quarta-feira, 17 de março de 2010

Lá Naomh Pádraig Shona

Hai moitas formas de celebrar San Patricio. Desde deixarse levar pola maré homoxeneizadora acudindo a algunha das moitas festas programadas nos pubs irlandeses de cada cidade até aventurarse pola zona vella de calquera urbe húmida e atlántica (Santiago de Compostela, por exemplo) choutando de pinta en pinta, de whisky en whisky, de licorca en licorca. Agora que o penso, son celebracións conciliábeis e mesmo complementarias. Chegará un momento da noite no que todo se tinxirá de verde e mesmo nos sorprenderemos falamos cun sotaque tal vez recoñecíbel como gaélico vello. Se cadra, mesmo nos atrevemos a liberar o mundo das serpes que o asolan, como fixera no seu día Santiago Apóstolo en Galiza, digo, San Patricio no Éire. Aínda que son moitos os réptiles indesexábeis que asexan desde cada recanto, e escarmentalo sería tarefa de nunca acabar.
Celebre como se celebre, é evidente que o San Patricio está ligado desde hai anos á música tradicional de raíz atlántica, e que deixou de ser unha festividade estritamente irlandesa para converterse nunha verdadeira foliada intercéltica na que o que menos importa é ser de Galway, de Brest, de Uviéu ou da Coruña. Sábeno ben os bretóns, que hoxe invaden París para facer un ano máis do (pan)celtismo un xeito de estar no mundo.
Aínda que a min gustaríame celebrar o San Patricio de xeito semellante ao que pode verse neste vídeo. Nunha taberna desa Irlanda deprimida e rural dos anos 60, un país de feiras, de fairies e de violinistas, de visionarios e de poetas das silveiras, de xentes que crían o que se dicía e o que se cantaba, aínda que o verso fose áspero e a historia absurda. Así dá gusto vivir. E de súpeto un tal Pádraig Ághas, co rostro tomado por unha certa seriedade ritual, diríxese á multitude, colle da man a un dos seus bébedos amigos e arrinca do fondo da tradición unha perla brusca e gutural que estremece. Quen non pagaría por celebrar así o San Patricio?
Pois iso, Naomh Pádraig Shona para todos e que gostedes!