Vai xa para algo máis dun ano que, lendo un dos meus blogues habituais, souben do proxecto en que andaba embarcado o prodixioso e pouco menos que lendario acordeonista escocés Phil Cunningham. Tratábase dun programa intitulado The world accordion to Phil, unha de cuxas entregas ía ter como protagonistas a música e a cultura de Galiza, con Carlos Núñez como anfitrión. Os amantes do noso folque de seguro que teñen entre as súas cancións inesquecíbeis aquel "María Soliña" na que Carlos e Phil, acompañados por Teresa Salgueiro e Liam O'Flynn, daban o mellor de si mesmos na reelaboración musical deste poema de Celso Emilio Ferreiro. En miña opinión, foi esta (e aínda o é) a mellor e máis profunda versión musical que se ten feito dese texto. Mais para gostos hai cores, por suposto! Déixovos aquí as imaxes da andaina do máis pequeno dos irmáns Cunningham por terras galaicas. Recoñeceredes, á marxe do omnipresente Santiago de Compostela, outras paisaxes como o monte Louro, a Pontenafonso ou os altos páramos de Carnota e Mazaricos, tan semellantes en fisionomía e evocacións aos páramos do país escocés. E, como fondo, os ecos tristísimos desa María Soliña de frauta e acordeón.
Se me permitirdes o autoplaxio, e para irlles pondo fin e remate a estes días nucleados ao redor do bon e santo Patricio de Irlanda, recupero aquí un pequeno texto (algo ampliado e corrixido) do meu antigo blogue, relativo ás semellanzas entre o patrón das hibérnicas xentes e algúns dos nosos santos de máis renome. Claro que nisto, como en case todas as demais cousas, doutores ten a Igrexa, e de seguro que algunha burradiña ou esaxeración vai polo medio, mais aínda que o texto non valla un peso, sempre poderá salvarse polas musiquiña con que o acompaño. Son dous temas que ben coñeceredes, e que Carlos Núñez incluíra naquel fermosísimo Almas de Fisterra: a primeira, "Yan Derrien" (só encontrei a versión en francés), fala da peregrinación dun mozo bretón ao santuario de Santiago de Compostela; e a segunda, "Saint Patrick's Polka", fala doutra peregrinación, a da alegría desbordante do Día de San Padraig. Deseguido veredes a relación entre a unha e mais a outra...
"[...] Na nosa terra non podemos ser alleos a esta realidade, sobretodo se temos en conta que, como ben afirma José de Cora no seu Calendario de Galicia, "a historia de San Patrício pode construírse desde Galiza con retallos dos nosos santos e poetas". Semella incríbel, mais é certo. Moitos dos episodios míticos que protagoniza o padroeiro dos irlandeses nas súas prédicas pola Illa Esmeralda reprodúcense con prodixiosa e suxerente exactitude nestoutra banda do mar, algo que doadamente sorprendería a quen non estea familiarizado cos substratos culturais e ideolóxicos dos pobos galego e irlandés. Deste xeito, a figura de San Padraig é homologábel en moitas ocasións á do apóstolo Santiago, pois ambos os dous foron utilizados (implementados, diriamos hoxe) nos seus respectivos países de adopción para cristianizar uns determinados costumes e uns lugares e paisaxes ás que que estes se encontraban asociados desde a noite dos tempos. Se Santiago (ou Prisciliano, ou Elvis Presley se quixerdes, que máis terá?) descansa baixo as lousas da Catedral de Santiago de Compostela (ese "facho do cristianismo atlántico", como escribira Otero Pedrayo), outro tanto acontece con San Padraig, cuxos restos repousan uns milleiros de quilómetros ao norte, na Catedral de Downpatrick (Ulaidh/Ulster), que non é outra cousa que Dún Padráig, ou "fortaleza de Patricio". A predicación de Santiago nas terras galaicas (polo demais moi pouco exitosa) está estreitamente ligada ao Pico Sagro (en Boqueixón), noutrora coñecido como monte Ilicino, un enclave dotado de riquísimas pervivencias pagás e polo que vaga o recordo de Pepa a Loba, digo, da raíña Lupa, gardadora de riqueza, dona dos touros bravos, poderosa e selvaxe amante. Pois ben, a montaña sagrada de Croagh Patrick ou Cruach Phádraig (en Mayo, ou Maith Eo en irlandés), inzada de milladoiros por certo, vén sendo a versión irlandesa do noso promontorio galego, ao que lle imita mesmo na feitura. É aí, en Cruach Phádraig, onde se encontra a cama de San Padraig, equiparábel en fondo e forma ao leito de pedra do Santiaguiño do Monte (Padrón), no que seica se deitou o Apóstolo, ao igual que fixeron tantos outros santos galegos e irlandeses en penedos similares (a cama do San Xulián no monte Aloia, a cama de San Guillerme en Fisterra...), vinculados subterraneamente á morte e á fecundidade.
