sábado, 19 de março de 2011

San Padraig (e II)

Se me permitirdes o autoplaxio, e para irlles pondo fin e remate a estes días nucleados ao redor do bon e santo Patricio de Irlanda, recupero aquí un pequeno texto (algo ampliado e corrixido) do meu antigo blogue, relativo ás semellanzas entre o patrón das hibérnicas xentes e algúns dos nosos santos de máis renome. Claro que nisto, como en case todas as demais cousas, doutores ten a Igrexa, e de seguro que algunha burradiña ou esaxeración vai polo medio, mais aínda que o texto non valla un peso, sempre poderá salvarse polas musiquiña con que o acompaño. Son dous temas que ben coñeceredes, e que Carlos Núñez incluíra naquel fermosísimo Almas de Fisterra: a primeira, "Yan Derrien" (só encontrei a versión en francés), fala da peregrinación dun mozo bretón ao santuario de Santiago de Compostela; e a segunda, "Saint Patrick's Polka", fala doutra peregrinación, a da alegría desbordante do Día de San Padraig. Deseguido veredes a relación entre a unha e mais a outra...

"[...] Na nosa terra non podemos ser alleos a esta realidade, sobretodo se temos en conta que, como ben afirma José de Cora no seu Calendario de Galicia, "a historia de San Patrício pode construírse desde Galiza con retallos dos nosos santos e poetas".
Semella incríbel, mais é certo. Moitos dos episodios míticos que protagoniza o padroeiro dos irlandeses nas súas prédicas pola Illa Esmeralda reprodúcense con prodixiosa e suxerente exactitude nestoutra banda do mar, algo que doadamente sorprendería a quen non estea familiarizado cos substratos culturais e ideolóxicos dos pobos galego e irlandés. Deste xeito, a figura de San Padraig é homologábel en moitas ocasións á do apóstolo Santiago, pois ambos os dous foron utilizados (implementados, diriamos hoxe) nos seus respectivos países de adopción para cristianizar uns determinados costumes e uns lugares e paisaxes ás que que estes se encontraban asociados desde a noite dos tempos. Se Santiago (ou Prisciliano, ou Elvis Presley se quixerdes, que máis terá?) descansa baixo as lousas da Catedral de Santiago de Compostela (ese "facho do cristianismo atlántico", como escribira Otero Pedrayo), outro tanto acontece con San Padraig, cuxos restos repousan uns milleiros de quilómetros ao norte, na Catedral de Downpatrick (Ulaidh/Ulster), que non é outra cousa que Dún Padráig, ou "fortaleza de Patricio".
A predicación de Santiago nas terras galaicas (polo demais moi pouco exitosa) está estreitamente ligada ao Pico Sagro (en Boqueixón), noutrora coñecido como monte Ilicino, un enclave dotado de riquísimas pervivencias pagás e polo que vaga o recordo de Pepa a Loba, digo, da raíña Lupa, gardadora de riqueza, dona dos touros bravos, poderosa e selvaxe amante. Pois ben, a montaña sagrada de Croagh Patrick ou Cruach Phádraig (en Mayo, ou Maith Eo en irlandés), inzada de milladoiros por certo, vén sendo a versión irlandesa do noso promontorio galego, ao que lle imita mesmo na feitura. É aí, en Cruach Phádraig, onde se encontra a cama de San Padraig, equiparábel en fondo e forma ao leito de pedra do Santiaguiño do Monte (Padrón), no que seica se deitou o Apóstolo, ao igual que fixeron tantos outros santos galegos e irlandeses en penedos similares (a cama do San Xulián no monte Aloia, a cama de San Guillerme en Fisterra...), vinculados subterraneamente á morte e á fecundidade.

E se no Purgatório de San Padraig, na cova de Station Island (que deu título a un dos poemários máis vibrantes de Seamus Heaney), pode o peregrino superar en vida as penas todas do Purgatorio, deixando así un traballo feito para o momento do transo (ben din os vellos que "traballo feito non corre présa"), outro tanto acontecía na cova de Santiaguiño do Monte e, segundo conta Alonso Romero (que destes temas sabe o que non está escrito), tamén na fisterrá ermida de San Guillerme, non moi lonxe do sartego da Orcavella, que en gaélico se facía chamar Cailleach Bhearra.
Mais os lugares máxicos pouco son sen as palabras que os fan sagrados e, á súa maneira, inmutábeis. E tamén para Santiago e San Padraig foron ditas moitas veces as mesmas palabras e soñadas as mesmas lendas. San Padraig desterrou as serpes do Eire, e outro tanto fixo o alcumado Fillo do Trebón en Galiza. Porén, neste ponto a nosa mitoloxía presenta maior dispersión, pois na Costa da Morte esa expulsión dos ofidios atribúeselle a San Adrán, avatar cristián e barqueiro (con iso xa se di todo) dun vello deus da morte. Foi el quen os fechou a todos baixo a soada Pedra da Serpe de Gondomil (Ponte Ceso), unha cruz de pedra gra fermosamente traballada polos canteiros bergantiñáns e en cuxa base pode observarse a efixie dunha serpe alada. Sincretismo de cultos? Moi probabelmente, aínda que a serpe pareceu ser tallada en tempos relativamente recentes (por recentes queremos dicir hai uns quiñentos anos, aproximadamente). O caso é que unha das cobras fuxiu do marteiro, e o santo perseguiuna até darlle alcance e esmagala co seu proprio pé. Aínda hoxe, no monte Beo (Malpica), pode contemplarse a serpe petrificada, coa pegada de San Adrán afundida no seu lombo.
Como vedes, a San Padraig só lle faltou verse involucrado no asulagamento dalgunha cidade maldita, como o estivo Santiago nos afundimentos de Duio e de Corrubedo (dixo Santiago: "Corro y veo!"), para o podermos venerar como un santo galego máis. De aí a celebrarmos o vindeiro San Padraig cunha boa botella de viño Albariño na mesa tan só hai un paso..."




Sem comentários:

Enviar um comentário