domingo, 16 de agosto de 2009

Pennoù Skoulm: 'fes-noz' furiosa para recuperar o paraíso

Réstannos ben poucos paraísos. Son cada vez máis escasos os redutos de vida fonda e esplendorosa que nos poden ficar nesta Europa de crise, que avanza a pasos acelerados cara á extinción de todo canto lle resulta minoritario, estraño, pouco rendíbel. Os galegos sabemos o que isto supón e pode supor. E aínda o habemos de saber mellor ao longo dos vindeiros anos, vendo o que fan e o que ameazan con (des)facer estes gobernantiños de patacón cos que decidimos castigarnos democraticamente hai uns meses. Andamos a piques de perder a lingua, e agora mesmo nos van arrincar o vento. Desta caste somos. E non hai que facernos.
Aínda así, aínda sendo poucos, os paraísos hainos. E un dos derradeiros paraísos é a Bretaña.
E é así que, cando ese pesimismo ante o que nos queren facer ver como inevitábel comeza a facerse mesto e a aseñorarse do ánimo, non hai como botar man dun grupo coma Pennoù Skoulm (que seica significa en bretón algo así como "cabeciña tola", se se nos permite a tradución libre e espontánea). Con músicos coma estes, non é difícil notar un rumor de sidra e herbas máxicas enchéndonos o padal. Quizais sintamos tamén a memoria dunha vella cidade asulagada asexando entre os ruídos opresores da vida cotiá. De súpeto, o corpo todo pídenos fes-noz, e deixamos que a magnífica conspiración do violín, a frauta, a gaita irlandesa e a guitarra nos venza e nos derrote gozosamente.
Non é para menos. Os Pennoù Skoulm son unha das bandas míticas da Bretaña, nacida xa alá a comezos dos anos 80 da man de membros de Kornog e Gwerz. Volveron recentemente aos escenarios, e veñen de sacar un álbume, Trinkañ, que presentaron en rigoroso directo na pasada edición do Festival Interceltique de Lorient. Só con botarlle un ollo á nómina dos membros de Pennoù Skoulm xa sabemos o que agardar dunha formación deste calibre. Os violíns son terreo de Jacky Molard (de participción notábel en varios discos de Budiño e irmán do gaiteiro Patrick Molard, habitual colaborador de Carlos Núñez) e Christian Lemaître (representante bretón no Celtic Fiddle Festival). Nicolas Quèmener ocúpase da guitarra, Ronan Le Bars da uillean pipe e a cargo da frauta irlandesa encontramos ao mesmísimo Jean-Michel Veillon, un dos mellores frautistas do mundo en opinión de todo un Brian Finnegan (frautista de Flook).
Déixovos pois dous vídeos para que desfrutedes das sensacións que son capaces de transmitir estes verdadeiros monstros da música bretoa. O primeiro deles é unha breve presentación da banda, zarrapicada de imaxes da preparación dun concerto no marco incomparábel dunha típica fes-noz. O segundo vídeo reproduce unha actuación en directo no devandito festival de Lorient, dando o mellor de si mesmos.
E como din naquelas terras, kenevò!



Sem comentários:

Enviar um comentário