E se no Purgatório de San Padraig, na cova de Station Island (que deu título a un dos poemários máis vibrantes de Seamus Heaney), pode o peregrino superar en vida as penas todas do Purgatorio, deixando así un traballo feito para o momento do transo (ben din os vellos que "traballo feito non corre présa"), outro tanto acontecía na cova de Santiaguiño do Monte e, segundo conta Alonso Romero (que destes temas sabe o que non está escrito), tamén na fisterrá ermida de San Guillerme, non moi lonxe do sartego da Orcavella, que en gaélico se facía chamar Cailleach Bhearra. Mais os lugares máxicos pouco son sen as palabras que os fan sagrados e, á súa maneira, inmutábeis. E tamén para Santiago e San Padraig foron ditas moitas veces as mesmas palabras e soñadas as mesmas lendas. San Padraig desterrou as serpes do Eire, e outro tanto fixo o alcumado Fillo do Trebón en Galiza. Porén, neste ponto a nosa mitoloxía presenta maior dispersión, pois na Costa da Morte esa expulsión dos ofidios atribúeselle a San Adrán, avatar cristián e barqueiro (con iso xa se di todo) dun vello deus da morte. Foi el quen os fechou a todos baixo a soada Pedra da Serpe de Gondomil (Ponte Ceso), unha cruz de pedra gra fermosamente traballada polos canteiros bergantiñáns e en cuxa base pode observarse a efixie dunha serpe alada. Sincretismo de cultos? Moi probabelmente, aínda que a serpe pareceu ser tallada en tempos relativamente recentes (por recentes queremos dicir hai uns quiñentos anos, aproximadamente). O caso é que unha das cobras fuxiu do marteiro, e o santo perseguiuna até darlle alcance e esmagala co seu proprio pé. Aínda hoxe, no monte Beo (Malpica), pode contemplarse a serpe petrificada, coa pegada de San Adrán afundida no seu lombo. Como vedes, a San Padraig só lle faltou verse involucrado no asulagamento dalgunha cidade maldita, como o estivo Santiago nos afundimentos de Duio e de Corrubedo (dixo Santiago: "Corro y veo!"), para o podermos venerar como un santo galego máis. De aí a celebrarmos o vindeiro San Padraig cunha boa botella de viño Albariño na mesa tan só hai un paso..."
Lémbranos hoxe o amigo Innisfree a figura e a lembranza dun deses poetas-guerreiros que só poden parir os megálitos da afastada Irlanda. Un deses homes que vían estrañas e iniciáticas semellanzas entre a anatomía da pena e a do fusil, entre o cheiro á tinta e o recendo á pólvora. Deses tolos doutrora que, parafrasando a Jean Markale no seu traballo sobre a poesía antiga irlandesa, retorcen a imaxe poética e arrebólana coma unha arma contra os ollos de quen le, ou de quen se precipita na lectura. Imaxes duras, contundentes, oníricas por veces, que, como no poema de Thomas Kinsella, arden no cérebro e sementan o desconcerto entre as grisáceas tropas que por nós agardan, asentadas no páramo, mastigando osamias de balea.
Chamábase Charles Donnelly, facía parte da famosísima Quince Brigade que loitou na España contra a sublevación fascista e deixou a vida na batalla do Jarama, alí onde se percatou de que até as mesmísimas olivas eran capaces de sangrar. Even the olives were bleeding. E das mesmas leiras de Innisfree vou roubar un poema deste Charles Donnelly e vou ousar polo en chafalleiro romance galego, pois na nosa lingua sempre tivemos querencia polos corvos, sexan os de Owen/Xallas (que se han deixar caer por aquí en breve), sexan os que Cunqueiro coñeceu pola comarca mirandesa. Mais coidado, porque estes corvos traen os fígados abertos de par en par e por eles supuran os residuos dunha guerra que rematou e non rematou...
