do San Fins do Castro, abatida e amortuxada en abril de 1931. O proceso completo iníciase o 25 de xullo, cando soben desde a igrexa de Santo Estevo de Cesullas até a ermida as imaxes do santo, da Virxe dos Remedios e da Virxe do Carme, onde permanecen até o 1 de agosto. Ese día, xa desde pola mañá cedo, comezan a chegar romeiros para iniciaren os rituais hídricos na fonte. Gaiteiros e pólvora encárganse de que a xornada sexa soada xa desde primeira hora.
Á unha é a misa maior e o Hino a San Fins, cuxa letra escrebe don Saturnino: Meu santo san Fins do Castro / avogoso das verrugas; / lávanse na túa fonte / e quédanse sen ningunha. Obsérvese que o sacerdote subliña o aspecto apotropaico do santo e comprácese nel.
A continuación tócalle a vez ao berro seco. Os romeiros, postos de xeonllos e collidos das mans, érguense e abáixanse até tres veces, ao tempo que berran un "ooouuuu...", que é a fórmula dos canteiros de Cotobade, concello natal do crego, á hora de se axudaren cunha voz para ergueren grandes moles de pedra. Outros prefiren ver un entronque con ritos celtas e castrexos do Lugnasad. E non falta quen o simplifica nunha simple estrataxema do cura para verlles as pernas ás mulleres.
Nunha entrevista a un xornal, Cuíñas mantén este curioso criterio: "Xa sei que a miña opinión non é compartida por moitos, pero a min o aturuxo non me parece un grito varonil, como debera ser un grito celta... O viril, o que vale de verdade, é o que eu chamo berro seco".
_______________________________________
quinta-feira, 22 de julho de 2010
Noticia de pedras parlantes por Álvaro Cunqueiro

A pedra que fala________________________________
Estes días andaba eu a escribir da pedra abaladoira do santuario da Nosa Señora da Barca, en Muxía, e manexaba dous testemuños de que o ruído da pedra ao bailar é unha fala, e hai memoria de que algún a entendeu, especialmente na Idade Media, cando foi empregada en probas xudiciais. A pedra dicía si e non, como Cristo nos ensina, e estivo sempre do lado dos inocentes, bailando baixo os pés destes, e deixando ouvir a súa rouca voz. Mais de todas as pedras abaladoiras de Occidente, a que mellor falaba, talmente coma unha persoa, e gaélico literario, era a pedra de Croclaugh, no Donegal de Irlanda. Estaba tamén veciña do mar, e mollábaa a miúdo a onda atlántica. Tiña forma de cabalo, mais non se deixaba cabalgar máis ca por perfeitos e ousados campións. Foron os seus máis soados xinetes Finn MacCumhail, Conan, Mannanan fillo do mar, Ossian e o grande construtor e ferreiro Goban Saor, quen lle puxo á pedra rédeas de ferro. Cuchulain non a puido cabalgar, que a pedra encabritóuselle. Unha vez que viñeron polo mar homes xigantescos de cor vermella, a pedra deu a alarma, e veu Daofe MacMorna e montou na pedra armado da súa lanza. A pedra púxose a cantar e os invasores achegáronse. A pedra moveuse e desde ela Daofe alanceounos durante tres días coas súas noites. A pedra, durante a batalla, devorou un dos xigantes. Pasou tempo e chegou ao Donegal un neto do rei de Connaught. Riu da pedra, que ía para cen anos que non se movía nin falaba.
-Morta está!-dixo.
E subiuse nela cos seus dezaseis guerreiros e acendeulle no lombo lume para asar os años que roubara aquela mañá. A pedra, que non estaba morta senón durmida, espertou ao sentir o lume e remexeuse airada, dando un pinchacarneiros completo no aire. O príncipe bandoleiro de Connaught cos seus dezaseis guerreiros ficaron debaixo dela. Aínda está alí a banda. Ás veces óeselles laiarse, e a xente, para que calen, bótalles ovos de gaivota e algún coello. No ano 1903 atoparon preto da pedra o dedo de ouro do neto do rei de Connaught.
A pedra partiu en dous ao redor de 1500, e é unha historia romántica esta. Naufragou unha nao fronte a Dontir, e salvouse unha rapaza de grande beleza do naufraxio. Foi a única supervivente. Quedou o seu marido debaixo das augas. A rapaza apoiouse na pedra, que estaba daquela medio cuberta de area pola banda do mar, e comezou a queixarse e a chorar. A pedra espertou, sacudiuse a area e as gaivotas e preguntoulle á rapaza que lle ocorría.-Ha muerto mi Chlim de la gorra verde. Triste y sola estoy, viuda a los dieciocho años. ¡Ay, a qué vino el amor!
