Lémbranos hoxe o amigo Innisfree a figura e a lembranza dun deses poetas-guerreiros que só poden parir os megálitos da afastada Irlanda. Un deses homes que vían estrañas e iniciáticas semellanzas entre a anatomía da pena e a do fusil, entre o cheiro á tinta e o recendo á pólvora. Deses tolos doutrora que, parafrasando a Jean Markale no seu traballo sobre a poesía antiga irlandesa, retorcen a imaxe poética e arrebólana coma unha arma contra os ollos de quen le, ou de quen se precipita na lectura. Imaxes duras, contundentes, oníricas por veces, que, como no poema de Thomas Kinsella, arden no cérebro e sementan o desconcerto entre as grisáceas tropas que por nós agardan, asentadas no páramo, mastigando osamias de balea.
Chamábase Charles Donnelly, facía parte da famosísima Quince Brigade que loitou na España contra a sublevación fascista e deixou a vida na batalla do Jarama, alí onde se percatou de que até as mesmísimas olivas eran capaces de sangrar. Even the olives were bleeding. E das mesmas leiras de Innisfree vou roubar un poema deste Charles Donnelly e vou ousar polo en chafalleiro romance galego, pois na nosa lingua sempre tivemos querencia polos corvos, sexan os de Owen/Xallas (que se han deixar caer por aquí en breve), sexan os que Cunqueiro coñeceu pola comarca mirandesa. Mais coidado, porque estes corvos traen os fígados abertos de par en par e por eles supuran os residuos dunha guerra que rematou e non rematou...
A tolerancia dos corvos
A morte chega abundante desde problemas resoltos sobre o mapa, desde sabias disposicións, desde ángulos de elevación e de tiro;
chega inocente desde artiluxios que os nenos quererían usar e gardar debaixo da almofada, e inocentemente empala calquer corpo.
Após a carne cae tamén a mente, sae o pensamento da mente e tronzan os proxectos enfocados cara á degoirada meta.
Detense o avanzo do veleno nos nervos. Colapso da disciplina. O corpo xa só agarda a tolerancia dos corvos.
De como os dedos poden invocar sobre o coiro a máis fermosa das tempestades. De como as eguas poboaron as sombras do mosteiro mentres o chamán profería berros grandísimos desde os ríos do bronce. De como o sangue se acumula nos límites do ollo e a boca nos sabe ao pan granítico doutrora. De como os corvos e as lagoas e as feridas. De como canta Rónan Ó Snodaigh (que ben podería ser Torvo Donohue) e se desboca o día. Bo comezo de semana!
Botou a andar o Celtic Connections, ese evento que, xunto co Festival de Lorient, serve para lles tomar a temperatura aos proxectos musicais que se están a cocer ao redor do Arco Atlántico, e mesmo noutras latitudes teoricamente moito máis afastadas (unha boa proba disto é a atención que este ano está a recibir no festival a música gospel). Un séntese convencido de que, simplemente polo pracer de ver a Galiza involucrada en acontecementos desta envergadura e repercusión, xa paga a pena contarse entre as filas dos celtistas (ou celtófilos ou atlantófilos ou calquera outro neoloxismo co que me quixeren alcumar as súas señorías). E é que Galiza está en Glasgow, madia leva a estar! A sonoridade e a sensibilidade dalgunhas das nosas mellores bandas póñenlle o ramiño de pirixel ao balbordo que estes días se deixa sentir polas rúas e polos cenarios da capital obreira da Escocia. Por aló anda Anxo Lorenzo (que compartirá concerto cos seus amigos de Dáimh), e por aló andan tamén Son de Seu, A Banda das Crechas e mais os Fía Na Roca, que aproveitaron a ocasión para se despedir do seu público (a alguén se lle ocorre algo mellor que dar un concerto de despedida no marco do Celtic Connections?). E os que non podemos andar estes días por Glasgow sempre podemos procurar consolo no Youtube e agardar a tempos mellores e a ocasións máis propicias para nos deixar caer por aló...