A tolerancia dos corvos
A morte chega abundante desde problemas resoltos sobre o mapa, desde sabias disposicións, desde ángulos de elevación e de tiro;
chega inocente desde artiluxios que os nenos quererían usar e gardar debaixo da almofada, e inocentemente empala calquer corpo.
Após a carne cae tamén a mente, sae o pensamento da mente e tronzan os proxectos enfocados cara á degoirada meta.
Detense o avanzo do veleno nos nervos. Colapso da disciplina. O corpo xa só agarda a tolerancia dos corvos.
Final que é comezo. Morte a enlazar coa vida. Como facer o amor en leitos de granito, como encher a boca coa épica dos trasavós. Defuntos, ou Santos, ou Samhain, ou Samonios, a fin do verán e da luz e das lavercas. A invernía precipítase sobre o mundo: terra lenta, enchoupada, fulgores decadentes, espellos rotos zarrapican a paisaxe. Tamén dentro das casas, dos fogares, das lareiras de outrora, hai algo que cambia. Afrouxan os gonzos e as castañas estalican dolorosamente entre a música barroca do lume vello de sempre. Cada castaña que comas, meu ben, mo thobar, é unha alma que arrincas do inferno. Cada castaña que estoupa, unha alma que se perde para sempre. Así de doado agroma o trasmundo tan preto dos pratos fumegantes de caldo, do touciño recendente, das raíces do pan, das caras inchadas e coloradas coma cabazas. Pois o Alén latexa nas lacenas, nas maos dos mortos, nos ollos do gato, no silencio da artesa e da mazaroca e da pataca. Agora, nesta noite que comeza, cando os sidhe saen estragar as amoras derradeiras e do corazón do túmulo emerxen as voces e os cánticos e o ferro. Cando as xentes de meu, aló en terra de Soneira, tallaban grandes cabazas que puñan enriba dos chantos da Casqueira, para espanto dos camiñantes e gargallada dos trasnos. Cando outras xentes que tamén son de meu, aló en terra de Montes, soben a Portalén e parolan do divino e do humano con algunha bisavoa riseira de branquísimos cabelos e negra touca. Cando os pícaros de Mondoñedo saían pedir porta por porta o migallo, e o padre Vázquez de Orjas procuraba con desespero e cobiza aquel ouro sagrado dos gentiles galigrecos. Non esquezas, meu ben, pois esta noite que se achega a memoria e a lembranza é necesaria e todo desemboca nela. E lembra así dispoñer un prato máis á mesa, e deixar a porta entreaberta por se unha almiña dos teus quixese vir quentarse ao teu lume, e non te tente o demo de varrer a cociña! E ogallá recuperes aquel músculo do desenfreo e do trance, dos rostos deformados e ruborizados pola augardente, das palabras esvarando coma poldros selvaxes en Morgadáns ou na Capelada. Da orxía que libera e comunica. Porque é esta noite axeitada para Ver e Contar.
("A Noite Pecha", do álbume Almas de Fisterra de Carlos Núñez. O tema conta coa colaboración de Alan Stivell, na súa única incursión cantando en lingua galega)
A miña estadía dos últimos meses en Lisboa serviume, entre outras cousas, para cavilar sobre a sempre problemática relación do mundo galego con esa entidade un tanto difusa e desconcertante aínda para moitos galegos como é a Lusofonía. Unha das conclusións ás que cheguei é que a articulación entre esas dúas realidades, aínda que necesaria e seguramente imparábel, debe realizarse dentro dun marco máis amplo que é o atlantismo, ese mantra acuñado polos homes da Xeración Nós e que cada certo tempo reaparece en certos círculos da sociedade galega. Cando un observa desde o Miradouro de Santa Luzia, en Lisboa, a desembocadura do Tejo e evoca as barcas novas da cantiga de Johan Zorro desvirgando mundos comprende que non pode ser doutro xeito. É nese atlantismo onde o ser galaico, repartido entre as costas de Irlanda, os petroglifos da Armórica e os areais branquísimos do Brasil, podería encontrar un certo acougo e sentido. Algo diso intuíu Carlos Núñez no seu Alborada do Brasil, que quizais co tempo acabe sendo unha sorte de manifesto musical para os que acreditamos no potencial creativo dese mito atlántico. Hai concretamente un tema dese disco no que converxen, de xeito intuitivo e case impresionista, algúns dos símbolos ao redor dos cales poderiamos repensar tales vínculos. O tema (que moi a miúdo me resoaba na memoria durante as miñas camiñatas lisboetas) chámase "Nau Bretoa", e a respeito dela escribe Fernando Conde evocadores comentarios. Tras lelos, un imaxina negros, bretóns, galegos de aquén e alén Miño, e unha forza nova chamada Brasil nacendo da colisión de todas esas tribos atlánticas...
