terça-feira, 5 de abril de 2011

Introducindo abril

Ogallá todos os días nos reincorporásemos ao mundo baixo o imperio do sol e do riso, coma quen vive perpetuamente contaminado pola loucura de abril, coma quen sente cada mañá as fervenzas do sangue a anegar as mansións internas. Ogallá todos os días pronunciásemos palabras grandes, tenaces, violentas mais, ante todo, palabras infectadas dunha alegría irredutíbel como os sotaques do oeste.
E pois que de palabras falamos, ogallá non pasase un só minuto sen que nos viñesen á cabeza aquelas coas que un monxe irlandés de hai mil e pico anos resumiu o que debe ser (intuímos, sabemos) a felicidade de se sentir vivo e palpitante:

Hoxe síntome envolto pola forza do ceo, a luz do sol, o brillo da lúa, o esplendor do lume, o ímpeto do raio, a velocidade do vento, a profundidade do mar, a estabilidade da terra, a dureza da rocha...
E que tal se facemos un nó nas liñas do tempo e acompañamos o misticismo medieval irlandés con estes impactos de violín ao máis puro estilo McIsaac, quer dicer, tempestuoso, excéntrico, agresivo?

Sem comentários:

Enviar um comentário