Pois iso, a todos e a todas, bon Lugnasad, ou o que é o mesmo, boa entrada nas mansións luminosas do ano. E que Lug o Múltiple Artesán, ou Lug o da Longa Man vos acompañe e vos dea folgos, a ser posíbel con músicas fermosas coma as que hoxe vos propoño e que xa vos terán o celme do festival, da carballeira e dos grandes vasos de cervexa brillando baixo a lúa. Saúde!
Caída libre: vertixinoso descenso aos terreos da uz e o solpor, lingua moldeada e amolecida por sedes interminábeis. Entre nós-outros, sentar ao redor da longa mesa endexamais deixou de ser celebración da fame primixenia, daquela devastación da que procedemos. A vella dun só dente, desde algures, endexamais deixará de nos contemplar. Eis outra certeza. Porque quizais a memoria é o doloroso privilexio dos homes, terríbel mais necesario como o balbordo dos corvos erguendo o voo sobre os derradeiros carballos da devesa. Por máis que fagamos, andemos e digamos, sempre un retallo de tribo ardéndonos entre os ollos. Por máis que amemos, sempre a urxencia ritual do alalá. Quizais por iso se fan necesarias e urxentes músicas coma esta. Caída libre, e logo esa leve dor no pescozo a lembrarnos a violencia do mergullo, mentres sorrimos.
As conexións e xenealoxías musicais compartidas polas dúas beiras do Atlántico foron exploradas desde hai anos por algúns dos popes da música irlandesa. Non hai máis que lembrar ese Atlantic Bridge no que Davy Spillane, gaiteiro de Moving Hearts, mesturaba o repertorio tradicional gaélico con ecos de blues e o country. Tamén The Chieftains, habituais pioneiros en todo tipo de fusións inverosímiles, fixeron as súas incursións neses territorios de fronteira e diáspora. A conexión presenta aquí dous ramais: por unha banda, a ninguén se lle escapa que o country presenta un innegábel pouso irlandés; pola outra, non deixa de haber certas concomitancias entre os ritmos afroamericanos e os das fisterras atlánticas, reflexos estraños que se cadra teñen a ver con esa célebre aseveración de que os irlandeses son os negros de Europa. Por iso non nos soaba mal aquela "Negro Song" que interpretaba Alan Stivell, con esa voz nasal inconfundibelmente bretoa mais que algo tiña de marisma do Mississipi. e enerxía de gospel. E por iso nos encantan os matices de big band e hip hop cos que construíu o seu discurso musical o mellor frautista irlandés das últimas fornadas, que tal é Michael McGoldrick. Na Galiza comezamos a indagar nesas metamorfoses hai uns anos. E conste que o noso herdo musical na América non arraizou soamente nas terras de hispánico avoengo, pois aí está Domingo Ferreiro, O Gaiteiro de Texas, para corroboralo. Emprenderon a prospección os Luar Na Lubre co seu disco Saudade, seguiulles Carlos Núñez coa recentísima Alborada do Brasil e polo medio quedou esa interesante Descarga ao vivo que desbrozaba as corredoiras musicais comúns a galegos e cubanos. Aínda lembro aquel programa de Alalá no que se incidía na especial química existente entre escravos afro-cubanos e inmigrantes galegos na illa, pois ambos os dous representaban o máis marxinal, o máis afastado dos brillantes salóns da burguesía habanera: o barullo, a confusión, o tribal incluso. Estaría ben que o recordásemos de cando en vez. En fin, non demoro máis en filosofías barateiras e doulle paso á música, que en casos coma este fala por si soa e explícase a si mesma. Déixovos un vídeo das Transatlantic Sessions no que o cantante Dan Tyminski comparte a súa febre cunha auténtica big band de músicos irlandeses e escoceses. Que gostedes!