Do mesmo xeito que encontramos no Brasil a conexión galega ou a irlandesa, tamén a hai bretoa. Por exemplo, Caramurú, que non se sabe se era da Coruña ou de Viana do Castelo (galaico de todos os xeitos), naufragou a comezos do século XVI e foi acollido polos indíxenas, namorando da india Paraguaçu, coa que tería os primeiros fillos mestizos do Brasil; con ela viaxou á Bretaña, onde foi bautizada, en Saint Malo, e casaron. Nau Bretoa chamouse tamén un barco bretón que en 1511 foi o primeiro en levar escravos negros ao Brasil e en comerciar coa madeira chamada pau-brasil. É curioso que a Santa María de Colón, chamada en orixe La Gallega, non era en realidade unha carabela, senón tamén unha nao ou nau. O grande artista pernambucano Lenine contoulle a Carlos que o seu avó era bretón e que despois de tocar en Galiza, estaba convencido de que a música nordestina eran con efecto "ecos chegados a través do Atlántico". Lenine canta con mestría unha belísima ciranda de letra mariñeira e Carlos respóndelle (evocando as cornas pastorís galegas ou berrantes no Brasil) con un aboio nordestino, equivalente aos cantos de bois galegos. Segundo o compositor nordestino Guerra Peixe, a súa orixe estaba nos Aboios do Minho [...]
Dicía Castelao nalgún parágrafo do Sempre en Galiza que non acaba de comprender como os galegos, voluntariosos e mesmo temerarios no plano individual, aparecían sempre coma unha grei derrotada e tremelante no plano colectivo. Para o grande ideólogo do nacionalismo galego, o punto de inflexión foron as derrotas que se sucederon ao longo dos séculos XIV e XV: as dúas guerras sucesorias, as dúas revoltas irmandiñas e o sometemento da aristocracia galega por parte dos Reis Católicos serían as responsábeis dese pouso de fatalismo (chamémoslle así) que seica nos acompaña aos habitantes desta leiriña noroccidental cada vez que nos embarcamos nunha empresa colectiva. A retranca, o mito do galego desconfiado, o noso conservadurismo a proba de contrasinais e cen mil tópicos máis desta caste terían tamén aquí a súa raíz última, porque ben se sabe que o gato escaldado á auga fría escapa.
Mais tamén é ben coñecido o tópico da melancolía irlandesa. Ese tópico tan inxustificado e ramplón que lle fixo exclamar a G. B. Shaw: Se volvo escoitar falar da melancolía irlandesa, son quen de matar a alguén! Porque, certamente, nada hai máis contrario á melancolía, á saudade e ao amorriñamento enfermizo ca un irlandés. Se cadra botaba de falta Afonso Daniel grandes xestas militares que os galegos puidésemos celebrar. E non coñecía Afonso Daniel tales fazañas, se non as coñecen aínda moitos dos nosos propios paisanos, é porque ninguén se preocupa de revelarnos a súa existencia, de ilustrarnos sobre eses episodios nos que fomos algo máis ca un rabaño manso agardando a ser trosquiado. Evidentemente, a óptica ibérico-mediterránea aínda espalla a súa sombra sobre os libros de historia, sobre os métodos de ensino, sobre o que é e non é merecente de visibilidade social. Por iso endexamais veremos un filme baseado nese episodio inaudito e estremecedor que foron as guerras irmandiñas, e que daría para un Braveheart en clave de gheada. Ou por iso nos seguen a soar moito máis Covadonga ou o Madrid de 1808 cá batalla de Ponte Sampaio ou a batalla de Kinsale.
