Mostrar mensagens com a etiqueta CINEMA. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta CINEMA. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 22 de março de 2011

Pangur Ban na abadía de Kells

O outro día, nunha especie de celebración doméstica de San Padraig, tiven a oportunidade de ver unha pequena obra mestra da animación recente: O segredo de Kells. Trátase dunha coprodución canadiano-irlandesa que chegou a estar nominada aos Óscar e que conta coa marabillosa achega musical de Kila, nin máis nin menos. Como o seu título indica, o filme fantasea coas circunstancias que puideron rodear a elaboración desa xoia da iluminación medieval que é o Libro de Kells, fundindo datos históricos con suxerentes delirios visuais só concebíbeis na imaxinación dun irlandés. E é que O segredo de Kells é unha fervenza onírica e case surrealista que, sen dúbida, fai necesarios varios retornos para captar todos os detalles artísticos que emerxen alén da trama como pequenas e luminosas illas.
Falaba de datos históricos, ou histórico-míticos, e hainos a feito. Aparecen os mosteiros de Iona e Kells, aparecen San Columba e os viquingos, aparecen Aidan e Crom Cruach, e aparece un peculiar gato branco que non podía ser outro que... Pangur Bán!



Pangur Ban, Pangur Ban, debes ir a onde eu non podo. Os iniciados no mundo monástico (e poético) do primitivo cristianismo irlandés ben saben que Pangur Bán é o nome do gato que protagoniza un dos poemas máis curiosos daquela época, datado no século VIII e composto no entorno da abadía de Reichenau, na actual Alemaña (proba do alcance acadado polos monxes irlandeses no seu labor evanxelizador, ben estudado e acreditado e cuxas relacións co antigo cristianismo galaico aínda pode dar moitas sorpresas). Déixovos aquí o poema en cuestión, que ousei traducir ao romance de noso. Non o fixen directamente a partir das verbas gaélicas en que foi concebido (non me dá a cabeciña para tanto, por desgraza), senón botando man dun excelente e tan capacitado mediador como é Antonio Rivero Taravillo, ese infatigábel tradutor de textos irlandeses ao español.

O branco Pangur e mais eu
exercemos cada un seu oficio:
el aténdelle a cazar,
eu aténdolle á miña arte.

Eu ben prefiro, antes cá fama,
aplicarme no meu libro;
o branco Pangur non me envexa,
el prefire as súas brincadeiras.

Cando -sempre a mesma historia-
estamos sós na casa,
temos en que ocupar o noso enxeño,
cada un nun xogo interminábel.

A miúdo, após reñidos combates,
un rato cae entre as súas redes;
polo que a min respecta, cae na miña rede
unha difícil lei de intrincado sentido.

El dirixe os seus claros e perfectos ollos
aos muros do seu redor;
eu dirixo á fonda sabedoría
os meus límpidos ollos cansos.

Alégrase, con áxil movemento,
cando un rato fica preso na súa gadoupa;
se entendo algo difícil do que gosto,
tamén eu che me vos alegro moito!

Malia estarmos sempre así,
ningún lle estorba ao outro:
cada un gosta do seu oficio,
con eles gozamos ambos os dous.

El é o único señor
do traballo que fai cada día;
a comprender ben o que é difícil
dedico eu o meu traballo.

quarta-feira, 5 de maio de 2010

Bobby Sands, ou a rabia infectada de esperanza

Hai hoxe 29 anos morría Bobby Sands na prisión de Maze, no fragor daquela greve de fame que levou por diante a vida de varios voluntarios do IRA e do INLA e que marcou un antes e un despois no conflito da Irlanda do Norte. Aínda me estremezo cando lembro aquel vídeo que un paisano de Falls Road nos ensinara no seu móbil, á porta dunha de tantas tabernas de Falls Road. Naquel vídeo sucedíanse imaxes en branco e negro que representaban o multitudinario enterro de Bobby Sands, imaxes da súa irmá co puño en alto, da sinxela e terríbel beleza da bandeira irlandesa pousada sobre o cadaleito, de voluntarios do IRA disparando ao aire...

Isto que conto aconteceu hai algo máis dun ano, nesa inesquecíbel e tanto tempo desexada viaxe a Belfast. Mais non foi até hai uns meses que puiden ver por fin o filme Hunger, e poñerlles rostros (aínda que sexan ficticios ou soñados) a aquelas persoas e a aqueles sufrimentos, transformados polo director Steve McQueen nun exercicio de poesía brutal e terribelmente física. Paga a pena vela, desde logo. Paga a pena vela e despois lembrar o que ocorreu, hai hoxe 29 anos, naquela tristísima prisión de Maze na que a rabia chegou a rimar coa esperanza...