Decateime de que, desde que hai case dous anos rocei estas ciber-leiras que deixara a monte, aínda non se deixou caer por elas un dos meus poetas de cabeceira, asiduo seareiro doutra tenza que tiven e criado (como non!) en irlandesas brañas. Refírome a Seamus Heaney. Vai tamén para dous anos que asistín a un recital seu no Círculo de las Artes de Madrid, aproveitando a histórica e excepcional alineación planetaria que fixo coincidir a súa presenza na capital do Imperio Pequeno coa nosa asistencia a un congreso de Lingüística. Unha persoa entrañábel, o vello Seamus. Coma un avó que axeita o seu corpo miúdo e pálido no escano da lareira e fai tronar a súa voz con versos poderosísimos, manchados de patacas, de fariña, de turba, de pistolas, de sementes, de teitos de palla, de linguas e pántanos, de épicas anguías e de brutais ostras... Coma un avó, talmente. Un avó que, finalizada a exhibición da palabra, tirou de pena para me asinar o meu exemplar en galego de Field Work, e estirou a man para recibir un exemplar das miñas Crónicas Chairegas. Aínda non sei de onde tirei o valor para tal ousadía, para tan irlandesa temeridade, mais o certo é que é hoxe o día que respiro con dificuldade cando penso que nalgún sombrío recanto dos andeis de Seamus Heaney habita un fragmento dos meus delirios literarios doutrora. Malia a certeza de que nin sequera chegou a ler media páxina e de que nunca saberá o que significa o título. Malia iso, o subidón non mo quita ninguén! Moito teño falado do que me di e do que me significa a poesía (ou, cando menos, certa poesía) do vello Seamus, así que non me vou demorar máis no tema. Hoxe simplemente quería compartir convosco un dos meus poemas predilectos, máis rico, máis cargado de potencia mítica. Intitúlase "Digging" (A cavar), e foi precisamente co que arrincou aquel mítico recital madrileño. Non se me ocorre xeito mellor de lle dar a benvida á fin de semana!
A cavar (Digging)
Entre o índice e o polgar repousa a miña pluma, cómoda coma unha pistola.
Baixo a miña xanela, o son áspero e limpo da pa a se afundir no pedregullo: meu pai cava. Miro para el
até que o seu lombo tenso se anasa entre os eidos, e renace vinte anos lonxe a se debruzar ritmicamente nos sucos das patacas onde cavaba.
Afirmábase torpe a bota no canto da pa, facía palanca o cabo seguro contra o interior do xeonllo. El arrincaba as más herbas, enterraba fondo o gume brillante para espallar as patacas novas que nós recolliamos, amando aquela dureza fresca nas nosas mans.
Aquel petrucio sabía traballar coa pa. Coma o seu vello.
Meu avó cortaba máis turba nun día que calquera outro home nas gándaras de Toner. Nunha ocasión leveille leite nunha botella, tapada de xeito chafalleiro con papel. Púxose dereito para o beber, e axiña volveu anicarse, a rañar e cortar con aquel xeito, erguendo as felpas por riba do ombro, indo cara abaixo pola turba boa. Cavando.
O cheiro frío do balor da pataca, a labazada na turba enchoupada ao se esmagar, os cortes secos dun gume através das vívidas raiceiras despertas na miña memoria.
Mais eu non teño pa para seguir a homes coma aqueles.
Entre o índice e o polgar repousa compacta a miña pluma. Cavarei con ela.
Comecemos pois o ano e fagámolo coa sonoridade de grupos e propostas novas que van arrequentando o mosaico da nosa música. Assembly Point, Riobó e Tonecho Castelos & Pablo Esqueira. Propostas de directo, de locais pequenos e sonoridades potentes e compactas, desas que se deixan acompañar moito ben polo celme dunha cervexa do país.
Desde hai uns anos o Apalpador conseguiu asentarse como unha marca de identidade do Nadal galego, mesmo en sectores en principio bastante afastados (no ideolóxico, mais non só) daqueles dos que partiu o proceso de revitalización e reivindicación desta figura da mitoloxía popular courelá. Claro que sempre hai persoas remisas, pailáns de patacón que viven ancorados nos seus pseudo-discursos directamente importados da meseta e que ven ameazas e inventos do nacionalismo radical por toda a parte, agás (faltaría máis!) nos grandes tótems da cultura oficial e españolísima. Porque seica o Apalpador é unha invención, ou un plaxio do Olentzero batasuno (digooo, basco), ou como pouco unha distorsión do que non era máis ca un cocón para espantar os cativos. Ora, os símbolos culturais españois xurdiron puros e inmutábeis cando don Pelayo aínda arrastraba o cordón umbilical. Lóxico que estes palleiráns boten a lingua a pacer precisamente agora. Non deixa de ser un sinal de que algo como o Apalpador (símbolo non só do Nadal galego, senón tamén dun xeito radicalmente distinto de entender o Nadal!) está a conseguir un grao alto de aceptación social sen necesidade de pedir certificados oficiais nin de pagar portaxes en Madrid ou Hollywood. E iso non o poden aturar, xa ora!
