Mais non morre aquí o conto. Como explicar o estourido festivo que sacode Galiza entre a derradeira quincena de xullo e a primeira de agosto? Como entender os curros cabalares, que poboan o noso verán de salvaxes rinchos desde Candaosa a Campedulla e desde Sabucedo á Capelada, sen poñelos en relación cos ritos da realeza e a soberanía que definían o vello Lugnasad e que teñen precisamente no cabalo-Rhiannon un sobranceiro protagonista? A feira, a asemblea, o oenach e mesmo a semántica profunda e granítica da Estadea poden conectarse en última instancia con Lug e co tránsito dos vellos exércitos avanzando cara á chaira onde agardan o túmulo e o corvo. Todo isto sen contar con revivals célticos máis recentes como o Lugnasad de Bretoña ou o Oenach de Sedes, que, a dicer verdade, non sabemos se seguen a celebrarse ou se esmoreceron como tantos outros.
En Galiza, Lug renaceu como San Fins ou San Fiz ou mesmo San Pedro Fiz, advocacións coñecidas e veneradas nos catro recantos do país. Cádrame a min ben preto o de Robra, en Outeiro de Rei, do que xa escrebera hai máis de cen anos Rodríguez López estremecidas palabras: "En San Félix de Robra, casi en las puertas de Lugo, en el Ayuntamiento de Otero de Rey, también se pretende curar a los mordidos por perros rabiosos por medio de la llave candente de la iglesia, aplicada en nombre del santo". Mais se hai un San Fins que transparenta aínda a lembranza do Lugnasad, ese é o San Fins do Castro, cuxa romaría se erixe en protagonista central do primeiro día de agosto aló onde Bergantiños se confunde con Soneira. Neste sentido, nada mellor que resgatar un artigo de José de Cora (co cal, por outra banda, calquera coincidencia ideolóxica non deixa de ser mera casualidade), incluído no seu Calendario de Galicia e que lembra as orixes, decadencia e rexurdir deste Lugnasad remasterizado, adornado hoxe con deliciosas extravagancias como o berro seco ou o santo da pólvora.
E que mellor ramo para estas letras que unha peza de Milladoiro directamente relacionada co tema e as xeografías que nos ocupan? Trátase da polca precisamente intitulada "O santo da pólvora". Que gostedes e bo Lugnasad!
San Fins do Castro_________________
Saturnino Cuíñas Lois entendeu desde a súa chegada a Cesullas como párroco que o seu labor apostólico debía ir parello ao mantemento e recuperación do folclore, e lonxe de loitar contra el, como adoito facían os sacerdotes que propugnaban a modernidade, afanábase en lle procurar o meirande auxe posíbel.
O ponto culminante é a romaría do San Fins do Castro, abatida e amortuxada en abril de 1931. O proceso completo iníciase o 25 de xullo, cando soben desde a igrexa de Santo Estevo de Cesullas até a ermida as imaxes do santo, da Virxe dos Remedios e da Virxe do Carme, onde permanecen até o 1 de agosto. Ese día, xa desde pola mañá cedo, comezan a chegar romeiros para iniciaren os rituais hídricos na fonte. Gaiteiros e pólvora encárganse de que a xornada sexa soada xa desde primeira hora.
Á unha é a misa maior e o Hino a San Fins, cuxa letra escrebe don Saturnino: Meu santo san Fins do Castro / avogoso das verrugas; / lávanse na túa fonte / e quédanse sen ningunha. Obsérvese que o sacerdote subliña o aspecto apotropaico do santo e comprácese nel.
A continuación tócalle a vez ao berro seco. Os romeiros, postos de xeonllos e collidos das mans, érguense e abáixanse até tres veces, ao tempo que berran un "ooouuuu...", que é a fórmula dos canteiros de Cotobade, concello natal do crego, á hora de se axudaren cunha voz para ergueren grandes moles de pedra. Outros prefiren ver un entronque con ritos celtas e castrexos do Lugnasad. E non falta quen o simplifica nunha simple estrataxema do cura para verlles as pernas ás mulleres.
Nunha entrevista a un xornal, Cuíñas mantén este curioso criterio: "Xa sei que a miña opinión non é compartida por moitos, pero a min o aturuxo non me parece un grito varonil, como debera ser un grito celta... O viril, o que vale de verdade, é o que eu chamo berro seco".
_______________________________________
Sem comentários:
Enviar um comentário