Xa vai alá máis dunha semana e aínda non asexou a este blogue nin media palabra sobre o pasado Festival Intercéltico d'Occidente, que con tantas gañas e expectación viña agardando quen asina estas palabras. O caso é que, aínda que servidor tan só puido acudir á xornada de clausura (que tivo lugar o domingo 24 de agosto), e fíxoo ademais con grande risco da súa integridade física e psicolóxica (polas poucas horas durmidas e as moitas conducidas), o esforzo pagou a pena e o cansazo que acusou este corpiño ao longo de toda a semana seguinte viuse compensada polas doses de música e emoción que recibín esa noite en Tapia de Casarego (falando ben!). Música, emoción e gratas sorpresas. Porque grata sorpresa foi o grupo que abriu a noite, Tuenda, do que até estes últimos tempos tiña máis ben poucas referencias mais que deixaron entrever esquemas moi interesantes de reinterpretación do que é a tradición de música cantada en Asturies. Tuenda son o frautista Pepín de Muñalén (de La Bandina'l Tombo), o bouzoukista Elías García (membro fundador dos Llan de Cubel) e o cantante Xosé Fernández "Ambás", membro de N'Arba, compilador do material do que se serve esta formación para construír o seu repertorio e ben coñecido na canle autonómica asturiana grazas ao programa "Camín de cantares". Por certo, que "Ambás" dirixiuse en todo momento ao público nun correctísimo (fonética á marxe) galego propio da zona... Ou "galego-asturiano", como parece ditar ultimamente a corrección política...
A continuación de Tuenda veu Michael McGoldrick, co guitarrista Ed Boyd e o xenio John Joe Kelly, mestre inimitábel no uso e abuso do bodhrán. Ou sexa, o que no seu día foi columna vertebral de Flook, sen dúbida unha das mellores agrupacións de folk irlandés do mundo enteiro. O concerto? Un concerto impresionante para o que toda palabra sería escasa e limitada. Como é posíbel que tres simples músicos, dotados de instrumentos estritamente acústicos, poidan conquerir a forza dunha orquestra enteira? Como é posíbel que John Joe Kelly arrinque do bodhrán sonoridades e matices que converten o vello pandeiro irlandés nunha auténtica maquinaria musical? Pois iso, impresionante. E para que calibredes o que deron ambas as dúas bandas, velaquí vos deixo uns vídeos gravados en directo no transcurso dos seus concertos. Por certo, un pequeno detalle que me deu bastante que reflexionar. Cando o guitarrista Ed Boyd preguntou ao público como se lle chamaba en asturiano á canción empregada para adormecer os nenos, a resposta foi nana... Non deixa de resultar cando menos curioso que, en medio da máis pura exaltación da asturianidade, a ninguén se lle ocorrese lembrar que, en asturiano, o xénero musical en cuestión recibe un nome ben máis fermoso e que todo afeccionado ao folk debería coñecer: añada. En fin... Que cada quen saque as conclusións que prefira...
Hai uns meses, o amigo Alias pediume un pequeno relato ou crónica sobre a viaxe que realicei no mes de abril a un dos meus territorios soñados e obsesivos: Belfast (Beal Feirste en gaélico), a capital de Irlanda do Norte. Como quen di, o corazón do incendio, o rabuñazo que sangrou e sangrou naquel recuncho septentrional durante case catro décadas. Belfast foi, como imaxinaredes, un impacto. As palabras que tentan describilo (nun español mal mastigado por quen non ten a boca afeita a sílabas de meseta) fican escritas no estupendo blogue temático ao que antes me referín. Mais o que vos ofrezo hoxe aquí son as imaxes que trouxen de Belfast, ou algunhas delas, as que con maior agarimo reviso cada certo tempo. Quizais para asegurarme e cerciorarme de que, realmente, estiven alí, vin aquelas cousas e falei con aquelas xentes. Que gustedes pois da montaxe (que, coma decote, é cativeira pero digna). Por certo, que a música de fondo son dous temiñas de Michael McGoldrick, ambos e dous tirados do seu por agora último traballo en solitario, Wired. Como vedes, ando en plena conta atrás para o concerto do vindeiro día 23! Arú!
Non hai árbore máis difusa có ulmo, que medra a medio camiño entre a auga e a terra. Como quen di, é árbore de límite, de tremedal; dese pantano que para Heaney era "a paisaxe que lembra todo canto lle aconteceu". Nin hai cousa máis mol e fronteiriza cá arxila, que se derrete entre os dedos mentres agarda pola súa forma definitiva, esa que lle virá dada pola sabedoría e o lixeiro ollo do ourive. Benvidos pois a esta terra fronteiriza habitada polas teimas e obsesións dun tal Ulmo de Arxila...