quarta-feira, 12 de agosto de 2009
Kilrush 1967
The strange travel: Belfast, abril de 2009
Que gustedes pois da montaxe (que, coma decote, é cativeira pero digna). Por certo, que a música de fondo son dous temiñas de Michael McGoldrick, ambos e dous tirados do seu por agora último traballo en solitario, Wired. Como vedes, ando en plena conta atrás para o concerto do vindeiro día 23!
Arú!
terça-feira, 11 de agosto de 2009
De cando os urogalos estremeceron a Carballeira de Velar
E vou parando, porque aínda me hei emocionar e todo, e non é plan...
O certo é que nesta edición todo saíu, para o meu gusto, a pedir de boca. O clima atlántico, de natural rabudo, fíxose de rogar até ben avanzada a tarde e mesmo obrigou a suspender as actuacións dos grupos tradicionais, mais fóra diso deixou paso a unha noite estrelada ideal para desfrutar dos grupos que ían desfilar polo escenario. E que grupos! Desde a vea máis tradicional e apegada á terra e á recolleita dos Ruote até os ourensáns de Mutenrohi, pasando obviamente por eses monstros que son os asturianos Tejedor, que me obrigaron (máis unha vez!) a reconciliarme coa música asturiana. Mais, sen dúbida, a banda que máis me emocionou (e falo en serio, porque aínda botei máis de dúas bagullas escoitándoos tocar) foron eses urogalos bravos da Escocia, capaces de erguerte até os cimos da éxtase igual que de afundirte na máis insoportábel melancolía de néboas e naufraxios: eses fenonemais Donald Shaw, Manus Lunny, Karen Matheson, Charlie McKerron... En definitiva, Capercaillie. Como nunca antes os vira non sabería dicir se estiveron ou non á altura do que deles adoita esperarse nun concerto. Só sei que desfrutar en rigororísimo directo, a escasos cinco metros deles, todas esas cancións que fan parte da miña banda sonora persoal dos últimos anos... é algo que non pagan os 5 euros da entrada nin toda a queimada, empanada e/ou cervexa que un puidese consumir! Simplemente, magníficos. Por certo, a única decepción (mínima, en todo caso) foi comprobar que o meu admirado Michael McGoldrick, gaiteiro e frautista do grupo, non estaba con eles nesta ocasión. En todo caso, a decepción disipouse unhas horas máis tarde cando, fuchicando pola rede, descubrín que McGoldrick vai ofrecer unha actuación en Tapia de Casariego o vindeiro día 23 deste mes, no marco do Festival Intercéltico d'Occidente. Se Deus quer e o santo patrón dos folquis (sexa cal for) axuda, alí estaremos, en primeirísima fila!
Déixovos aquí un pequeno vídeo que vos pode dar idea do que fixeron os Capercaillie na carballeira do Velar. A calidade do mesmo (xa o adianto) é moi mala, mais supoño que os afeccionados ao folque (e máis en concreto os seguidores da traxectoria desta banda) recoñecerán, entre os ruídos de fondo e a distorsión da imaxe, os acordes dun dos seus temas máis coñecidos: "Kepplehall / The Osmosis Reel". E como berramos os milleiros de paisanos que nos congregamos ao pé do Castro de Meda cada primeira fin de semana de agosto: Ei Carballeira!
sexta-feira, 7 de agosto de 2009
O demo sometido na Capela da Pousa (Xunqueira de Ambía)
Velaquí un exemplo. Estando na Pousa (freguesía de San Salvador de Armariz, en Xunqueira de Ambía) déronnos noticia dunha capela dedicada á Inmaculada Concepción (Concección, tal e como figura na pequena imaxe desta virxe que preside a fachada) na que se conservaban varios santos. Grazas a Sara, do bar e supermercado A Pousa, que nos deixou moi xentilmente as chaves do edificio (ademais de me preparar un moi sabedor vermú de mediodía), puidemos observar esas esculturas de primeira man. Cómpre dicir que ningunha delas ten un excesivo valor artístico (non mo tomen a mal as xentes da Armariz, ledas e faladoras onde as haxa!), mais aínda así houbo unha que me impactou moito. É a imaxe dun santo amarrando cunha cadea a unha coitada diaña de peitiños arrichados e beizos desproporcionados, a lingua de fóra, unha man humana e a outra moi semellante ao pezuño dunha cabra. Non puiden evitar lembrar os epítetos que se lle dedican ao Demo nas Cantigas de Santa María de Afonso X: O demo [...] que á rosto de gata, O demo chus negro que pez... e lindezas polo estilo.
