sábado, 22 de maio de 2010

Estar dentro

Se dalgo serviron as Letras Galegas deste ano (á parte de para exhibir por enésima vez a forza e contundencia dos que non nos avergoñamos de sentir a venerábel arxila na boca cada vez que falamos) foi para reencontrarme co meu poeta, con Uxío. Todos sabedes o que significaron Os Eidos no meu xeito de ver a poesía e o mundo, así que non vou incidir no tema, que un corre o risco de acrecentar unha certa fama de pedante que descubriu en tempos recentes (un saúdo a Babilonia!).
Vén isto a conto porque, por vez primeira en moito tempo, tiven a ocasión de dedicarlle unha tarde enteira (pouco e pouco, pouco e pouco...) a unha leitura que nada tiña que ver nin con topónimos, nin con lingüística histórica nin cos desquiciantes rituais de presentación e defensa de teses doutorais. Refírome a un artigo publicado por J. Luís Forneiro no volume de homenaxe a Novoneyra que recentemente editou o Departamento de Filoloxía Galega da USC. Nese texto fálasenos (con impresionantes evocacións dos personaxes involucrados) dunha xornada de recolleita de membros do Seminario Menéndez Pidal por terras do Courel, xornada que os conduciu de xeito pouco menos que casual á casa de Novoneyra, en Parada de Moreda, e que concluíu con momentos cercanos á maxia e ao estremecemento que moitos dos que temos feito recolleitas deste tipo tivemos a sorte de gozar nalgunha ocasión. Leitura recomendábel, moito máis para estes días de calmurcio que piden ledas viruxes do Courel.
E desa leitura rescato unhas palabras do propio Novoneyra, recollidas por Emilio Araúxo hai xa máis de 10 anos, nas que di moitas cousas e moitas verdades que eu puiden sentir e vivir como propias durante ben tempo, e aínda a día de hoxe. Haberá quen diga que estas palabras están inzadas dun popularismo bucólico e lindante co inxenuo, mais eu sosteño que nestas liñas latexa a raíz da mellor e máis orixinal poesía de Novoneyra. Unha poesía que se asenta niso: en estar dentro, en pertencer, en facer parte, en sentir a totalidade da palabra e da colectividade. Unha poesía, penso eu, propia dalguén que pensaba caligramas mentres lousaba a casa dos antergos...

[...] eu realmente noto unha cousa, que, o maior herdo, o herdo que me vén da literatura galega, son os medievais, Pondal e Rosalía. E ante todos foi a cultura popular a que realmente me entregou a Galicia. Eu moitas veces nin necesito saber nada do pasado escrito do meu pobo, o que me centra en Galicia é estar dentro da cultura popular. Nunha palabra: o estar dentro da Lingua. Non usar a Lingua senón estar dentro dela. Eso mesmo fai innecesario o coñecemento dos avatares escritos. Estar dentro dela. Quizais serei dos galegos que menos saben da historiografía de Galicia. O que procurei foi permanecer, e é porque estaba intensamente dentro. Nunca me saín do horizonte interior da Lingua [...] Pero a miña procedencia vén do pobo. A gran obra centradora é a Lingua-Fala [...] Aínda nunca falei máis a gusto e con maior plenitude con ninguén, nunca falei con maior plenitude como cun labrego da miña aldea. Nunca, nunca a palabra entre home e home se deu tan reveladora. Co-iles semella que a palabra é total, a palabra xuntamente co xesto, coa entoación, a palabra como algo natural, non só cultural.

Sem comentários:

Enviar um comentário