domingo, 10 de julho de 2011

Elexía, rabia e reafirmación

Freei en seco no medio da estrada, e a miña gorxa amagou un berro horrorizado. O cruceiro de Denune, unha das máis fermosas mostras de arte popular do concello de Begonte e de toda a Terra Chá, xacía esnaquizado no chan. A súa base arrincada brutalmente, o seu maxestuoso varal tronzado en tres anacos. A cruz, co seu Cristo e a súa Piedade, simplesmente non estaba. Levárana. A escena, coma decote, rodeada de silencio, dese silencio inmundo, odioso, irritante, tamén significativo. Baixei do coche e avancei cara a aquel cadáver mutilado. Sentín a impotencia de quen ve un ser grandioso agonizando nunha poza de sangue. Humillado.


No xornal non había o menor rastro do ocorrido, e iso que, polo que sei, o cruceiro xa estaba nese lamentábel estado desde, como mínimo, onte á tarde. Os viciños non me sabían explicar. O odioso silencio, máis unha vez.

Era o cruceiro de Denune. Onde fixen aparecer pendurado o violín de Luciano de Xermar nunha das miñas Crónicas Chairegas. O cruceiro no que vía, ao igual que na torre de Cal da Loba, unha especie de trabe sagrada que conectaba o ceo e a terra a través do seu silencio granítico. Aquí non había conflitos entre conservación do patrimonio e interese monetario, non había obras a ameazar o cruceiro, e mesmo o dubidoso gosto das administracións tivera a ben rodear o monumento dunhas benintencionadas papeleiras e uns bancos. O ataque foi gratuíto.
Mentres superaba o desgosto, a palabra que volvía á miña cabeza era unha: "Desmantelamento". E o peso insoportábel da conta atrás. Si, a isto quédanlle tres días mal contados.



6 comentários:

  1. Estamos niso, Lansbricae.
    Polo que eu sei, a desfeita non tivo eco (mediático) ningún. Se fose unha churrascada popular, ocuparía as páxinas centrais de El Progreso.

    ResponderEliminar
  2. Cousas da vida (como diría o noso Castelao) que atopo na rede un lugar onde fan referencia á destrución do cruceiro de Denune, polo que noutrora teño pasado moreas de veces de pequeno cando ía coas vacas para o monte. Alén diso, chamoume a atención o nome do blog, Ulmo de Arxila, e ao final fun quen de saber de quen se trataba esa especie de pseudónimo. Quizais comecei polo final e esquecinme de dicir que son de Denune e que meu pai, coma ti, naceu en Damil. Parabéns pola inmensa calidade literaria dos teus artigos e por poñeres todo o teu empeño na defensa da cultura e da lingua galegas!

    ResponderEliminar
  3. Home, se sei perfectamente quen es hahahaha. Suso de Villadóniga! Lembro algunhas paroladas que temos botado no San Vitorio. Que tal todo? Moitas grazas polas túas palabras e por visitares esta ciber-leira!

    ResponderEliminar
  4. Alédame que te lembres de min. Ademais , con este apelido non é moi doado pasar desapercibido. A respecto do cruceiro esnaquizado, non se soubo nada dos autores, aínda que quizais teñan coñexión coa destrución doutros cruceiros da Terrá Chá en datas moi próximas ao de Denune. Non só se esnaquizou o cruceiro, senón tamén as nosas lembranzas e a memoria que se perde na noite dos tempos. Ogallá que se fixera xustiza e que os culpables pargasen pola súa noxenta falcatruada. Hoxe no lugar só fica a base do cruceiro, sobre a que se ergueu a miña infancia. Un saúdo e que sigas escribindo con ese estilo inconfundible, sen esquecer o compromiso social, sobre todo en tempos como os que estamos a vivir. Até a próxima!

    ResponderEliminar
  5. O día 20-01-2017 non está reparado. Só está no lugar a plataforma, a basa e un pequeno trozo de fuste. ¿Sabedes si van a restaurar o cruceiro e colocar os anacos que se conservan?

    ResponderEliminar