terça-feira, 29 de setembro de 2009

A mazá do derviche

Chámanse Dervish e houbo un tempo no que estiven verdadeiramente namorado da súa música, do seu ritmo e da estraña pero obsesiva voz dos seus cantantes, Cathy Jordan e Seamus O'Dowd. Tamén do seu nome, dervish, que evoca a palabra inglesa coa que se nomea os famosos monxes xiróvagos do mundo islámico...
Aínda hoxe conservo case todos os seus álbumes, desde aquel inxenuo e case espido The Boys of Sligo até o máis recente e innovador Spirit. A ver se consigo o último, de hai un par de aniños e co suxerente título de Travelling Show.
Algúns lembrarán que foi esta a banda que representou a Éire no Festival de Eurovisión de haberá dous ou tres anos, antes da gloriosa e imponderábel incursión do Pavo Dustin. Mais o certo é que nin así conseguiron os curmáns irlandeses un resultado digno nese certame que xa hai ben tempo que deixou de selo.
Déixovos aquí unha gravación de Dervish no ambiente propicio no que todo músico irlandés sabe que vai dar o mellor de si mesmo: un pub. A música sempre sabe máis limpa e poderosa cando o único intermediario é unha pinta de cervexa. Por certo, a peza (das máis coñecidas do grupo) chámase An t-Úll (literalmente, "a mazá").
Arú!

Sem comentários:

Enviar um comentário