Mostrar mensagens com a etiqueta PANCHO ÁLVAREZ. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta PANCHO ÁLVAREZ. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 22 de abril de 2010

Saltón de abril

Chámanlle saltón, pirusalda, en Asturias xingüelu. É ritmo festivo, de xentes a brincar polas corredoiras do mundo, de charamugas ascendendo fortes e riseiras desde o corazón mesmo da labarada, de portas abertas e parrafadas sen remate. É ritmo que me transporta case por accidente a esa Galiza Britoniense leda e cunqueiriana, inzada de feirantes que recenden a viño e cortiza. Alí onde, se cadra, as cerdeiras florecen antes que en ningunha outra parte do mundo e os cabalos falan filosofías estrañas apoiando a cabeza no ombro do seu dono, poñamos por caso un tal Alberte Merlo (se vos parece).
Que mellor entón que un saltón para enchouparse desta loucura da primavera estalando en cada árbore, en cada rúa, en cada milímetro de ceo, en cada pinga de mar. Floret silva undique, dicía o vello poema. Resonet musica undique, acrecentemos nosoutros.


(A peza intitúlase "Salta Saltón!" e pertence ao álbume Nas Cordas, do xenial Pancho Álvarez).

quinta-feira, 4 de fevereiro de 2010

Foliada / Seisiùn

Ás veces bota un de falta non poder asistir con máis frecuencia na música galega a momentos tan esplendorosos e suxerentes coma este, que atopei como adoitan atoparse as pequenas grandes xoiais: do xeito máis puramente casual.
Talmente parece coma se a foliada do país e a seisiùn irlandesa se fundisen nunha aperta que soa sólida, consistente, posíbel. Coma se o estudio de gravación Casa de Tolos se convertese por un día na delegación galaica das impresionantes Transatlantic Sessions. Boto de falta experiencias coma esta na música galega, nos traballos dos músicos galegos. Frauta de madeira, concertina e violín, unha combinación que non é menos nosa nin menos representativa do noso que outras moitas máis ou menos vixentes no noso folque.
Que gostedes pois desta "Muiñeira de Vai e Vén" a cargo de Pancho Álvarez e dos xemelgos Castro (membros fundadores de Felpeyu). Case nada...