quinta-feira, 4 de fevereiro de 2010

Foliada / Seisiùn

Ás veces bota un de falta non poder asistir con máis frecuencia na música galega a momentos tan esplendorosos e suxerentes coma este, que atopei como adoitan atoparse as pequenas grandes xoiais: do xeito máis puramente casual.
Talmente parece coma se a foliada do país e a seisiùn irlandesa se fundisen nunha aperta que soa sólida, consistente, posíbel. Coma se o estudio de gravación Casa de Tolos se convertese por un día na delegación galaica das impresionantes Transatlantic Sessions. Boto de falta experiencias coma esta na música galega, nos traballos dos músicos galegos. Frauta de madeira, concertina e violín, unha combinación que non é menos nosa nin menos representativa do noso que outras moitas máis ou menos vixentes no noso folque.
Que gostedes pois desta "Muiñeira de Vai e Vén" a cargo de Pancho Álvarez e dos xemelgos Castro (membros fundadores de Felpeyu). Case nada...

2 comentários:

  1. Sr. Ulmo. Moitas gracias polos seus excesivamente eloxiosos comentarios, e aínda salvando as distancias coas Transatlantic Sessions, a nós o que nos gusta é ese son fresco de interpretar que se atopa en moitas sessions, ou como no caso dos vídeos de Riobó que puxo o outro día.
    Polo demáis xa vería que hai outros dous vídeos dese mesmo día en youtube.
    Por certo interesante a cantidade de temas de antropoloxía (eu rematanrei a carreira este curso supoño).

    ResponderEliminar
  2. Graciñas a ti polo teu comentario, Félix. Por certo, que agora que me decatei esquecín mencionar a Álvaro Iglesias na guitarra!
    O certo é que desde hai un tempo gosto moito deste tipo de música directa, fresca, de "seisiùn" precisamente, como nos vídeos que mencionas, ou tamén no programa de Alalá dedicado a Pancho Álvarez, onde tamén aparecedes un bo feixe de musicazos facendo das vosas!
    O da antropoloxía son simplemente achegas, máis intuitivas e poéticas que outra cousa, porque, por desgraza, aínda que teño lido moito sobre estes temas, nunca me detiven a "sistematizar" un pouco esas lecturas. Que andas logo a estudar? Calquera contribución que queiras facer neste sentido será moi ben acollida, por suposto!
    Un saudiño e non dubides en seguir comentando sempre que queiras!

    ResponderEliminar