quarta-feira, 24 de agosto de 2011

Do outro lado da dor

Estase a celebrar nestas datas o International Book Festival de Edimburgo, a "Vella Cheminé" cuxas rúas se converten todos os veráns nun fervedoiro de cultura moderna e universal. E, segundo puiden comprobar, varios dos actos centrais deste evento van xirar ao redor do centenario do nascimento de Sorley McLean, ou Somhairle Mac Gill-Eain, que tal foi o seu chamadoiro en gaélico e que sobresaíu como o meirande poeta que deu ese idioma en todo o século XX. Así que quizais sexa unha ocasión perfeita para recuperar algúns dos seus versos, tan queridos e versionados por algúns dos mellores músicos escoceses. Velaquí un exemplo dos máis requintados: "The other side of sorrow", a estremecedora tradución musical que fixo o violinista Alasdair Fraser dun poema que McLean lle dedicou ao monte Cuillin, na illa de Skye. O tema está recollido no álbume que Fraser gravou en directo coa súa banda Skyedance durante unha xira por Galiza, Asturias e Euskal Herria, vai xa para dez anos.
Alén dos lagos de sangue
dos fillos dos homes,
alén do cansazo da planicie
e da laboura da montaña,
alén da pobreza, da destrución,
da febre e da agonía,
alén da adversidade, do erro,
da aflición e da tiranía,
alén da miseria, do desespero,
do odio, da traizón,
alén da culpa e da corrupción,
veredes o Cuillin,
vixiante e heroico,
xurdindo do outro lado da dor.



sexta-feira, 12 de agosto de 2011

A sorte do escocés

Aínda que ben poderiamos pór, no canto de "escocés", calquera outro xentilicio periférico, dotado da mesma escuridade xorda, pois as raíces da rabia e a lama que infecta os nosos soños veñen sendo as mesmas...


terça-feira, 9 de agosto de 2011

O herexe de Traba

Aproveitando a nosa cita anual coa Carballeira de Zas, a pasada fin de semana achegámonos a unha das praias máis auténticas e espectaculares da Costa da Morte como é a de Soesto, en Laxe, nas marxes do que foi noutrora a vella Terra de Soneira. Aquela praia escasamente domesticada lembroume outra que dista uns escasos quilómetros dela e que constitúe, como ben saben os que me coñecen, unha das miñas debilidades. Refírome á praia de Traba, e á freguesía de Santiago de Traba en xeral, un espazo que para min está dotado de resonancias pouco menos que míticas. E conectando Soesto con Traba véuseme á cabeza un fragmento brutal das Memorias del Arzobispado de Santiago que deixou escritas o arcebispo Frei Jerónimo del Hoyo en 1607 e que regresa obsesivamente ao meu maxín cada vez que poño o pé naqueles areais, arrasados noutrora polos piratas e as totémicas serpes...
En esta felegresía sucedió un caso raro y fué que un soldado escocés llegó a la custodia a rovar la caxa de plata en que pensaba estaba el Santísimo Sacramento y alló que no la había, que el Santísimo Sacramento estava en un tafetán azul y el soldado consumió el Santísimo Sacramento y el tafetán se lo metió en el seno y en acavándose de consumirse reventó por una igar y raviando como un perro, sobre los codos y rodellas, salió de la iglesia y espiró y luego los feligreses le echaron en un hoyo y cubrieron de piedras. Rayeron donde había reventado y echaron mucha cal y era tan grande el hedor que en dos meses no se pudo decir misa en la iglesia y aun después por tiempo de dos años quando habia mucha humedad solía salir aquel mal hedor. Desto hice información en la visita que hiçe en la dicha iglesia.

sexta-feira, 29 de julho de 2011

Bon Lugnasad

Pois iso, a todos e a todas, bon Lugnasad, ou o que é o mesmo, boa entrada nas mansións luminosas do ano. E que Lug o Múltiple Artesán, ou Lug o da Longa Man vos acompañe e vos dea folgos, a ser posíbel con músicas fermosas coma as que hoxe vos propoño e que xa vos terán o celme do festival, da carballeira e dos grandes vasos de cervexa brillando baixo a lúa.
Saúde!