Mais eu non quería falar de caspa nin de papanatas, senón do Apalpador e do sol e das grandes toradas estalando nas lareiras mentres cae a xeada no mundo. Porque o Apalpador vén de moi atrás, e como tantos outros temas da nosa tradición non deixa de ser transformación de mitos moito máis arcaicos. O entrañábel carboeiro que fuma en cachimbo e arrastra as súas chinelas polas devesas adiante preséntasenos como decantación de vellas simboloxías solares, e así o viu José André Lôpez Gonçález no seu estudo sobre o Apalpador, verdadeiro fito inaugural na recuperación deste personaxe e que estes días estiven a reler con delectación. Déixovos aquí un pequeno extracto no que o Apalpador aparece relacionado cun rito fermosísimo ao meu ver, como é a torada de Nadal.
O Apalpador e a torada de Natal_____________________
[...] Um rito pan-indoeuropeu mergulhado na noite dos tempos ligado a nosso personagem, como a seguir observaremos, é o da torada de Natal, da que tem escrevido inesquecíveis páginas Sir James George Frazer. O senhor Benigno da casa de Cela de Romeor do Caurel assinalou-me que quando ele era moço ainda traziam desde A Devesa para as casas uma torada bastante grossa para alimentar o lume de Natal, acrescentando: "Ninguém, durante este tempo, não devia jurar, nem zangar-se, nem bater nas crianças, nem nos animais. Depois de se cantar Os Reis -cá vinha-che gente desde Santim, de Zanfoga e mesmo de Busmaior-, punham-se às portas das cortes as cinzas do tarulo para que o gado passasse por cima. Assim espantavam-se-lhes as doenças". O senhor havia ter em torno dos oitenta anos quando recolhi o rito em 1988. Ele, camponês, nunca saíra do Caurel fora do serviço militar.
Aqui se mostram os caracteres apotropáicos, isto é, o vigor protector, directamente sobre os animais e de modo indirecto sobre a gente, do ritual. Que este rito tem sido operante também em Bezerreã e em Cervantes, assegura-o D. Jesus Rodríguez López em Supersticiones de Galicia, livro publicado em 1910. Em Portugal há o costume de prender dos ramos das árvores figuras a anunciar o Natal que depois são queimadas diante da Igreja. No Douro há a tradição de queimar uma árvore inteira na lareira. Nas Beiras, tanto a Alta quanto a Baixa, a árvore conhecida como o Madeiro do Menino-Jesus, é queimada na praça aos doze toques da meia noite, salta-se depois sobre o braseiro à par que se cantam as Janeiras. Antigamente o povo todo da aldeia comia, bebia e dançava à volta do fogo, a seguir à missa do galo, entrando a diversão pela noite dentro.
D. Julio Caro Baroja e D. José Miguel de Barandiarán, com muita sabedoria e atenção, têm atestado e estudado o tema da árvore do Natal e dos assuntos ligados a ele no País Basco. Mesmamente o antropólogo Caro Baroja informa da sua vitalidade em Aragão, Andaluzia, Castela, Catalunha, na França -onde muito tem batalhado Jean Batiste Thiers, cura de Vibraie e açoite de superstições- e igual na Itália. Na Toscana é mesmo nomeado Ceppo (toro da árvore cortada) o dia 25 de Dezembro. Ficam de acordo todos os etnólogos em que a queima do toro de Natal tem uma ligação ineludível com as representações solares (o Sol, produtor da luz e da vida em correspondência com a vegetação firma-se nos solstícios como se torna evidente nas festas de São João no solstício do verão), ritos mergulhados na profundidade da noite dos tempos. Mesmo a árvore de luzes, tão usual hoje em todos os fogares cidadãos, que veu a nós desde a Germânia, não vem ser mais, em rigor, que a velha queima da torada de Natal milenária, fortemente deformada desta volta por uma comercialização abusiva e a papa-moscas mimetização da pseudo-cultura holiwoodiana.
O Apalpador, com as funções atribuídas de carvoeiro, isto é, trançador de árvores, subministrador do lume (floresta-luz-calor) e doador de castanhas, possui as mesmas virtudes apotropáicas postas na queima dos madeiros, isto é, anunciador da fartura, da protecção, da aliança com a boa fortuna. [...]
