terça-feira, 26 de janeiro de 2010

E irromperon escuros cabalos polas polas portas da Academia

Habemus novo presidente da RAG. Nos últimos días, os diversos medios de comunicación fixéronse eco da noticia que xa levaba ben tempo a xestarse: Xosé Luís Méndez Ferrín toma o mando na vella casa da Rúa das Tabernas. Ese poeta de ferro e dinamita que só sabe habitar na permanente electricidade dos extremos, xa sexan os da literatura, os da política ou os da vida. Quizais sexa un síntoma de certa normalidade que unha persoa de ideoloxía tan marcada (e aceirada, mesmo) acceda á presidencia dunha institución coma a Real Academia Galega. E é para felicitarnos, pois non é normalidade o que abunda nestes días de maiorías silenciosas e cegueiras patolóxicas...
De sempre foi Ferrín un dos meus autores máis admirados, precisamente pola heterodoxia e o risco que asume en practicamente todas as súas obras. Xunto con Uxío Novoneyra e Álvaro Cunqueiro formou a miña triloxía, a tríada dos meus santos avogosos. Gardo como un pequeno tesouro o meu exemplar asinado de Con pólvora e magnolias, e endexamais esquecerei aqueles días de verán nos que o meu maxín se incendiou irreversibelmente con Bretaña, Esmeraldina e Estirpe. Como tampouco esquecerei aquel berro de guerra patentado por certo amigo mais eu no fastío dalgunha clase da facultade: Viva Ferrín, a muiñeira e o Teresa Herrera! Ogallá volvesen tempos idos...
Non é hoxe tempo o que me sobra, senón fame e cansazo, mais aínda así non quería deixar pasar máis días sen dedicarlle desde esta bitácora lamacenta unha cativísima homenaxe ao novo presidente. E fágoo a través dun poema que me deu moito que pensar ao longo dos anos, uns versos a partir dos cales fun construíndo particulares e moi persoais mitoloxías. Nel emerxe o curro de Morgadáns como unha entidade mítica que resume e libera todo canto somos. Nel escóitase o barullo dos cabalos, carrexadores de almas e pervivencias. Ese barullo que (ao mellor) chega a lembrarnos o desas hostes que a semana pasada invadiron Santiago de Compostela a golpe de lingua e (por que non?) dinamita.
Que gostedes pois e deica pronto.

- O CURRO DE MORGADÁNS -

Homes e sombras que regresan corren a
as greas contra o circuito final das certidumes.

Noto que o meu cabalo colludo
vai abrir nas illargas

asas negras de frémito e loucura.

Os pitos de ouro coa súa galiña
espreitan desde o too a cerimonia.
Cheira a sempre.

Oh cabalo cativo,
torga ruin, can de palleiro,

espello no que se mira a nosa caste!

Por millentos anos este estrondo de cascos
nas cortes vellas da lembranza...

Será cecais o curro

todo o que desa Patria sobreviva no mundo?

domingo, 24 de janeiro de 2010

Auga e frauta

Como din ás veces o amigo Vítor, "música ensin pallabres. Nun faen falta".
Pois iso, non fai falta comentario ningún para desfrutar dest reel espido e potente co que nos obsequia Kevin Crawford, frautista (e moitas cousas máis!) do grupo irlandés Lúnasa. Un que toca coma os vellos, ou sexa, coma quen bebe auga e mastiga o pan das mañás.

sábado, 23 de janeiro de 2010

Hardland

Ás veces un encontra ben preto o rabioso oeste, o gaeltacht das borrascas e a saliva quente, os páramos das grandes pozas e das casas deslousadas. O lar da invernía. E non estamos na Escocia, aínda que non nos estrañaría ver deambular a Martyn Bennett por estas paraxes ás que só lles falta o silencio da turba. Estamos ben preto da casa e, ao mesmo tempo, moi moi preto desas illas ás que pertencemos...

terça-feira, 12 de janeiro de 2010

Botando a andar

Pasou hoxe un home con tantos fuciños como días ten o ano, adoitaba dicirme miña avoa a mañá do primeiro de xaneiro. Miña nai erguía as arandelas da cociña de leña e ao velas inzadas de milleiros de pequenas faíscas, sentenciaba: Aínda queda moito inverno!
Pois é, comeza o ano. Reinícianse as inercias e reactívanse as rutinas. Aínda que había tempo que o ano non arrincaba con tanta novidade e con tantos cambios. Agardan por min terras meridionais, alén de ríos e montes aos que apenas lles coñezo outra cousa có nome. E avecíñanse meses de bastante traballiño e quizais algún que outro apuro que sobrelevar. Así que non vos estrañedes se estas leiriñas quedan algo a monte durante un tempiño (que espero sexa o máis breve posíbel), e perdón pola recua innecesaria de diminutivos.
Mais unha cousa non quita a outra, e os bos costumes hai que mantelos, así que nesta entrada de ano quero transmitirvos (aínda que sexa cun algo de demora) os meus mellores anos para este 2010 tan redondo como xacobeo (ben que se han ocupar de lembrárnolo ao longo destes 365 días). Mellores desexos e, por suposto, boa música. Como por exemplo este tema de Xosé Manuel Budiño intitulado "Xogo Tolo" e pertencente ao seu (por agora) penúltimo disco Zume de Terra. Sempre me fascinou esta música obsesiva e delirante na que a voz de Suso de Vilardemouros (en gravación incluída por Mercedes Peón en Raiceiras) contorsiónase até ser parte, raíz e toro dun verdadeiro delirio dance. Como exclamou o escocés Hamish Henderson despois de escoitar Grit, de Martyn Bennett: "What a brave new music!"
Por certo, a cantiga interpretada por Suso de Vilardemouros en forma de asturianada contén unha máxima que ben puidera guiarnos neste ano que bota a andar:
Cantai e bailai, meniñas,
i-alegrai o mundo enteiro,
que os que non cantan nin bailan
son os que morren primeiro.