terça-feira, 26 de julho de 2011

Brian Bóirmhe, qui domuit Lordomanos

Nun blogue amigo como é Erin Go Bragh topei este documental sobre a historia de Brian Ború, ou Brian Bóirmhe, que tal sería o seu verdadeiro nome en gaélico. Vencedor dos viquingos, primeiro rei que gobernou de facto e de iure sobre a totalidade da Irlanda e heroe triunfal na batalla de Clontarf, a historia de Brian Bóirmhe, como a de tantos outros semideuses da Europa altomedieval, escorrega entre néboas apócrifas e lémbranos que o pergameo (moi especialmente naqueles tempos estraños e violentos) terma sempre do que lle poñen e relata narraciósn construídas a partir de intereses diversos, sen que iso teña que ser (nen moito menos) necesariamente mao. Porque, afinal, até a sílaba máis escura do pergamiño máis modesto está carregada de ideoloxía. Ben o sabía o Solino da Corte na aldeia de Rodrigues Lobo, cando razoaba, co seu pragmatismo amargo, aquilo de que nas histórias a que chamam verdadeiras, cada um mente segundo lhe convém, ou a quem o informou, ou favoreceu para mentir. Mais a mentira, lembremos, é a matriz máis xenuína da poesía.
É certo que ese conto de viquingos opresores e de irlandeses loitando pola súa independencia nacional seguramente teña moito de cronicón comenenciudo e politicamente correcto, e que a sona con que Brian Bóirmhe pasou á posteridade deba atribuírselle en grande medida aos esforzos do seu bisneto Muirchertach Ua Briain por garantir a hexemonía familiar sobre o país e as súas aspiracións ao vello título de Ard Rí. De feito, cando sabemos que na batalla final de Clontarf houbo viquingos nos dous bandos que alí contenderon, un non pode menos que lembrar cousas como as que nos contou Manolo Gago, cando nos falaba de mercenarios viquingos (lordomani na terminoloxía latinoide da época) asentados en pontos do interior da Galiza e que tomaran parte en diversos conflitos e disputas que tiveran lugar polo noso país adiante. De feito, moitas pasaxes deste documental poderían estar ambientadas naquela Galiza convulsa de viquingos, bispos santos e mosteiros incendiados. Mais esas verificacións obxectivas non lle restan nen unha migalla de poder mítico á figura de Brian Bóirmhe. Máis ben ao contrario: fálannos dunha personaxe de tal calibre e tan fondo calado que acabou por se desdobrar nun corpo histórico e nun corpo mítico. Algo así como o noso Marechal Pardo de Cela, que agora tantos se empeñan en desmitificar polas bravas, ríndolle así as grazas ao españolismo máis contumaz e obviando os riquísimos matices que habitan nas fendas dese valado que separa a historia (pura e dura) da lenda (que nos habita e dá sentido).
Déixovos coa historia de Brian Bóirmhe e recoméndovos que, unha vez rematado o visionado do documental, regaledes os ouvidos co tema Brian Ború de Alan Stivell. Vale a pena.



segunda-feira, 25 de julho de 2011

Galiza 2011

Quizais algún día non teñamos nada a celebrar o 25 de xullo, e a data fique reducida á desexábel e ritual conmemoración dunha loita que nos conduciu á normalidade. Quizais dentro de moitos 25 de xullo teñamos gañado xa o direito a pensarmos con absoluta independencia dos españois, como dixo Castelao cando proto-teorizaba a soberanía mental e a liberdade dos imaxinarios. Quizais (moito probabelmente) o 25 de xullo non sexa a data máis axeitada para expresarmos estas arelas, e sería preferíbel que os nosos degoiros de liberdade e dignificación migrasen cara a datas máis nosas, menos contaminadas polo incenso opresor e a caspa das mantillas. Quizais. E quizais todo isto sexa moito desexar, e o que estou a facer non pase dun exercicio de inxenuidade que non resistirá nen o primeiro embate da rúa.
Mais, mentres e non, o corpo segue a sentir a obriga de reivindicar, de berrar e de se facer visíbel. De ser amábel cos inimigos, pois nada hai que os moleste máis (Oscar Wilde dixit). E de parabenizarvos este día a todos os que, coma min, credes que os exercicios de inxenuidade son nestes tempos máis necesarios ca nunca. Terra e Resistencia!


domingo, 24 de julho de 2011

Un ayerán no Día da Patria

Mentres agardamos a reinvención necesaria, recorremos á épica triste e erosionada que nos conduz cara á liberdade por vieiros revirados coma o corpo da cobra. Esa liberdade pola que tamén loitan e loitaron outros pobos irmáns nos que moitas veces teimamos ver un inimigo, e que souberon crear monumentos fermosísimos a esas angueiras de ceos azuis e castros reconquistados. Monumentos que podemos (e debemos) facer nosos, porque a rabia que deles emerxe produz unha calor similar nas linguas dunha e doutra beira do río.
E fálovos deste "Cantar del ayerán que perdió la guerra", un verdadeiro himno con que nos agasallaron hai tempo os Llan de Cubel e co que comezamos a conta atrás cara ao Día da Patria Galega, se é que patria nos fica aínda. Porque como ben di un dos seus versos, pal home que s'echa al monte / nunca acabará la guerra.



En Braña l'Eire la torba
y la tona en Rexoniles;
en Pedrafita los l.loos
y en Col.lanzo los civiles.

Paso la vía nel monte
ente penas y gorbizos;
soi emu de las l.lamargas
y del l.laz de los caminos.