Porque na batalla de Kinsale, meus amigos, houbo moito aceiro galego. Claro que para iso temos que nos remontar ao ano do Señor de 1592. O conde Hugh O'Neill (dos O'Neill de toda a vida) sublevárase contra o poder inglés, dándolle comezo á Guerra dos Nove Anos. Foi entón cando Felipe III, á sazón rei de Castela e tirano das Españas, viu a oportunidade de amolar os seus acérrimos inimigos da pérfida Albión, e así foi que en 1601 embarcaron no porto da Coruña varios milleiros de soldados procedentes dos reinos de Galiza e Castela. Entre eles salientaba un nutrido continxente de tropas comandado polo galego Afonso Ocampo, que ao chegaren a Irlanda acudiron en axuda dos chieftains Dohmnaill (O'Donnell) e Sualabhain (O'Sullivan) para marcharen ao seu carón cara a Kinsale, onde se libraría a grande batalla, quizais un remedo ou un ensaio (permitídeme esta fantasía) desa Batalla do Porco Negro da que aquela vella labrega irlandesa lle falara a Yeats e que non sería outra cousa segundo ela cá grande conflagración final entre Inglaterra e Irlanda, entre a opresión e a terra. Algo diso se cheiraba seguramente nos páramos de Kinsale aquel 3 de xaneiro de 1602. Testemuñas houbo que louvaron a bravura do capitán Ocampo, ese xabaril furioso que Thomas D'Arcy McGee definiu desde o asombro e o respecto como a gallant leader, e que se cadra adquiría na cólera do combate a cor das bagas do sabugueiro. Os seus centos de galegos de seguro que segaron un bo brazado de vidas inglesas. Mais, evidentemente, cando galegos e irlandeses se xuntan nunha batalla, esa batalla non pode ter máis final cá derrota. Non se trata de sucumbir ao fatalismo; trátase de lles facer caso aos antecedentes. Mais ninguén dixo que houbese que gañar. Do que se trataba era de dar guerra e de pór un coio molesto na inmensa bota imperial inglesa. E iso conseguiuse, xa ora! Vencida a rebelión, produciuse o tantas veces nomeado exilio dos condes irlandeses, o comezo da fin da civilización gaélica ou, dito en termos que nos serán máis familiares, a doma e castración de Irlanda. Millentos homes, mulleres e nenos abandonan Irlanda desde Galway e Waterford para pór rumbo á Coruña, a mesma ruta que uns meses antes fixeran as naos do rei de Castela. Un deses exiliados foi o conde O'Donnell, que chegou á Coruña o 14 de xaneiro entre grandes honores e cuxa primeira decisión ao pisar chan galego foi visitar a Torre de Hércules. Pois O'Donnell, como todas as nobilísimas liñaxes da illa, era sabedor de que de alí partiran as naves de Ith e Milidh Spain, como quen di, os seus trasavós, os antergos, os poboadores de Irlanda. Desta mesma época data a construción do Colexio dos Irlandeses de Santiago de Compostela, aínda hoxe en pé, e cuxa finalidade sería instruír e educar os fillos dos exiliados irlandeses. Dos que viñeran e dos que habían vir. Entre as paredes dese colexio, quizais nunha noite de tronada e corisco coma esta que hoxe nos envolve, (re)descubriu Manuel Murguía o Leabhar na Gabhala Erenn ou Libro das Invasións de Irlanda, ese de onde emerxería, reformulada desde o prisma do celtismo galego decimonónico, a figura de Breogán, que máis ca chefe céltico (sabémolo hoxe) habería que interpretar como deus dos mortos, como ese Deo Lari Bero Breo do Facho de Donón. Mais esa xa é fariña para outra muiñada, e das longas... Os irlandeses non esquecen aqueles días de xaneiro, nin tampouco o sangue galego apozado nos páramos de Kinsale. Por iso en 1992, en conmemoración do 390 aniversario daqueles feitos, Bill Whelan (pai do fenómeno Riverdance) veu estrear á Coruña a súa sinfonía From Kinsale to Corunna, unha feliz conspiración do mellor da música irlandesa do momento cos galegos de Milladoiro e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Uns anos máis tarde, Carlos Núñez perpetrou con The Chieftains o tema "The Flight of the Earls", un set de temas tradicionais irlandeses incluído no primeiro álbume do gaiteiro de Vigo e cuxo título, obviamente, lembra aquel frío e doloroso exilio que converteu en galegos a moitos irlandeses. Como non encontrei vídeo desa peza, déixovos outro que ilustra igualmente esa irmandade e que ademais é unha auténtica xoia para un folkie: trátase da actuación de Carlos Núñez e The Chieftains cando viñeron presentar no programa Luar da TVG aquel mítico disco intitulado Santiago, alá polo ano 1996 (despois de Cristo, claro, que co Luar nunca se sabe). Foi entón cando se soubo que Paddy Moloney tolea polo polbo á feira e pola pescada. Chámalle burro ao cabalo... E con estes ritmos de valse fronteirizo quizais sexa momento de desexar que a próxima fazaña que nos cadre compartir a galegos e irlandeses acabe en vitoria. Por aquilo de cambiar o argumento da película. E para que, por unha vez, Castelao non teña a razón.