-Morreu o meu Chlim da pucha verde. Triste e soa estou, viúva aos dezaoito anos. Ai, a que veu o amor!
-Chora sobre o meu peito, que eu te consolarei. Has ter riquezas, que che hei dicir onde é que están os tesouros antigos, e has casar de novo, co fillo dun príncipe ou cabaleiro cortés.
-Non, non quero casar de novo. Quérolle entregar a alma a Deus.
E lanzou un grande xemido e abrazouse á pedra. Entón, coa dor, esta partiu en dous. A rapaza morreu. Mais aínda se ve pasar a súa dor, unha poalla rosada, polos camiños de Dontir. Bótaste un lado e saúdala, e escoitas o seu suave lamento.
-Ai, Chlim, Chlim!
Chlim coa súa pucha verde está no fondo do mar. A pedra de Croclaugh calou para sempre. Xa non abala. Os gaélicos cren que volverá unirse e oscilar e falar sesenta semanas antes da fin do mundo. Os respectuosos xa non ousan subir nela e quitan o chapeu se pasan preto. Aínda ten restos das bridas de Goban Saor. A pedra viuna José María Castroviejo na súa viaxe a Irlanda e deulle as botas tardes, tras aloumiñarlle a grave cabeza. Cumprindo rito antigo, derramou por ela un xerro de cervexa.
quinta-feira, 17 de junho de 2010
De pervivencias
Hai uns anos tomei contacto coa chamada TCP ou Teoría da Continuidade Paleolítica, unha idea nova e renovadora formulada por Mario Alinei. Lembro ben aquela conferencia de Francesco Benozzo no Consello da Cultura Galega, rodeado de popes da arqueoloxía e a indoeuropeística cuxos rostros denotaban desde desconcerto até franco cepticismo. Inevitábel.
Fálanos este paradigma de continuidade poboacional, de pervivencias longas e demoradas coma a destilación do bagazo, de cousas e palabras moi antigas que (re)emerxen nos nosos rituais cotiáns.
As repercusións desta perspectiva na investigación científica son moitas e fascinantes . Comezando porque pon patas arriba todo canto se ten dito e pontificado sobre o celtismo. Ora ben, non o son menos as que ten na creación poética, no xeito de ver o mundo e os obxectos e historias que o compoñen.
O curioso foi que acabei por decatarme que esas ideas xa chegaran a min tempo antes de saber de Alinei e compañía. E fixérano pola vías da intuición, das imaxes fragmentadas e rimadas. Textos como Bretaña, Esmeraldina ou sobre todo Estirpe. E textos coma estoutro que hoxe recupero e do que gostei (e gosto) especialmente, polo moito que concentra, polo poder das imaxes e dos nomes e pola rudimentaria mitoloxía que parece espreguizarse dentro deles.
O pálpito é ben coñecido: o salmón, o petróglifo, a memoria da inundación, o atlántico cabalo. Ao fondo de todo, a Vella que Sabe coma unha inscultura escusada entre o toxo, á espera.
Abonda isto: un anaco de lousa torpe á entrada do túmulo e unha man enrugada que traza curvas. Os seus dedos-páxaro asinan a pedra e estenden sobre o camiño hipnótico o pigmento de cobre, arxila e ruda. Escribe astros ela, a vella, levanta a fronte e arrepón o manto sobre os ombreiros, que lle vai frío. Pintamos, logo unha praia, facemos a marea respirar forte e debruzarse, borrar todo co seu ruxido, a branca escuma. Na realidade foi a nosa pupila quen se moveu dentro das pálpebras, que máis ten. Falaría escuro o intérprete de soños e códigos antigos; estaría obrigado, en calquera caso, a imaxinar a mesma historia. O imperio ordena puír o rastro, disolver os signos últimos de resistencia. Pero a espiral abrira o seu ollo moito antes, desde o profundo. Como un salmón soubo remontar o bronce atlántico e foi varar á cabeceira humilde das casas labregas. Co século novo tomou a gubia e fendeu outra vez no granito, gravouse no lenzo, porque non aspira a ser eterna, senón contemporánea. Igual cá música, non pode nin debe traducirse. Ela é o seu propio sentido.A todo isto, o autor é Xabier Cordal, que escribiu estas liñas para o libreto do álbume Espiral dos Luar Na Lubre. E acompaño as letras coa música destrutiva dun dos meus ídolos, Martyn Bennett, que de certo intuíu e soubo e aínda arrincou metais acedos de onde só medraba o lirio e a xorima.
segunda-feira, 3 de maio de 2010
Lumes de Beltaine

Tamén estas músicas son lume...
quarta-feira, 17 de março de 2010
Lá Naomh Pádraig Shona
Celebre como se celebre, é evidente que o San Patricio está ligado desde hai anos á música tradicional de raíz atlántica, e que deixou de ser unha festividade estritamente irlandesa para converterse nunha verdadeira foliada intercéltica na que o que menos importa é ser de Galway, de Brest, de Uviéu ou da Coruña. Sábeno ben os bretóns, que hoxe invaden París para facer un ano máis do (pan)celtismo un xeito de estar no mundo.
