terça-feira, 12 de janeiro de 2010

Botando a andar

Pasou hoxe un home con tantos fuciños como días ten o ano, adoitaba dicirme miña avoa a mañá do primeiro de xaneiro. Miña nai erguía as arandelas da cociña de leña e ao velas inzadas de milleiros de pequenas faíscas, sentenciaba: Aínda queda moito inverno!
Pois é, comeza o ano. Reinícianse as inercias e reactívanse as rutinas. Aínda que había tempo que o ano non arrincaba con tanta novidade e con tantos cambios. Agardan por min terras meridionais, alén de ríos e montes aos que apenas lles coñezo outra cousa có nome. E avecíñanse meses de bastante traballiño e quizais algún que outro apuro que sobrelevar. Así que non vos estrañedes se estas leiriñas quedan algo a monte durante un tempiño (que espero sexa o máis breve posíbel), e perdón pola recua innecesaria de diminutivos.
Mais unha cousa non quita a outra, e os bos costumes hai que mantelos, así que nesta entrada de ano quero transmitirvos (aínda que sexa cun algo de demora) os meus mellores anos para este 2010 tan redondo como xacobeo (ben que se han ocupar de lembrárnolo ao longo destes 365 días). Mellores desexos e, por suposto, boa música. Como por exemplo este tema de Xosé Manuel Budiño intitulado "Xogo Tolo" e pertencente ao seu (por agora) penúltimo disco Zume de Terra. Sempre me fascinou esta música obsesiva e delirante na que a voz de Suso de Vilardemouros (en gravación incluída por Mercedes Peón en Raiceiras) contorsiónase até ser parte, raíz e toro dun verdadeiro delirio dance. Como exclamou o escocés Hamish Henderson despois de escoitar Grit, de Martyn Bennett: "What a brave new music!"
Por certo, a cantiga interpretada por Suso de Vilardemouros en forma de asturianada contén unha máxima que ben puidera guiarnos neste ano que bota a andar:
Cantai e bailai, meniñas,
i-alegrai o mundo enteiro,
que os que non cantan nin bailan
son os que morren primeiro.

4 comentários:

  1. Esa cantiga, que é máis coñecida noutra das súas variantes máis conservadoras dende o punto de vista sexual
    ("Cantade e bailade nenas/ghardade o paparruxeiro/que as que non cantan nin bailan/son as que o dan primeiro")
    -xa sabedes que o conservadurismo e o sexo con tabú en Gz sempre foi de portas cara a fóra, que de portas a dentro nunca tan mal visto foi- non son máis ca un alegato ao Tempus Fugit, unha chamada a vivir o momento, e a gozar que son dous días.

    Por iso, Ulmo, como a túa estadía no sul do país vai ser pouco máis que dous días, aprovéitaa para gozar e, como dicían as Leilía en Madama "Anda vaite polo mundo/ que o mundo che aprenderá/que o mundo tamén ensina/ que hai que ter máis libertá"

    Apertas e feliz 2010

    ResponderEliminar
  2. Pois non sabía eu desoutra versión do cantar, que che é ben máis suxerente e interesante. A respeito da (in)tolerancia cara ás cousiñas escatolóxicas e das sexuais cuestións na nosa mentalidade popular, un sempre lembra as coplas de Florencio o Cego dos Vilares. O seu propio ton de voz ao cantalas ía xa tan enchoupado de picardía que aínda que estivese a cantar o crime máis horrendo, un sempre lle buscaba as voltas. "A miña burriña cando vai pró muíño / toda enfariñada cheíña de frío / cheíña de frío e mais de xiada / a miña burriña sempre vai cansada". Un alegato a prol dos dereitos do burro fariñeiro? Ben se sabe que non... ;-)
    Volvendo a Suso de Vilardemouros, tamén son moi ilustrativas as palabras coas que introduce este seu cantar no disco "Raiceiras", e que Mercedes Peón incluíu nese himno xeracional dos nosos primeiros anos universitarios. "O galego que non fala / a lingua da súa terra...". Ajrú!
    Pois nada, xalleiro de ouro, ben sabes que a estadía no sur vólvese menos meridional e máis levadeira cando hai visitas. Agardo por elas. Xa teño un par de sitios para ensinarvos que de seguro que vos van gustar. Unha aperta!

    ResponderEliminar
  3. "Ola! Son Suso de Vilardemouros e vouvos cantar un cantar da sega que cantabamos antes, que agora xa non cantamos naide. E... era a esclavitú que tiñamos pero andabamos... adevertidos"

    ResponderEliminar