Foi unha desas historias de que tanto gostan os escoceses. Chamábase James McPherson e naceu aló por 1675, fillo dunha xitana e dun terratenente das Terras Altas, o soberbio McPherson de Invereshie. James, home forzudo e de espada rápida, chegou a ser violinista de renome, mais esas inquedanzas musicais non lle impediron converterse tamén no líder dunha banda de xitanos que fixo delitos e falcatruadas varias por todo o norleste escocés, desde Moray a Aberdeenshire. Cómpre aclarar canto antes que estes delincuentes entraban na tan celebrada categoría dos "bos ladróns", pois todo canto sobraba dos seus roubos e saqueos (que foron moitos e frecuentes, a xulgar polas fontes) era relixiosamente repartido entre os menos agrazados pola fortuna. Mais sendo violinista e ladrón, era cuestión de tempo que os fados se volvesen na súa contra e lle despexasen moi solícitos o camiño da forca. E así foi. Certo día fixérono preso na localidade de Keith, despois dunha persecución polas rúas digna dun telexornal ianque e que só concluíu cando unha muller lle guindou por riba unha saba ao coitado do James, facilitando a súa captura e selando a súa perdición. Foi xulgado en Banff, declarado culpábel e condenado polos maxistrados a morrer na devandita forca, que de seguro agardaba impaciente e nerviosa polo pescozo de tan insigne persoeiro (xa o dixo Hamlet con acento mariñao: Fan agora tan ásperos espartos!). Chegado o día da execución, os maxistrados souberon por ocultas canles que estaba a piques de chegar desde Aberdeen un emisario co indulto para James McPherson (non hai historia de execucións na que non medie un indulto, ben o sabemos os que algún día pasamos pola Ponte do Pasatempo). Como non podían permitir baixo ningún concepto que un ladrón violinista (e xitano por vía materna!) se salvase dos ásperos espartos de Escocia, os maxistrados mandaron adiantar o reloxo da vila vinte minutos, para que James McPherson fose executado antes tempo. Xa no cadafalso, diante da multitude, McPherson sacou o seu violín e tocou o lamento que compuxera na véspera na escuridade da súa masmorra. O famoso Lamento de McPherson.Concluída a peza, ergueu o instrumento e ofreceullo a alguén do seu clan que fose quen de tocalo coma el. Ante o silencio xeral, berrou: Pois ninguén ha tocar nunca máis o violín de McPherson!, e dito isto partiu o violín en dous con grande violencia. Neste punto diverxen as crónicas, pois hai quen di que escachou o instrumento contra o seu propio xeonllo, e hai quen opina que utilizou para tal mester a cabeza do propio verdugo. Sexa como for, aquel día foi pendurado James McPherson, a quen imaxinamos orgulloso e escuro pendurado no medio da praza de Banff, coa viruxe dos páramos escoceses facendo rinchar as cordas rotas do violín.
Ten epílogo este conto, ou máis ben epílogos. O violín roto (que símbolo!) aínda se conserva hoxe no museo do clan McPherson, e, aínda que non nos consta tal extremo, cremos que ben debería ser obxecto de veneración e aínda se me apurades de devota romaría. Coma aquelas harpas rotas que apodrecían hai tempo debaixo das camas dos derradeiros harpistas galeses. E en Banff hai un coñecido café chamado The Broken Fiddle, que aínda así non deixa de ser cativa homenaxe a tan poderosa cousa como alí aconteceu.O outro epílogo fálanos de xustiza poética e dunha certa orde no mundo: os maxistrados que xulgaron a James McPherson foron castigados pola súa maldade, de xeito que o reloxo da vila de Banff permaneceu cos seus vinte minutos de atraso durante varios anos, do cal se supón que os seus veciños vivirían todo ese tempo inmersos nun caos de retrasos e anacronías varias, algo sempre moi malo de levar para un británico. Aínda hoxe se cre que o reloxo da localidade veciña de Macduff ten tapada a súa cara noroccidental para que as xentes de Banff non poidan saber por el cal é a hora correcta en que viven.
E o Lamento de McPherson? Pois o lamento dese medio xitano é unha desas pezas clásicas da música escocesa, e o mesmísimo Robert Burns, vate nacional da Escocia, chegou a facer unha versión del. Martyn Bennett, no seu testamento musical Grit, resgatou este lamento na voz doutro músico popular escocés, Jimmy McBeath, e rodeouno do que Hamish Henderson chamou new brave music. O resultado é este "Rant", tan desconcertante como sublime.
Non hai árbore máis difusa có ulmo, que medra a medio camiño entre a auga e a terra. Como quen di, é árbore de límite, de tremedal; dese pantano que para Heaney era "a paisaxe que lembra todo canto lle aconteceu". Nin hai cousa máis mol e fronteiriza cá arxila, que se derrete entre os dedos mentres agarda pola súa forma definitiva, esa que lle virá dada pola sabedoría e o lixeiro ollo do ourive. Benvidos pois a esta terra fronteiriza habitada polas teimas e obsesións dun tal Ulmo de Arxila...