Aínda que a min gustaríame celebrar o San Patricio de xeito semellante ao que pode verse neste vídeo. Nunha taberna desa Irlanda deprimida e rural dos anos 60, un país de feiras, de fairies e de violinistas, de visionarios e de poetas das silveiras, de xentes que crían o que se dicía e o que se cantaba, aínda que o verso fose áspero e a historia absurda. Así dá gusto vivir. E de súpeto un tal Pádraig Ághas, co rostro tomado por unha certa seriedade ritual, diríxese á multitude, colle da man a un dos seus bébedos amigos e arrinca do fondo da tradición unha perla brusca e gutural que estremece. Quen non pagaría por celebrar así o San Patricio?
Pois iso, Lá Naomh Pádraig Shona para todos e que gostedes!
segunda-feira, 30 de novembro de 2009
Santo André de Lonxe
Hoxe consúmese entre frío e choiva o mes de Defuntos, cuxo día cabeiro está consagrado á celebración do Santo André de Teixido. Hai moitos séculos seica era Santiago Apóstolo o santo celebrado en tan simbólica xornada. Ben coñecida é a rivalidade latente durante moito tempo entre estes dous patróns e os seus respectivos santuarios. Algo tería que ver niso que o de Santo André sexa o verdadeiro santuario nacional galego, a romaría por antonomasia para os nosos paisanos, tal e como o é para os bretóns a de San Ronan de Locronan, tan parella e similar en moitos aspectos á do noso Santo André. Santiago, como Santo Adrián, teñen un trasfondo de paganismo celto-atlántico moi evidente a pouco que se foce nas súas respectivas mitoloxías. Mais ambos os dous representan, no fondo e na forma, a superposición de ritos e costumes novos, a xerarquización das crenzas. No Santo André de Lonxe, lugar sagrado de sempre como rezan os documentos altomedievais, a arteria pagá latexa a flor de pel, percíbese a súa presenza sen necesidade de esforzo intelectual ningún: rituais de adiviñación, comunidade da morte e da fecundidade (Meu santiño Santo André / eu como foi non o sei / fomos dous e viñemos tres), carácter fisterrán, embarcadeiro das almas, barcas de pedra nas que chegan os santos procedentes das Illas do Oeste, herba de namorar, milladoiros, zoomorfización das ánimas, cabalos bravos que se cadra son defuntos, tremor relixioso que nos asalta mentres ascendemos a Serra da Capelada. No tellado da igrexa do Santo André remata o Camiño das Estrelas dos pitagóricos, recreado como Camiño de Santiago polos cristiáns. O Santo André representa pois a integración, o eclecticismo, a mestura, a pervivencia tranquila dos xeitos e das cousas, ese Deus é bo e o Demo non é malo tan plasticamente representado na Pedra da Serpe de Gondomil. A ninguén debe sorprenderlle por tanto a forte pervivencia e enraizamento do Santo André no ser antropolóxico galego.
Como servidor non poderá transfigurarse hoxe en romeiro e retrotraerse milleiros e milleiros de anos no tempo, terei que me conformar con esta pequena homenaxe que quere ser tamén quizais acto ritual, relixioso ao seu xeito. Trátase de "Romeiro ao Lonxe", a coñecida peza na que os Luar Na Lubre revisitan unha melodía de Simon & Garfunkel (a famosísima "Scarborough Fair") póndolle unha letra de Xulián Cuba referida precisamente aos grandes mitos que poboan o Santo André de Teixido. Sen dúbida unha das cancións que incluiría na banda sonora da miña vida, e unha das máis logradas do grupo, que de feito volveu gravala en directo no seu recente traballo "Ao Vivo", desta vez coa voz de Diana Navarro.
quinta-feira, 26 de novembro de 2009
O pentagrama do ferreiro
Son seres máxicos os ferreiros, e non é para menos. Eles dotan o labrego do arado co que creará o suco do que agromará o vexetal, ou digamos alimento, a abundancia boa e gorentosa que algún día ha ferver con estrépito no pote familiar. Sen ferreiro non habería fouciño co que rozar e facer leira do que noutrora era silva fera e toxo arnal. Por iso debeu ser un intre case iniciático aquel no que o ferreiro agarrou aquela lingua de metal e a fixo resoar unha e outra vez contra os seus dentes. Debeulle soar gozosamente deforme a melodía que pouco a pouco foi anegando a mesta penumbra da forxa, baixo o ruído do mazo e o crepitar incesante das charetas. Á lingua de metal chamoulle birimbao, trompa, harpa do xudeu e outros centos de nomes máis. Nas fronteiras orientais do noso reino aínda hai xente que reproduce aquel movemento primixenio do ferreiro e fan resoar nos seus dentes pentagramas estraños que aínda teñen o recendo á mina.
