quinta-feira, 5 de novembro de 2009

Redobla, redobla, tambor de Ibias

Nos últimos tempos, como xa se deducía en parte dun post anterior, a miña curiosidade levoume polos vellos camiños desa comarca estraña para moitos galegos que é a Terra do Eo-Navia. E digo estraña porque, para ben ser, esta comarca nin tan sequera ten nome de seu ou, por mellor dicir, carece dun nome que sexa aceptado de xeito unánime polas partes que aínda hoxe preitean pola súa causa. Porque onde nosoutros dicimos Terra do Eo-Navia, os asturianistas recalcitrantes prefiren Terra do Navia-Eo, con todas as implicacións (e complicacións) que acaba por te esta mínima cuestión terminolóxica. E iso sen entrarmos na lameira da lingua, por suposto. Se por min fose, e desde a información escasa pero fiábel que fun recompilando a base de traballar con documentación medieval da zona, a denominación que mellor lle acaería a esa franxa de terra longa e áspera coma unha cobra sería máis ben Terra de Entrambasaugas, ou Terra de Entrambasauguas. Mais o conto vai para longo, pois galegos e asturianos temos unha querencia pouco menos que atávica por vivir cunha leiriña na cabeza. Cousas do Noroeste.
Mais a música vai por outras corredoiras, e os pentagramas e os ritmos de sempre choutan de leira en leira e de tenza en tenza cunha impunidade admirábel. Así que volvemos onda Ambás para escoitalo a el e a outros músicos asturianos (Pepín de Muñalén na frauta e Elías García no bouzouki) nesta reelaboración dun cantar tradicional da aldea de Vilarmeirín, no concello de Ibias, terra de pandeiras e birimbaos á que Luar Na Lubre lle dedicara unha fermosa peza no seu álbume Espiral. Sabemos que Ibias linda pola súa cara occidental co concello lugués de Navia de Suarna, até o punto de que hai unha aldea dividida entre Galiza e Asturias por un simple camiño (ás veces a paisaxe dános sen esforzo as metáforas máis acaídas!).
É esta unha reelaboración fermosa. O cantar entra de cheo na mellor tradición galega, a nivel lingüístico, estrutural e temático. A instrumentación, en troques, conecta coa sonoridade que se veu impondo no folque asturiano desde os primeiros anos 80. Velaí o interese desta gravación, cavilo eu: esa síntese non sei eu se intencionada ou meramente fortuíta, mais que nos pon cara a cara cun outro folque posíbel, cunha liña estética se cadra moi distante da que tenden a practicar os grupos galegos actuais mais que non deixa de ter o seu atractivo.

2 comentários:

  1. Non vou afirmar nada que non diga a Terra de seu. As fronteiras nunca son valados, nin marcos, nin encolleitas. As fronteiras son camiños que percorrer uns de par dos outros, camiños a través dos que parolar cos da outra beira, corredoiras que se prestan aos cantares. Non importa se son Muiñeiras ou Molineras, o caso é que vaian afinadas. Como exemplo:
    "Que vengo de moler, morena
    de los molinos de enfrente.
    (bis)
    Dormí con la molinera, aioléolé
    dormí en la cama caliente,
    que vengo de moler, morena."

    "Pepucho chegou ao baile,
    veu todo cheo de fariña.
    (bis)
    El muiñeiro non é, aioléolé
    eu non sei a quen se arrima
    que vengo de moler, morena".

    Quen non atope fronteiras que fan camiños e non valados nesas coplas (cantadas pola mesma señoriña) nunca poderá entender que os marcos están feitos para seren movidos.

    ResponderEliminar
  2. Pódese dicir máis alto e noutras moitas linguas, mais non mellor. Os marcos están feitos para seren movidos, e mesmo cancións que criamos forxadas noutras raias da nosa terra acaban sendo comúns segundo parece a este estado de ánimo que chamamos Noroeste. E para mostra, esta peciña de Felpeyu que segurísimo que che soa familiar:

    http://www.youtube.com/watch?v=8tgqjGcJ6fY

    Saúdos!

    ResponderEliminar