Persoalmente, a figura desta diaña paréceme un verdadeiro delirio da arte popular, polo esaxerado da representación, polo contraste da súa fealdade rebelde e suxerente coa calma venerábel (sensu christianu, claro está) que transmite a efixie do santo. Na pequenez e soidade da capela, escasamente iluminada, a diaña, máis que medo, transmitía unha inxenua simpatía...


A nosa ignorancia supina en temas desta caste obrigounos a preguntar. O suxeito, ao final, non era outro que San Bartolomeu, ou San Bertol-É-Meu, como lle teño oído chamar nalgunha parroquia de Vilalba, reinterpretación esta que ben pouco lle ten que envexar ao Santo Cuatro (por San Torcuato) do que nos falaron en Allariz e a outras denominacións semi-cómicas que temos anotadas por Galiza adiante. Segundo parece, este discípulo de Xesús encargouse de evanxelizar, entre outras terras, o reino da Armenia, nunha de cuxas cidades existía un templo dedicado a Astarot, demo falangueiro e curador ben coñecido polos fans do heavy do país. Como adoita acontecer cando un apóstolo de caché fai acto de presenza, o Astarot ficou mudo e deixou de facer milagres de súpeto, razón pola que os seus fieis acudiron a outro ídolo, este de nome Berit, que lles dixo que Astarot estaba sinxelamente espantado pola cantidade de anxos que rodeaban a Bartolomeu. O apóstolo, facendo gala da tradicional tolerancia cristiá, esnaquizou o ídolo de Astarot e consegueu converter ao cristianismo ao rei Polemón e toda a súa estirpe. Por desgraza, a alegría durou ben pouco, pois só uns días despois o noso amigo Bartolomeu acabou sendo esfolado... Por este motivo, a iconografía adoita presentárnolo co seu propio pelello nas mans, tal e como o encontramos na Capela Sixtina... E de aí, por certo, que os fieis acabasen invocando a San Bartolomeu como patrón dos curtidores... Unha desas ironías un tanto crueis da relixiosidade popular...quarta-feira, 29 de julho de 2009
Unha "pirusalda" de alén Eo
domingo, 26 de julho de 2009
De vellas, porcos e espigas marabillosas
A herba da marabilla do Castelo do Picato
O Castelo do Picato é unha penedía maxestosa que está na parroquia de San Lourenzo de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei. Desde o curuto, pódese agatuñar ata o bico por uns chanzos irregulares escavados na pena, vese a Terra Chá coma unha alfombra de herba mol a piques de levitar.
Debaixo deste castelo de pedra hai un pazo onde viven mouros e mouras aínda que agora, por mor das silvas e das hedras que alí medran, non se atina ben coa porta de entrada.
En certa ocasión a unha veciña da aldea máis achegada desapareceulle un porco e foi tras del ata o Castelo do Picato. Chamou e por entre os penedos viu saír o rancho e unha vella. O animal engordara, víase que fora ben tratado, e a vella, unha moura principal, preguntoulle polo prezo. A muller, sabedora de que os mouros soen ser xenerosos, díxolle que lle dese a vontade.
-Pois toma esta mantela, pero non a abras ata que chegues á casa.
A muller non fixo caso. Cando ía polo camiño desanoou a mantela e só viu unha presada de carbóns que baleirou no chan. Cando chegou á casa, mentres lle contaba ao marido a burla da vella moura, sacudiu de novo a mantela e caeron ao chan dúas pedriñas de ouro. Só dúas; as outras xa se esvaeran para sempre.