sábado, 19 de setembro de 2009
Proverbios irlandeses e azucres aeroportuarios
sexta-feira, 18 de setembro de 2009
De untos rotos e carballos de curación
A gravación en cuestión fixérona alumnos da materia de Lingua Galega que impartín no primeiro cuadrimestre do curso pasado. Nela, un falante maior da zona de Muros, alí onde se extingue ese estado de ánimo chamado Costa da Morte, relata cun detallismo case cinematográfico un ritual de curación do que, persoalmente, eu nunca tivera noticia: trátase dun ritual consistente en pasar polo carballo a toda aquela persoa (especialmente nenos) á que lle saían vultos na pel ou, dito ao xeito popular, á que lle rompera o unto. Un séntese Lence Santar, ou Rodríguez López, ou Xoaquín Lorenzo cando vai accedendo a esta historia. E polas galerías da memoria pasan a penas insinuados os pastequeiros, as sabias, os saludadores, e nenos entangarañados que non acaban de estar de acordo cos aguzados versos de Curros Enríquez. Mais é que todo neste relato, desde a terminoloxía empregada até os mecanismos de curación aplicados, parecen proceder dunha casa de cristal pechada ao mundo mais que non deixa de transparentar a luz; dito doutro xeito, dun mundo paralelo ao da medicina oficial, esa que, como poderedes comprobar na gravación, non pasa de ser un recurso final, unha sorte de cravo ardendo ao que aferrarse cando todo o demais, cando esa sabedoría inútil dos devanceiros (abenzoado sexa Heaney) non acabou de funcionar. E fixádevos que nada hai nisto de contraditorio. O falante non o percibe como tal. Unha vela a Deus e outra ao Demo. Nesta fisterra das almas non podía ser doutro xeito.
Espero que gocedes con esta pequena xoia (así a considero eu, cando menos). Ao Cibergaiteiro, cando menos, seguro que lle cae a baba escoitándoa!
terça-feira, 25 de agosto de 2009
De trasnos e diaños no corazón da Galiza Britoniense
Mais neste texto emerxen nomes especialmente queridos para min, como o de Lence Santar, vello cronista da cidade de Mondoñedo e a quen lle debemos notas antropolóxicas verdadeiramente alucinantes. Que desfrutedes pois!
______________________________________________________________________CRIATURAS AVISTADAS NA PENA GRANDE DE ZOÑÁN
El Progreso, 16 / 08 / 2009
A escasos metros da croa do castro de Zoñán, na parroquia dos Remedios, en Mondoñedo, na beira do vello camiño que sobe desde os Cucos e de Pelourín cara a Estelo, hai unha pena (en realidade son tres moi xuntas) coñecida como a Pena Grande. Aquel é un lugar de medos; ou sexa, unha paraxe propicia para as aparicións e visións de criaturas sobrenaturais, sexan estas demos, encantos ou ánimas.
Hai noticia de que nesta pena fan vida uns encantos que tocan a gaita, cantan, bailan e aturuxan, maiormente na noite da véspera do día de San Xoán. Cóntao Lence Santar, e pon por testemuñas de telo visto, e sentido, entre outros, ao Angulo e ao Grilo de Pelourín, a Monterroso de San Cristovo e ao Picos de Tronceda. Angulo de Pelourín viu alí mesmo ao trasgo unha noite de San Xoán cando regresaba desde Zoñán á casa. O trasgo seica aganchaba por un castiñeiro ao tempo que fungaba, que ensinaba os dentes e que esgazaba as canas da arboreda de arredor.
Farruco Otero Doural, Farruco da Costa, xa leva fóra deste mundo desde o 2 de xaneiro do ano 1933, e foi, por certo, o derradeiro home da comarca que gastou monteira (tiña unha de saial para o diario e outra de pano para os días santos). Farruco da Costa tamén viu o demo na Pena Grande. Viuno por tres veces; claro que Farruco, aínda que non sabía ler nin escribir, dominaba a ciencia de ver nacer as herbas e sabía botar as contas dos pelos que podía chegar a ter un xanto.
Todos estes seres do noso imaxinario son diferentes aínda que a xente xa case non sabe distinguilos. Todos son grandes transformistas (año, vaca, cabalo...) e moi rebuldeiros, o mesmo os podemos ver en figura de animal ca de persoa, enredando dentro e fóra das casas. Os encantos emparentan cos mouros e coas mouras, mentres que os trasnos, trasgos e diaños son da familia do Demo; das pólas bastardas, xa hora.





