sexta-feira, 13 de maio de 2011

Alborada violinesca

Co sol e coa prolongación dos días apetece máis que nunca música leda, que profetice con cada xiro a inminencia dos festivais folkis do verán. Un bon xeito de se adentrar nese desexo sincero de luz e de alegría pode ser este que hoxe vos ofrezo. Trátase dun trío de músicos de primeiro nivel que moitos afeccionados ao folque xa coñecen perfectisimamente: recoñeceredes aquí a Alfonso Merino, a Alfonso Conde e ao multifacetista e verdadeiro cu inquieto Xosé Liz (si, o de Lizgairo, o de Riobó, o de Entre Trastes, o de Beladona, o de Anxo Lorenzo Band etcétera etcétera). Xuntáronse eles tres e baptizáronse como Bulla Timpánica, e baixo ese nome acudiron hai xa un tempo á "Northern Atlantic Fiddle Convention" (NAFCO, para os amigos), onde deixaron mostras tan belidas coma esta do seu bon facer. Por veces, esta Alborada de Ponte Caldelas soa a Escocia, soa a Transatlantic Sessions, mais nen así deixa de ecoar nunca con ritmos nidiamente galegos.



Por certo, téñolle especial cariño a esta Alborada de Ponte Caldelas, pois é a peza con que os Milladoiro abrían o seu disco Solfafria, ou o que é o mesmo, o primeiro disco de Milladoiro que tiven ocasión de mercar. Sedíame eu aínda en pleno estado de fascinio despois daquel mítico concerto intitulado "O Son dos Celtas", que logrou xuntar na Praza de Santa María de Lugo aos pais do folque galego moderno con músicos da talla de Liam O'Flynn, Leilía ou unha adolescente Susana Seivane. Era 1997, e aquel día decidín que esa era a música que me gustaba, que me emocionaba e me estremecía. E até hoxe.

terça-feira, 3 de maio de 2011

Galiza accordion to Phil

Vai xa para algo máis dun ano que, lendo un dos meus blogues habituais, souben do proxecto en que andaba embarcado o prodixioso e pouco menos que lendario acordeonista escocés Phil Cunningham. Tratábase dun programa intitulado The world accordion to Phil, unha de cuxas entregas ía ter como protagonistas a música e a cultura de Galiza, con Carlos Núñez como anfitrión. Os amantes do noso folque de seguro que teñen entre as súas cancións inesquecíbeis aquel "María Soliña" na que Carlos e Phil, acompañados por Teresa Salgueiro e Liam O'Flynn, daban o mellor de si mesmos na reelaboración musical deste poema de Celso Emilio Ferreiro. En miña opinión, foi esta (e aínda o é) a mellor e máis profunda versión musical que se ten feito dese texto. Mais para gostos hai cores, por suposto!
Déixovos aquí as imaxes da andaina do máis pequeno dos irmáns Cunningham por terras galaicas. Recoñeceredes, á marxe do omnipresente Santiago de Compostela, outras paisaxes como o monte Louro, a Pontenafonso ou os altos páramos de Carnota e Mazaricos, tan semellantes en fisionomía e evocacións aos páramos do país escocés. E, como fondo, os ecos tristísimos desa María Soliña de frauta e acordeón.