No comezo da primavera de 1998, cando andabamos coa preparación do Dicionario dos Seres Míticos Galegos, visitamos o Castelo do Picato. Un rapaz duns vinte anos, da casa propietaria daquelas fincas, revelounos unha historia fabulosa. Alí, e só alí, nos arredores dos penedos medra unha herba que dá tres espigas: centeo, millo e trigo. A planta marabillosa coa que os mouros e as mouras poden manter tan ben mantidos os porcos da veciñanza.
Mágoa que non fose sazón para vela.
Jesús Rodríguez López, en Gallegadas con alegrías de la tierra en verso y en prosa (Madrid, 1908) recrea con detalle a lenda da vella e o porco, e, ao tempo, amosa un aquel de desprezo pola inxenuidade da xente que acredita nestas historias.
Deméter e Ceres, as deusas grega e romana da agricultura, represéntanse con espigas como atributos. En Alsacia refírese a aparición marabillosa dunha Virxe María con tres espigas na man. A vella moura do Castelo do Picato é a memoria dunha antiga deusa da agricultura.
quarta-feira, 22 de julho de 2009
Vai o raposo ferido de violín...
Irlanda, pois. A costa oeste, inzada de músicos e de visionarios, como nos poemas de Seamus Heaney. Polos círculos concéntricos desas gravacións de Alan Lomax desfilan cantantes como Elizabeth Cronin, gaiteiros como Seamus Ennis e, por suposto, os imprescindíbeis violinistas. A un deles, de nome Mickey Doherty e procedente do condado de Donegal, gravoulle Alan Lomax unha peza intitulada "The Fox Chase". Na realidade, o tema vén sendo a versión enxebre dunha canción coñecida na tradición inglesa baixo o nome de "The Little Red Fox" e que, tal e como doadamente se infire do título, describía mediante unha melodía complexa e case histérica por momentos esa tradición tan británica como bárbara (se é que non hai certa sinonimia entre estes dous termos) que é a caza do raposo. Mickey Doherty, como comprobaredes, leva a expresividade da melodía até límites que estremecen, e obséquianos cunha lección de música descritiva feita desde os cauces do popular. O resultado é incríbel, pois está enchoupado dun vangardismo que a miúdo nos sorprende cando conserva aínda ese cheiro a taberna, a carqueixa, ese apego ao mato húmido e ás certezas do clima... E é que, durante uns segundos, Mickey Doherty obra a milagre e o violín metamorfoséase nun raposo agonizante, alcanzado na súa fuxida polos cazadores e os seus cans, laiándose a coitada criatura mentres un rego de sangue esvara por entre a follaxe do outono. No momento do clímax, cando a tensión da melodía rota se volve case insoportábel e a dor evocada chega a sernos propia, o músico racha o ritmo traballosamente construído e acomete con potencia, digamos que mesmo con alegría, unha jig abondo coñecida por todos os amantes da música irlandesa como é "The Fox Hunter's Jig", obxecto de múltiples e fermosas versións como a que dela fixeron The Chieftains no seu inimitábel The Chieftains Live, ou os mesmos Lúnasa en épocas máis recentes.
Mais como un sempre ten ese prurito algo parvo da estética, permitinme adornar esta canción con imaxes antigas doutros violinistas de aquí e mais de acolá, dunha beira e doutra dese vasto mar familiar que xungue esta e mais a outra Irlanda. E así veredes os rostros contorsionados pola música de mestres como Dennis Murphy, Ted Furey, Paddy O'Keeffe ou o mesmo Mickey Doherty ao carón dos de Florencio dos Vilares ou a Cega de Miranda, noutrora grande animadora de feiras coma a de Parga e cuxa arte aínda lembra con admiración xente da idade de meu avó. Xentes que, como ben dixo Quico Cadaval nunha inesquecíbel conferencia, emerxían desde o anonimato da súa condición popular para convertérense, durante uns minutos ou uns días, artistas de sona e creto, protagonistas do retrato e do gramófono e, de novo, retornaren ao fragor do cotián...