É un artista controvertido desde que o seu nome comezou a resoar no complicado mundo da música folque galega. Sobre todo desde que rachou inesperadamente moitos tabús tacitamente asumidos a comezou a explorar os camiños da mestura. Primeiro foi o flamenco, naquel célebre e polémico Os amores libres no que lendas vivas da música celta como Paddy Keenan o The Chieftains tocaban por alboreá e fandango, e redescubriamos un pouso moreno e sureño nas tradicións en absoluto monolíticas desta nosa beira atlántica. Seguiulle algo despois a música pop en Mayo Longo, as tradicións musicais das fisterras galega e bretoa en Almas de Fisterra / Un galicien a Bretagne e, xa máis recentemente, no desconcertante Alborada do Brasil, atreveuse a extraer a medula galaica que palpitaba desde hai máis de quiñentos anos nos ritmos brasileiros.
Discutido, a miúdo criticado por cuestións peregrinas, cando non absurdas. Achácaselle endeusamento, por exemplo. Calquera que acudise a algún dos seus concertos e se achegase a el para pedirlle a sinatura dun disco comprobará que nada hai máis lonxe da realidade. E cal é a realidade? A realidade quizais podería resumirse así: un músico que ama os seus instrumentos e sabe extraer o mellor deles; unha enciclopedia das músicas tradicionais e as súas infinitas interconexións, alén dos mares e das terras, de Galiza á India, de Irlanda ao Brasil, de Andalucía a Cuba; unha capacidade estremecedora para transmitir eses coñecementos a través dos seus traballos; e, sobre todo, unha vontade de innovación que non vacila cando toca distorsionar e retorcer os canons coñecidos, e que deste xeito lles foi franqueando portas a moitos outros artistas desta nosa leiriña do Noroeste. A máis dos que poida parecer, moi seguramente.
Fará falta dicir que falo de Carlos Núñez?
Seguramente se notou bastante que o gaiteiro vigués sempre foi un dos meus tres ou catro músicos máis admirados. Mais é que hoxe cómpre felicitalo moi especialmente, tendo en conta a noticia da que se fan eco os principais medios galegos: Carlos recibiu o Ireland's Music Awards na categoría de mellor artista europeo. A cousa ten mérito non só porque o noso gaiteiro conseguiu imporse a artistazos da talla e calibre de Michael McGoldrick, Capercaillie, Salsa Celtica ou Flook (ou sexa, coma quen din, uns pobriños de pedir polas portas...), senón porque Carlos converteuse por agora no primeiro músico non británico que recibe este galardón. Así que, para conmemorar tanto dato xunto, que mellor que gozar dun vídeo que sirva cando menos como pequeniña homenaxe ao noso artista. O que vos deixo aquí pertence a aquel mítico concerto no Parque de Castrelos (Vigo), vai xa para cinco anos, e é un set de pezas irlandesas (a primeira delas, "Banish Misfortune", unha das miñas predilectas) tocadas na compaña dos seus mestres The Chieftains, dos irmáns Pilatzke e da bailarina Cara Butler. Con solo de percusión a cargo de Xurxo Núñez incluído. Espectáculo, nervio e enerxía son as palabras que se veñen á cabeza cando un ve estas imaxes e se enchoupa destes ritmos. A quen non lle gustaría estar aí, no escenario, fabricando cada melodía canda a todos eles? Non digo máis, que gostedes!
Non hai árbore máis difusa có ulmo, que medra a medio camiño entre a auga e a terra. Como quen di, é árbore de límite, de tremedal; dese pantano que para Heaney era "a paisaxe que lembra todo canto lle aconteceu". Nin hai cousa máis mol e fronteiriza cá arxila, que se derrete entre os dedos mentres agarda pola súa forma definitiva, esa que lle virá dada pola sabedoría e o lixeiro ollo do ourive. Benvidos pois a esta terra fronteiriza habitada polas teimas e obsesións dun tal Ulmo de Arxila...