quarta-feira, 13 de abril de 2011

E de novo, Tuenda

Coñecinos vai xa para dous anos, e produciron en min un fascinio difícil de describir. Pasados uns meses, naquel tempiño que botei en Lisboa (breve, intenso, desconcertante, contraditorio), fixéronme moitísima compaña. Podo dicir sen medo a me trabucar que Tuenda púxolle a banda sonora a aquelas tardes de chuvia, ás noites de involuntaria vixilia, e tamén por suposto ás longas viaxes de regreso á casa. A beleza terríbel do Romance del penitente, o sentimentalismo rudo e primaveral das añadas, dos ramos, das alboradas. A ledicia solar das danzas, das xirandiyes. E o amor por toda a parte: "Vo pa Llanes, vo pa Llanes / vo pala bolera nueva / non voi por xugar los bolos / voi por ver la mio morena".
A voz de "Ambás" como elo, como cadea dourada, garantía da continuidade ergueita desde a mornura calma das cociñas. A xenialidade de Pepín de Muñalén dinamitando fronteiras tenues e inservíbeis. E o acompañamento discreto mais imprescindíbel de Elías García.
Collinlles aprezo aos rapaces de Tuenda e por iso celebro que acaben de editar a terceira entrega desa auténtica operación de resgate e reconstrución en que se embarcaron hai uns anos. O título é ben pouco orixinal (Tuenda 3), mais o pouco que nos foron adiantando promete compensalo.
Para os que non poidamos estar mañá en Uviéu no seu concerto de presentación, e mentres agardamos ter o disco nas mans, irémonos conformando con saborear de novo os vellos temas. Permitídeme compartir con vós algún deles.




Sem comentários:

Enviar um comentário